O pleno de San Sadurniño pide a aplicación efectiva do Plan Nacional do Alzheimer

0

Os tres grupos da corporación local aprobaron por unanimidade na última sesión plenaria apoiar a moción urxente achegada por AFAL Ferrolterra para reivindicar do Estado a posta en marcha do Plan Nacional de Alzheimer e outras demencias 2019-2020. No texto -que reproducimos íntegro a continuación, tal e como se acordou en pleno- explícase a dimensión deste problema que lle afecta directamente a 1.200.000 persoas, número que sobe até os 5.000.000 se temos en conta tamén o círculo familiar que mira polos enfermos e enfermas. O Alzheimer é, polo tanto, unha prioridade social e sanitaria que debe ir acompañada dun programa de acción coordinado de ámbito estatal onde se aborden, entre outros,  aspectos como a investigación, o tratamento, a atención e tamén o apoio e acompañamento ás persoas enfermas e ás familias.  Neste sentido, AFAL Ferrolterra -entidade que traballa neste eido na nosa comarca- achegou unha moción para que o Concello como institución se posicionase a favor de pedir o impulso definitivo para o plan estatal, primeiro coa súa aprobación definitiva e, segundo, dotándoo de recursos económicos.

A enfermidade de Alzheimer é unha causa de demencia, a principal, pero non a única. É unha enfermidade dexenerativa cerebral na que se perden neuronas, prodúcese o acúmulo dunha proteína anormal (amiloide) e mostra lesións características (placas senís e nobelos neurofibrilares).

Os cambios demográficos que sofren as sociedades occidentais co aumento da esperanza de vida e por tanto de enfermidades máis habituais a idades avanzadas, fixeron que as demencias en xeral e a enfermidade de Alzheimer en particular, pasasen a ser consideradas un problema de saúde de capital importancia.

A enfermidade de Alzheimer é unha patoloxía ligada ao envellecemento que aumenta en maiores de 65 anos, sendo a prevalencia dun 7% neste grupo de poboación, e próxima ao 50% en maiores de 85 anos. Dado que o envellecemento poboacional actual e proxectado son crecentes, a enfermidade de Alzheimer é un problema sociosanitario de primeira magnitude. Na actualidade en España a cifra de persoas afectadas é de aproximadamente 1.200.000, cifra que se aproxima aos 5.000.000 se contamos coa familia.

O Alzheimer presenta un importante impacto sociosanitario, tanto pola súa frecuencia como por ser unha das causas máis habituais de discapacidade en persoas adultas. Segundo datos da Organización Mundial da Saúde (OMS), máis de 35 millóns de persoas no mundo sofren algún tipo de demencia. A enfermidade de Alzheimer constitúe a primeira causa de demencia (ata o 70%) no primeiro mundo.

Neste contexto, a Confederación Española de Alzheimer (CEAFA) vén desempeñando un papel activo na reivindicación e defensa dos dereitos das persoas afectadas pola enfermidade de Alzheimer e outras Demencias, participando na concepción e elaboración do Plan Nacional de Alzheimer e outras Demencias 2019-2023.

Neste momento o Plan Nacional de Alzheimer e outras demencias 2019-2023, impulsado polo Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social foi aprobado tanto no seo do Consello Territorial de Servizos Sociais, como no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, órganos compostos polas diferentes Comunidades e Cidades Autónomas xunto á Administración Xeral do Estado.

Neste sentido, ínstase ao Goberno de España a que acelere a posta en marcha do Plan Nacional de Alzheimer e outras demencias 2019-2023 e se eleve a súa aprobación definitiva ao Consello de Ministros unha vez se aproben os Orzamentos Xerais do Estado e que estes contemplen a partida específica de financiamento que o Plan necesita.

Descargas:
Plan Integral de Alzheimer e outras demencias 2019-2023 (.pdf)

Share.