O pleno ordinario do sábado tomará razón da renuncia do socialista Eduardo Lourido

0

Este sábado volve haber pleno en San Sadurniño. É o de carácter ordinario que lle corresponde ao mes de xullo e na súa orde do día figuran sete puntos. Practicamente todos son de trámite agás dous deles referidos a mocións presentadas polo BNG, unha en apoio da loita contra a praga da avespiña do castiñeiro e outra sobre os recortes orzamentarios do Plan de mellora de camiños municipais da Consellería do Medio Rural. Seguramente sexan estas dúas cuestións -e as que xurdan no apartado de rogos e preguntas- as que propicien o debate dun pleno no que, ademais, se agarda a incorporación da concelleira popular Cristina Calvo e no que se lle dará conta á corporación da dimisión do ata agora portavoz do grupo municipal do PSdeG-PSOE, Eduardo Lourido Doval. Nun escrito dirixido á alcaldía o pasado 1 de xuño, Lourido presenta a súa renuncia ao cargo por motivos persoais. Trala comunicación plenaria, abrirase o proceso perante a Xunta Electoral para a súa substitución. Unha responsabilidade que, previsiblemente, recaerá na nº 2 da candidatura socialista, Yolanda Vázquez Pazos. 

Na súa carta de dimisión, Eduardo Lourido manifesta o “orgullo” e a “honra” que para el supuxo ter representado a San Sadurniño durante os últimos dous anos. Nela o xa exedil socialista pide “desculpas públicas ás persoas que se poidan sentir defraudadas” pola súa decisión que, segundo suscribe, atende a “motivos estrictamente persoais”.

A carta rexistrada o mes pasado finaliza cun agradecemento dirixido ás persoas “que en min confiaron” e tamén aos membros da corporación municipal e persoal do Concello “polo trato respectuoso e democrático recibido, tanto á miña persoa como ao grupo político que represento”.

A marcha de Eduardo Lourido é a terceira que se produce  no presente mandato, logo das renuncias de Andrés Fernández Graña e Silvia Fernández Muíño nas filas do PP. Trala toma de coñecemento da dimisión do edil socialista, o pleno deberá iniciar o procedemento para cubrir a vacante dirixíndose á Xunta Electoral. Todo apunta a que o cargo de portavoz e única representante do PSdeG-PSOE na corporación será ocupado por Yolanda Vázquez Pazos.

Sobre a cuestión da configuración da corporación municipal, o pleno tamén leva o punto da toma de posesión da concelleira electa do PP Cristina Calvo Tuimil en substitución de Silvia Fernández, quen renunciou ao seu cargo o pasado 22 de febreiro. A toma de posesión de Calvo xa figuraba na convocatoria do pleno do pasado mes de maio. Sen embargo, a nova edila non se presentou para facer efectiva a ocupación do seu escano no grupo popular, debido, segundo parece, a que se encontraba traballando no estranxeiro. O punto volve incluírse na sesión do sábado, aínda que cómpre lembrar que nestes casos a normativa electoral non establece a obrigatoriedade de tomar posesión nun prazo máximo determinado.

Mocións nacionalistas
A orde do día do pleno completarase co apartado de rogos e preguntas, coa dación de conta sobre os acordos e resolucións adoptados desde a última sesión e con dúas mocións que defenderá o BNG.

A primeira delas critica a “lentitude” da Xunta de Galicia á hora de controlar o andazo da avespiña do castiñeiro. Segundo expón a agrupación nacionalista local, o avance da praga “por toda Galicia, mesmo no concello de San Sadurniño”, vai supoñer un atranco “para a produción de castaña, para os viveiros, para as empresas elaboradoras e comercializadoras e incluso para as persoas particulares que posúen castiñeiros nas súas fincas”. Por esta razón o BNG solicita que se faga unha avaliación e un seguimento constante da evolución da praga, que se incremente a investigación e os medios para combatela e que se autorice a solta e venda de predadores naturais como a Torymus sinensis.

A segunda moción refírese á dotación deste ano do Plan marco de mellora de camiños rurais promovido pola Consellería de Medio Rural, que en 2016 andaba cerca dos 20 millóns de euros e que neste 2017 non chega aos 16. O BNG critica a rebaixa económica e acusa á Xunta de “desleixo” polo medio rural, puntualizando que as asignacións concretas para cada municipio obrigarán a presentar “proxectos despezados, obras menores e investimentos aillados que non responden a unha estratexia para desenvolver o medio rural galego”. Así, a parte final da moción insta ao goberno galego a incrementar a dotación económica do plan e a asegurar un orzamento plurianual “que asegure investimentos sostidos e progresivos” en colaboración cos municipios.

Share.