O pleno ordinario de novembro celébrase esta tarde

0

A ausencia da secretaria municipal o pasado sábado levou ao Concello a adiar para a tarde deste martes ás 17.00h. a sesión ordinaria do pleno municipal correspondente ao mes de novembro. A orde do día compóñena os asuntos fixos, é dicir, a votación da acta da sesión anterior, a dación de contas das resolucións adoptadas pola alcaldía desde o último pleno e os apartados relativos a mocións urxentes, rogos e preguntas. Nesta ocasión -e a falta de que poidan incorporarse asuntos pola vía da urxencia- só hai dous temas para tratar presentados polo grupo do BNG: unha moción en apoio ao “19 de Meirás” e outra relativa á regulamentación do sector eléctrico e, nomeadamente, ao prezo da luz.

O primeiro dos asuntos para debate refírese ao procedemento xudicial que se segue contra 19 persoas que levaron a cabo unha acción de protesta no pazo de Meirás o 30 de agosto de 2017. Aproveitando unha visita guiada ao inmoble -propiedade da familia Franco- despregaron pancartas reivindicativas sobre a devolución do pazo e doutro patrimonio “espoliado” polo ditador.

A acción, que tivo unha grande repercusión mediática, foi denunciada no xulgado tanto polos heredeiros de Franco como pola fundación que leva o seu nome. Hai escasos días, 19 persoas foron chamadas a declarar no xulgado de Betanzos. A parte demandante acúsaas de violación de morada, delito contra a honra, danos e delito de odio que, en conxunto, podería conlevar “até 247 anos de prisión e arredor de medio millón de euros en multas”.

Na moción cualifícase a denuncia como “unha verdadeira barbaridade desde o punto de vista político e xurídico”, nun caso por tratarse dun ben que aínda está en mans dos Franco cando debería ser propiedade do Patrimonio público e, no outro, por estarse xulgando “un acto pacífico e democrático” que se desenvolveu durante unha visita guiada ao inmoble, declarado Ben de Interese Cultural.

A moción do BNG insta á corporación a adoptar o acordo de expresar o apoio ás persoas que participaron naquel acto reivindicativo, rexeitar a demanda interposta pola Fundación Nacional Francisco Franco e a familia, condear que a fundación “faga apoloxía do xenocidio fascista, da ditadura e do ditador” entro do inmoble e, por último, instar ao Goberno estatal para que inicie “de xeito inmediato” accións legais para recuperar o pazo de Meirás, de acordo co informe histórico e xurídico elaborado a instancias da Deputación da Coruña.

A outra moción, centrada no sector eléctrico, defende a enerxía “como un ben público” e denuncia os mecanismos “opacos” e de “oligopolio” mediante os que se fixa o prezo da electricidade, que case sempre queda marcado polas tecnoloxías de produción  máis caras, en detrimento daquelas, como por exemplo a hidráulica, que xa están amortizadas e poden producir a custes moi baixos. Por outra banda no texto tamén se lembra que na factura da luz se paga un ive do 21%, “un dos máis altos de Europa”, e que Galicia, malia xerar o 35% da electricidade estatal, “vaia pagar a factura máis cara do Estado”.

Neste sentido, o Bloque volve solicitar unha tarifa eléctica galega “que abarate o prezo final da enerxía no noso país”, co obxectivo de “democratizar o acceso á enerxía para todas as persoas e asentar o tecido industrial e económico”. Os tres puntos que se someterán a acordo son o de instar á Xunta para que demande do Goberno central a rebaixa do ive da electricidade do 21 ao 4%, que se exclúa a Galicia da compensación ás eléctricas por mor dos suplementos territoriais -arredor de 38 millóns de euros que se repercutirían nas persoas usuarias- e, como última proposta, que se modifique a lei reguladora do sector eléctrico para acomodar nela unha tarifa eléctrica galega que abarate os consumos domésticos e empresariais. Esta última reivindicación estaría amparada, segundo o grupo nacionalista, polo feito de que Galicia é “nación produtora de enerxía eléctrica”, ademais de “soportar os custos sociais e medioambientais das instalacións de produción”.

 

Share.