O pleno dalle o visto e prace á participación municipal no ente que xestione na comarca o Leader 2014-2020

0

A sesión extraordinaria do pleno da tarde deste luns incluiu como único punto con contido da orde do día a aprobación de que San Sadurniño se integre como socio fundador na asociación que optará a xestionar o programa Leader 2014-2020. O asunto saíu adiante por unanimidade da corporación e sen que reproducise o actual debate entre o equipo de goberno e a oposición. De feito, a sesión durou menos de cinco minutos que deron para explicar as razóns de ter que formar unha nova entidade.

A razón principal é que este novo período do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia redefiniu en todo o país o ámbito territorial dos Grupos de Desenvolvemento Rural -os GDR-, que pasan de 31 a 24 con respecto ao anterior Leader. Na nosa comarca o mapa deseñado polo AGADER xuntou os municipios antes repartidos entre Euroeume e Costa Noroeste, de maneira que a xestión do Leader debe armarse desde cero sustentada nunha asociación que aglutine entidades públicas e privadas.

En concreto, o novo territorio Leader xunta os municipios de Ares, Cabanas, A Capela, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Miño, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, As Pontes de García Rodríguez, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño e Vilarmaior, onde se xestionará unha contía próxima aos 4 millóns de euros.

O modelo organizativo dos GDR cambia con respecto a anteriores programas na busca dun maior equilibrio na representatividade dos distintos sectores do territorio. A asociación que se cree rexerase polo criterio de “portas abertas” e poderá estar formada por concellos, colectivos sociais, sindicatos e outras entidades privadas. Quedan excluídas persoas físicas e sociedades mercantíns a menos que se trate de cooperativas, sociedades agrarias de transformación ou sociedades laborais. A normativa marca o límite de 21 membros na xunta directiva e nin as autoridades públicas nin ningún grupo de interese concreto representarán máis do 49 por cento dos dereitos de voto na toma de decisións.

O pleno municipal deulle o visto e prace por unanimidade a que San Sadurniño entre na nova entidade como socio fundador, respondendo así a outro requisito marcado polo AGADER no que se establece que como socios do GDR deben figurar a maioría dos concellos do territorio. A partir de agora abrirase un proceso de participación para constituír a asociación que, ademais, deberá definir todo o plan estratéxico e de capítulos que comporán a distribución dos fondos europeos.

O Leader 2014-2020 marca seis grandes obxectivos: a mellora das condicións para crear e manter emprego no medio rural; a implementación de servizos para a poboación nas zonas rurais, favorecendo a mellora do nivel de vida da poboación rural, a inclusión social e a redución da pobreza; favorecer a ocupación sustentable do territorio, prestando atención especial aos colectivos máis desfavorecidos, como as mulleres, a mocidade, as persoas con discapacidade, as persoas maiores, etc.; garantir a sustentabilidade da actividade no medio rural mediante un coidado e utilización adecuados dos recursos naturais; potenciar a gobernanza local e a animación social do territorio e, por último, contribuír á concienciación e ao fomento da necesidade de pasar a unha economía baixa en carbono e capaz de adaptarse ao cambio climático, fomentando a utilización de enerxías renovables e a mellora da eficiencia enerxética.

Documentación descargable
Convocatoria do AGADER

– See more at: http://workplace.afaisca.com/gl/novas/contenido/0389_gl.html#sthash.BJKBrzRw.dpuf


Audio do pleno

Share.