O pleno do sábado aprobará incorporar ao orzamento o Plan de emprego da Deputación

0

O pleno ordinario de maio, que se celebra o sábado ás 11.30h., conta na súa orde do día con sete puntos entre os que destaca a modificación orzamentaria para reflectir a execución do Programa de Integración Laboral da Deputación da Coruña. Trátase dunha das liñas do Plan de Emprego Local da Deputación e achegaralle a San Sadurniño 28.000 euros para contratar persoas “incluídas en situacións de exclusión laboral”. Concretamente mulleres, persoas maiores de 45 anos, persoas con algunha discapacidade, persoas paradas de longa duración, vítimas de violencia de xénero ou “persoas desfavorecidas”. A cantidade do programa é fixa e, unha vez incorporada ao orzamento, o Concello deberá definir que proxecto se desenvolve, canta xente se poderá contratar e durante canto tempo.

Ademais deste asunto, o pleno tamén debaterá un punto relativo á modificación do capítulo de gastos deste 2016 co obxectivo de acomodar a ampliación da xornada laboral da responsable da Aula CeMIT tralo acordo suscrito recentemente con Moeche. A grandes trazos, o convenio establece que a alfabetizadora dixital ofrecerá cursos e outras actividades durante 7,5 horas á semana cun custe mensual de 413 euros que serán asumidos integramente polo Concello de Moeche. Neste mesmo punto da orde do día incluiuse, ademais, a modificación do orzamento de cara a asinar un convenio coa asociación agroecolóxica A Cortiña.

Tralas cuestións de xestión, o pleno meterase de cheo no das mocións. A primeira delas introduciuna o PP referida ao procedemento de regularización catastral 2013-2016 do Ministerio de Facenda. O famoso catastrazo para o que o grupo popular propón unha moratoria de aplicación mentres non se valoren “suficientemente” as peculiariedades dos concellos galegos así como exencións “o máis amplas posibles” para as explotacións agrarias e gandeiras.

A segunda proposta, introducida polo goberno local, aborda a declaración institucional a prol do cumprimento da Carta europea das linguas rexionais e minorizadas. Nela íntase á Xunta a que faga efectiva a Carta, que se elabore un novo decreto do galego consensuado e que, namentras, se derroguen os artigos “que poñen límites ao uso do galego nas aulas”, entre eles os referidos “á prohibición de impartir na nosa lingua as materias cientifico-técnicas ou matemáticas”.

O penúltimo asunto da sesión -antes de entrar no apartado de rogos e preguntas- será a toma de razón por parte do pleno da renuncia como edil de Andrés Fernández Graña, número 2 das listas do Partido Popular.

Share.