O pleno ordinario deste sábado aprobará destinar máis de 100.000 euros á rede viaria

0

A corporación municipal volverá reunirse en pleno este sábado pola mañá -11.30h.- nunha sesión ordinaria convocada inicialmente con cinco asuntos na orde do día. E dicimos inicialmente porque o punto número 4 que figuraba na convocatoria foi retirado por acordo do BNG e do PSOE. Tratábase dunha moción presentada polo grupo socialista contraria á revisión catastral que está levando adiante o goberno do Estado. Na mesa de asuntos do pleno os dous grupos acordaron adiar a moción para a seguinte sesión co obxectivo de aprobar nel un texto consensuado. Desta maneira o pleno queda con catro puntos dos que un será a aprobación da acta anterior e o outro o dos rogos e preguntas. Así, as dúas cuestións con contido de seu ocuparanse da declaración institucional co gallo do 8 de marzo, Día da Muller, e dunha modificación de créditos que permitirá incorporar ao orzamento municipal unha partida de 103.124,61 euros coa que se arranxarán case 5 quilómetros e medio de pistas.

Este investimento forma parte do “Plan marco: mellora de camiños municipais de acceso a explotacións agrarias 2016”, un programa do AGADER financiado con fondos europeos que lle achegará a San Sadurniño algo máis de 85.000 euros mentres que os 18.000 restantes correrán por conta do Concello. Contías que deben estar reflectidas no orzamento municipal e de aí que para incorporalas sexa necesario botar man da denominada “modificación de créditos”, que nada ten que ver con pedir préstamos. De feito, neste caso a modificación consistirá en incorporar ás contas municipais os cartos provenientes do AGADER e en modificar as partidas do orzamento para axustar os 18.000 euros que porá o Concello.

En calquera caso, o interesante do asunto é que a modificación de créditos permitirá levar adiante o arranxo de oito pistas de titulariedade municipal que, en conxunto, se aproximan aos 5,5 km de trazado. Tal e como marca a convocatoria da Consellería do Medio Rural, todas elas son vías que nalgún dos seus puntos deben dar acceso a explotacións agrícolas ou gandeiras. Así, en Naraío repararanse as pistas A Fraguela-Vilarxá e A Fraguela-As Nabeiras (1,3km.), en Lamas amañarase o camiño Penacastrelo-O Vilar (800m.) e no Camiño Arriba tocaralle á pista desde Vilela ata O Freixo (800m.). En Bardaos hai tres actuacións: O Castro-A Bañoca, As Loibas-O Carbeiral e As Loibas-Fonte do Coto, que xuntan uns dous quilómetros de pistas. No caso de Santa Mariña repararase a pista da Pena (345m.)

Á hora de elixir as pistas, o Concello buscou cumprir os requisitos do programa do AGADER e manter o equilibrio territorial das actuacións, tendo en conta que no Plan de Obras e Servizos aprobado a finais de ano xa se incluíran outras actuacións na rede viaria municipal.

Moción co gallo do 8 de marzo
Antes de falar de camiños, a orde do día do pleno tamén inclúe a votación da declaración institucional con motivo do Día Internacional da Muller. A cerna do texto reivindica que a tarefa da consecución da igualdade real “é un labor diario que a todas e todos nos corresponde tanto nas institucións como na sociedade” apostando neste sentido por “propor e decidir para que o traballo e o emprego se distribúan en condicións dignas, para que as tarefas dos coidados sexan compartidas, para que a afectividade e a sexualidade se vivan de maneira diversa, libre e segura; para que se superen os estereotipos e roles,para que desaparezan os ataques sexuais e sexistas, para que a precariedade e a pobreza non teñan nome de muller e para que se dean as mesmas opcións reais de decisión nos centros de poder, entre outros factores”.

A moción reivindica “medidas normativas, técnicas e económicas audaces, deixando a un lado os actuais recortes que estamos a sufrir” e volve ratificar o compromiso municipal coa igualdade de xénero “para seguir traballando” tomando como guía principal o II Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes aprobado polo Concello. O texto finaliza lembrando un fragmento poético de Manuel María, autor ao que este ano se lle dedican as Letras Galegas:

“As mulleres galegas-labregas,
mariñeiras, artesás, obreiras,
pasado, pobo, presente,
alma e futuro de Galicia-
as que non foron cantadas”

Os actos conmemorativos do Día da Muller, o venres 18
Seguindo o costume, o Concello sacou do propio día 8 os actos centrais de conmemoración do Día Internacional da Muller. Este ano a data celebrarase o venres 18 na Casa da Cultura a partir das 18.30h. cunha completa programación en feminino.

O evento arrancará cunha breve presentación por parte da titular da área de Igualdade, Ana Belén B. Gundín para despois darlle paso á proxección da curtametraxe “O tempo da mazá”, dirixida polo realizador Miguel Mariño dentro do proxecto Chanfaina Lab.

O programa incorpora a dramatización do conto “As mulleres de Torneiros” a cargo do grupo A Tropa de Trapo. A historia describe un traballo de equipo e de amizade onde varias mulleres comparten anécdotas, medos, prexuízos, ilusións e esforzos para viviren unha grande aventura.

O acto de celebración do Día Internacional da Muller pechará coa proxección dunha peza referida ao programa “Tempos para compartir” e coa actuación do grupo de baile tradicional da AC As Aturuxeiras acompañadas das nenas da escola municipal de pandeireta.

– See more at: http://workplace.afaisca.com/gl/novas/contenido/0368_gl.html#sthash.2XAchZE2.dpuf

Share.