O pleno ordinario de xullo votará declarar persoas non gratas aos membros da “Manada”

0

San Sadurniño celebra este sábado -11.30h.- sesión ordinaria do pleno municipal cunha relación de seis puntos na orde do día. De todos eles -e a falta de saber se entra algunha moción de última hora e os rogos e preguntas que poidan xurdir- só un deles ten certa trascendencia, posto que se tratará a declaración como persoas non gratas dos compoñentes da autodenominada “Manada”, condenados a 9 anos de prisión por abuso sexual a unha moza durante as festas do San Fermín de 2016. Os cinco homes están neste momento en liberdade e cunha orde de afastamento da vítima á espera do pronunciamento do Tribunal Superior de Xustiza de Navarra sobre a súa apelación. A moción que se debaterá no pleno -presentada polo BNG- sinala que o caso “é a punta do iceberg” dunha situación que se repite “con moita máis frecuencia da que pensamos” e que, polo tanto, debe visibilizarse. O texto reclama, ademais, o “urxente” entendemento entre a xustiza e a sociedade nunha cuestión tan sensible.

Antes de entrar no debate da moción daráselle conta á Corporación das resolucións adoptadas pola alcaldía desde a anterior sesión, a última delas referida á delegación de varias competencias na Xunta de Goberno Local. Serán a concesión de licencias de obra e instalación, as de primeira ocupación ou as de apertura de establecementos; tamén a concesión de autorizacións para a utilización privativa especial do dominio público, a aprobación de expedientes e a adxudicación de contratacións, o alleamento de bens, a aprobación de ofertas de emprego público, a declaración de situacións administrativas do persoal ao servizo da administración e a análise e estudo -xunto co posterior acordo ou informe, ao respecto de comunicacións doutras entidades e organismos.

Deseguido, e antes de entrar na quenda de mocións urxentes, rogos e preguntas -os dous últimos puntos da orde do día-, debaterase o acordo de declarar como persoas non gratas a José Ángel Prenda Martínez, Alfonso Jesús Cabezuelo Entrena, Jesús Escudero Domínguez, Ángel Boza Florido e Antonio Manuel Guerrero Escudero, máis coñecidos polo nome de “A Manada”, en referencia á denominación que usaban como grupo en Whatsapp.

Na madrugada do 7 de xullo de 2016, en plenas festas do San Fermín en Pamplona, os cinco “abusaron” sexualmente dunha rapaza de 18 anos no entrechán dun edificio. Poñemos a palabra entre aspas xa que esa foi a tipificación do delicto que lle aplicou o tribunal, mentres que para a fiscalía -que pediu 22 anos e 10 meses de cadea por agresión sexual- e a opinión pública se tratou dunha violación en grupo merecente dunha pena maior que os 9 anos de prisión ditaminados recentemente. Unha sentenza recorrida pola defensa perante o Tribunal Superior de Xustiza de Navarra que se saldou hai escasos días coa posta en liberdade dos cinco acusados e cunha grande contestación social en todo o Estado.

A moción que se trae a pleno en San Sadurniño repasa os antecedentes do caso criticando a liberación a pesar da condea “con argumentos difíciles de entender”, habida conta que os cinco membros da “Manada” non amosaron “o máis mínimo arrepentimento” e mesmo terían “defendido publicamente o seu desprezo pola vítima”. Critícase ademais que como medida se lles impuxese aos agresores a obriga de manterse a 500 Km. de distancia da vítima. Unha decisión que, segundo o escrito, “confina á moza nunha urna de cristal” mentres permite o libre movemento dos condenados “por todas as partes do territorio que consideren”.

O texto reclama o apoio plenario á declaración como persoas non gratas dos cinco membros do grupo para “dar un paso máis na denuncia desta inxustiza social” e como xeito de sumarse “ao berro cidadán” ante “un feito moi grave”. A moción expresa a “solidariedade e arroupo” á vítima e pon o acento sobre as agresións sexuais como “arma máis empregada contra as mulleres” e sobre a necesidade de “visibilizar os centos de casos anónimos que suceden ao noso arredor con moita máis frecuencia da que pensamos”.

Se a moción sae adiante -para o que chegaría a maioría do grupo de goberno- non só se declararía persoas non gratas aos cinco membros da “Manada”, senón que tamén se lle trasladará o acordo á representación legal da vítima “para que sexa coñecedora do apoio real que ten”.

 

Share.