O pleno municipal debaterá este mércores os investimentos do POS e os orzamentos de 2019

0

O Concello de San Sadurniño celebrará no serán deste mércores -19.30h.- unha das sesións plenarias máis trascendentais do ano, xa que nela se debaterán como dous únicos puntos a aprobación dos proxectos que se incluirán no Plan Único de Concellos da Deputación da Coruña así como as contas que rexerán o funcionamento municipal durante o ano que entra. No primeiro caso tratarase a distribución duns 782.000 euros -incluídos 276.000 de previsión de ingresos a través do Plan Complementario- e, no segundo, abordarase un orzamento que se sitúa nos 3.023.807,32 euros.  

O debate sobre a aprobación do orzamento muncipal de 2019 é o primeiro punto da orde do día. As contas medran por terceiro ano consecutivo incrementándose en máis de 210.000 euros con respecto ao 2018, un 7,61% máis que irá destinado tanto a atención á dependencia como a outras accións de carácter social.

De feito, esta cantidade a maiores obedece á previsión de aumentar en 4.000 horas anuais o Servizo de Axuda no Fogar, a unha dotación tamén maior para subvencións culturais e deportivas e ao desenvolvemento de obras e servizos nas parroquias á parte dos proxectos encadrados nos plans provinciais e autonómicos.

O executivo local destaca, ademais, o peso específico do Plan Único de Concellos da Deputación, que reservou unha partida total para San Sadurniño de 506.000 euros divididos en tres apartados: 221.000 da achega para o ano que vén, 133.000 procedentes do superávit provincial durante este ano e 152.000 a través da liña crediticia do antigo Plan de Aforro e Investimento.

Á hora de distribuír os capítulos do POS+ -que ocupará o segundo punto do pleno extraordinario- o Concello encaixou as partidas en cada unha das posibilidades definidas nas bases do programa provincial, de xeito que unha parte da achega de 2018 irá para o pagamento a provedores e a outra a investimentos -reforzados con case 24.000 euros de fondos municipais-, mentres que a contía marcada como achega de 2019 irá parar a gasto corrente. O préstamo provincial resérvase integramente para obras.

Os proxectos que se van levar a cabo son o da pavimentación dos camiños de Sabanda á Pena, un acceso no Colado e o camiño do Espiñeiro, en Santa Mariña do Monte; a reparación das pistas desde Vilafiúnce até a estrada de Pedroso e desde Piñeiros ata o límite con Narón, en San Sadurniño; a renovación do firme entre O Pico e Campolabrado -Naraío- e o do camiño entre a Ermida e os Miguelares -Igrexafeita-; o arranxo da pista que une Cadavás coa estrada provincial e a que vai ao Pico de Ferreira -ambas en Ferreira- e, por último, a reparación dos camiños de Castrelo-Cabanela-A Veiga e o que comunica o núcleo da Bañoca con Moeche, obra esta última que o concello veciño completará polo seu lado.

Son actuacións por valor de 246.000 euros xa confirmados, aos que hai que engadirlles outros catro proxectos por valor de 276.500 euros que o ente provincial financiaría con cargo ao chamado Plan Complementario. Os proxectos definidos polo Concello son a pavimentación do camiño que une A Chabola con Amido – en Ferreira e Igrexafeita-, a reparación da pista que vai desde O Cando até o Castro -Igrexafeita-, o amaño das pistas do Freixo á Vila e a dos Foxos -en Naraío- e a construción dunha sala polivalente anexa ao local social de Lamas que mellore tanto a accesibilidade como as posibilidades de uso do recinto.

Estes dous asuntos, o POS+ e o orzamento municipal de 2019, serán os únicos temas dunha sesión aberta ao público que, ao ser extraordinaria, non contempla os apartados de mocións, rogos e preguntas nin tampouco quendas de intervención da veciñanza. Ao seu remate o audio íntegro estará dispoñible a través da plataforma ivoox.

 

 

Share.