O pleno ordinario debaterá a modificación puntual das normas subsidiarias para crear chan residencial ao pé do Centro de Día

0

O pleno deste mes de setembro, convocado para as 19:30h de mañá xoves, leva catro puntos na parte resolutiva entre os que destacan a proposta de aprobación da ordenanza xeral de subvencións, a distribución dos fondos do POS+ Adicional e a modificación puntual das normas subsidiarias de ordenamento urbanístico para pasar a chan de uso residencial unha parte da finca situada pola parte de abaixo do Centro de Día. Con respecto a este último asunto, o cambio das normas subsidiarias delimitaría un espazo próximo aos 4.400 metros cadrados con posibilidade de que nel se constrúan no futuro ata cinco vivendas unifamiliares. Ademais destas cuestións, ao tratarse dunha sesión de carácter ordinario, tamén haberá apartado de rogos e preguntas e unha moción en apoio dunha iniciativa lexislativa popular promovida pola plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia.

A modificación puntual das normas subsidiarias atinxe unicamente ao terreo que rodea o Centro de Día de San Sadurniño, e non a toda a súa superficie -algo máis de 9.000 metros cadrados desde a estrada de Ortigueira até o peche da horta de froiteiras Carlos Fornos-, senón a un total de 4.378 m² que na actualidade teñen a cualificación de solo urbano e de solo non urbanizable.

Co cambio, a terra pasaría ter a consideración de solo urbano non consolidado e o novo polígono resultante comprendería unha rúa, espazo dotacional e verde e a subdivisión en cinco parcelas de 300 m² nas que se poderían construír outras tantas vivendas unifamiliares independentes de baixo máis un andar, sen superar os 7 metros de altura.

No informe técnico que acompaña a proposta que se debaterá en pleno destácase que o desenvolvemento futuro deberá estar suxeito a algunha modalidade de protección pública e xustifícase a modificación no obxectivo municipal de habilitar chan para construción de vivendas, ao tempo que se mellora a ordenación do tecido residencial do núcleo urbano de San Sadurniño garantindo a transición entre o medio habitado e o rural que o rodea.

Outros asuntos do pleno
A orde do día do pleno ordinario do derradeiro xoves de setembro comprende máis asuntos para deliberación e acordo da corporación. De feito, antes de chegar á modificación puntual das normas subsidiarias, os tres grupos tratarán, en primeiro lugar, a aprobación da distribución dos case 354.000 euros habilitados pola Deputación da Coruña con cargo ao POS Adicional 02/2022.

Dese montante global, 98.200 euros dedicaranse a gasto corrente co obxectivo de compensar o incremento de prezos en subministracións -principalmente electricidade e combustibles- que se produciu ao longo deste ano, mentres que os 255.600 euros restantes dedicaranse a financiar dous dos proxectos previstos inicialmente no Plan Complementario aprobado a primeiros de ano canda o resto das obras do Plan Único: o aglomerado desde a Camba até o límite con Moeche, cuantificado en 169.281,43€, e a reparación da pista e formación dunha senda peonil entre a Chabola e o Chao de San Cristovo, cuantificada en algo máis de 86.300 euros.

Por outra banda, na sesión tamén se votará a proposta do articulado da ordenanza xeral de subvencións, un documento do que o Concello non dispuña e que virá establecer o marco xeral normativo para todas as achegas que convoque a Administración local, incluídas axudas a entidades e particulares e convenios nominativos. A ordenanza non reflicte contías nin tampouco os obxectos das subvencións, senón que establece criterios unificados -de tramitación, de publicidade, de xustificación, etc.- polos que deberán rexerse todas e cada unha das liñas de axuda ou acordos de colaboración de tipo económico que promova o consistorio.

No tramo final do pleno, reservado para as mocións, rogos e preguntas, incorporouse unha proposta de declaración institucional en apoio da plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia para levar adiante unha iniciativa lexislativa popular coa finalidade de blindar a atención sanitaria. A ILP pide, entre outras cousas, que a “regra xeral” nas consultas médicas sexa a atención presencial, que se remate coa precariedade e inestabilidade do persoal e que se reforce a dotación dos centros de saúde. Tamén se esixe que a Atención Primaria, “en risco real de desmantelamento e privatización”, teña asegurado polo menos o 25% do gasto sanitario en Galicia.

A sesión ordinaria está posta en primeira convocatoria para as 19:30h deste xoves 29 de setembro. Poderá seguirse ao vivo -salvo algún imprevisto técnico- a través do Facebook do Concello de San Sadurniño e o audio tamén estará dispoñible en iVoox aos poucos minutos do seu remate.

 

Share.