O pleno ordinario deste xoves votará o acordo con Narón para o uso compartido da EDAR de Cornide e o abastecemento da zona limítrofe da Portela

0

Este xoves celébrase pleno ordinario en San Sadurniño con oito puntos na orde do día. Os máis destacados entre os que requirirán votación son tres: a incorporación ao inventario municipal das obras e do equipamento de accesibilidade instalado no castelo de Naraío, a adopción dun acordo sobre a demanda ao Estado de que autorice aos municipios poder dispoñer dos seus remanentes -por medio de mocións presentadas polo BNG e o PP- e, en terceiro lugar, o acordo co Concello de Narón para que os domicilios limítrofes coa Portela poidan verter na EDAR de Cornide, ademais de dispor de abastecemento de auga procedente da potabilizadora municipal. Na sesión tamén se dará conta da liquidación do orzamento municipal de 2019, onde se sinala que San Sadurniño cumpriu con todos os requisitos de estabilidade orzamentaria, regra de gasto e límite de débeda, ademais de contar cun remanente de tesouraría axustado de 1.657.324,37 euros.

O convenio con Narón que se someterá a votación reflicte dúas realidades: o problema dunha vintena de vivendas de Pedroso para verter as súas augas residuais pola complexidade que suporía levalas até a depuradora que hai na parroquia (preto da Capela da O) e, por outra banda, a ausencia nesa zona limítrofe coa Portela dunha traída municipal coa que si conta San Sadurniño moi preto de alí.

San Sadurniño e Narón levan tempo falando da posibilidade de compartir eses servizos básicos e o acordo recolle como facelo. En primeiro lugar establécese o compromiso de San Sadurniño de abastecer de auga esa área, previa solicitude do concello veciño e tamén previa elaboración dunha memoria técnica que cuantifique os custes dese servizo.

O que si está xa marcado é o prezo da vertedura na EDAR de Cornide. O mantemento anual da depuradora está cifrado en algo máis de 34.600 euros que ambos consistorios asumirán proporcionalmente segundo o número de domicilios usuarios, 262 en San Sadurniño e 20 en Narón. Este último deberá facerse cargo, polo tanto, dun 7,09% do gasto -2.460,16€/ano-, que se satisfará maioritariamente en especie mediante unha asistencia técnica, encomendándolle á empresa de augas COSMA a revisión semanal do funcionamento dos equipos, dos resultados analíticos e do funcionamento xeral da EDAR. Do custe total faltarían por cubrir algo máis de153 euros que Narón lle transferirá a San Sadurniño todos os anos mentres dure o acordo, que ten unha vixencia inicial e prorrogable de tres anos.

Outros asuntos do pleno
Na convocatoria da sesión -fixada para as 19.30h.- tamén figura a modificación puntual do Inventario Municipal de Bens para anotar nel as obras de accesibilidade desenvolvidas no castelo de Naraío.

Por outra banda someterase á aprobación da corporación a proposta de festivos locais para 2021 -o 16 de febreiro, Martes de Entroido, e o 2 de xullo, Santa Isabel- para, deseguido, debater o posicionamento do Concello en relación coa utilización de remanentes económicos. Hai dúas posturas, unha defendida polo BNG e outra do PP, que coinciden no esencial -aínda que os textos e propostas de acordo distintas- solicitando que os municipios poidan decidir de forma autónoma a xestión dos seus recursos, actualmente encorsetada pola denominada “Lei Montoro” que impón límites ao gasto e ao endebedamento das administracións locais, independentemente da súa saúde económica.

O penúltimo asunto do pleno tratará precisamente sobre o estado económico de San Sadurniño coa toma de razón da liquidación do orzamento de 2019. O informe da Intervención municipal sinala un remanente de tesouraría para gastos xerais axustado que ascende a 1.657.324,37 euros. Tamén indica que a 31 de decembro o Concello dispuña de 1.451.419€ de fondos líquidos e que a previsión de gastos descrita inicialmente no orzamento se executou en case un 80%. O informe tamén apunta a un cumprimento dos parámetros de estabilidade orzamentaria, de regra de gasto e de límite de débeda.

Share.