O Pleno elixirá esta tarde a composición das mesas electorais para o 28A

0

Para esta tarde ás 19.00h. hai convocado un pleno extraordinario que inclúe na súa orde do día dous únicos puntos. O primeiro deles é o sorteo da composición das mesas electorais para os comicios do domingo 28 de abril, cando votaremos as candidaturas ao Parlamento do Estado e ao Senado. En San Sadurniño poderán votar 2.514 persoas, segundo o censo actualizado do que tamén  sairán os nomes para as mesas elixidos mediante o sorteo automatizado, de acordo cos requisitos que establece a normativa electoral. De ser o caso, e unha vez que lles chegue a notificación, as persoas designadas terán un prazo de 7 días para alegar perante a Xunta Electoral de Zona as causas que lles impidan aceptar o cargo.

Aproveitando a esixencia de convocar pleno para elixir as mesas nestes días, o Concello introduciu tamén na orde do día a proposta de acordo sobre a desafectación dun tramo de camiño na paraxe de Entremuros, en Piegolongo, na parroquia de Lamas. Un asunto de trámite que entra na convocatoria pola vía da urxencia, que deberá ser votada previamente.

Antes diso será cando se vaian sorteando e cantando publicamente os nomes das persoas elixidas para as mesas. Cada un dos sete centros de votación cos que conta San Sadurniño terán unha presidencia e dúas vogalías, xunto coas correspondentes suplencias. Trátase de cargos de obrigado desempeño que, porén, non poden ocupar persoas que vaian nalgunha lista.

Para formar parte das mesas a lei marca como requisitos saber ler e escribir e ser menores de 70 anos. Ademais, para presidir o colexio electoral tamén fará falla dispor, como mínimo, do título de Bacharelato ou FP de Segundo Grao ou, subsidiariamente, o de Graduado Escolar ou equivalente.

Participar nunha mesa electoral é unha encomenda básica e moi importante do sistema de elección democrático. Como compensación establécese o cobro dunha dieta e, ademais, as persoas da mesa tamén teñen dereito a unha redución de 5 horas na xornada de traballo ao día seguinte.

Hai varios casos xustificados en que unha persoa que resulte designada poderá recorrer o seu nomeamento, entre eles ser maior de 65 anos, estar nunha situación de discapacidade ou en distintas gradacións de incapacidade -temporal, permanente-, atoparse embarazada de máis de seis meses, ter participado nunha mesa alomenos tres veces nos últimos dez anos, etc. Todas esas causas xustificadas están recollidas na web da Xunta Electoral Central, onde se van publicando  os seus acordos e as sucesivas instrucións aclaratorias sobre a normativa electoral.

No procedemento plenario desta tarde elixiranse os cargos para un total de sete mesas, onde poderán votar 2.514 persoas: 735 en San Sadurniño, 431 en Naraío, 388 en Lamas, 279 en Santa Mariña do Monte, 239 en Ferreira, 229 en Bardaos e 213 en Igrexafeita. A designación é unica e exclusivamente para as eleccións xerais do domingo 28 de abril. Máis adiante farase o propio coas eleccións municipais e europeas.

 

Share.