O pleno aproba por unanimidade todos os puntos da orde do día

0

O pleno ordinario deste mes de maio de 2018 levaba na súa orde do día cuestións de tipo administrativo que, a priori, non deberían ser motivo de desencontros entre o executivo local e os grupos da oposición. E así foi. En arredor de 25 minutos votáronse e aprobáronse por unanimidade os dous temas principais da sesión, relativos á adaptación da Administración local á nova normativa de contratación pública. Non houbo debate propiamente dito, aínda que a oposición si formulou varias preguntas onde o tema máis destacado foi o interese do PSOE e do PP pola sanción imposta polo Concello a un funcionario municipal, suspendido de emprego e soldo durante 3 anos e un día pola comisión dunha falta moi grave probada xuridicamente.

A sesión arrancou coa aprobación da acta do pleno de marzo e coa dación de contas das resolucións adoptadas pola Alcaldía desde aquela. Deseguido entrouse xa de cheo nos puntos a tratar, centrados os dous na necesaria adaptación do Concello á lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos co Sector público. Puntos ambos que se presentaron con carácter de urxencia e que saíron aprobados cos votos favorables dos tres grupos.

O primeiro deles suporá a integración do Perfil de Contratante do Concello de San Sadurniño na plataforma estatal de contratos, habida conta de que a nova lei obriga á tramitación electrónica de todas as licitacións e que, tal e como comentou o portavoz do goberno, Suso Soto, o actual sistema proporcionado pola Xunta presenta problemas no volcado de datos. Unha vez que se faga a migración á plataforma do Ministerio de Facenda, todos os contratos de carácter público xestionaranse a través dela, algo que tamén obrigará aos licitadores a abandonar o papel e presentar toda a documentación por vía electrónica. Tan pronto como se habilite a pasarela publicaranse as correspondentes ligazóns na web municipal.

O segundo punto que saiu adiante tamén se refire á lei de contratación que entrou en vigor o pasado mes de marzo. Neste caso o que se aprobou foi a constitución dunha Mesa permanente de Contratación que se encargue de resolver todos os contratos e licitacións municipais. Ata o momento a mesa formábase para cada procedemento e, coa decisión de hoxe, o que se fai é crear un órgano fixo que estará presidido polo titular de Facenda, Suso Soto, por dúas vogalías -unha ostentada pola secretaria municipal e outra pola arquitecta-, e unha secretaría da mesa, da que se encargaría unha das funcionarias municipais. Todos os cargos contarían con alomenos unha suplencia e, ademais, á mesa tamén se convidará aos grupos da oposición nas tramitacións públicas.

Rogos e preguntas
No pleno desta mañá non houbo rogos, pero si preguntas. A quenda abriuna a edila socialista Yolanda Vázquez preguntando pola solicitude formulada en xaneiro polo seu grupo e o do PP para que se lles facilitase información referida ás contratacións de persoal municipal nos últimos anos. O alcalde aclarou que a resposta a esa solicitude estaba á disposición de PP e PSOE desde días despois da petición e que podían recollela no momento que estimasen oportuno. Secundino García tamén criticou que a oposición “veña preguntar tres meses despois se a información está ou non está, porque xa estaba hai tres meses. O que pasa é que non viñestes por ela”, espetoulle o rexedor.

Yolanda Vázquez preguntou tamén se o xulgado “lle deu a razón” ao Concello no asunto do expediente disciplinario iniciado contra un traballador municipal por razóns de incompatibilidade entre o seu posto de funcionario -e tamén Tesoureiro municipal naquel momento- e a súa actividade privada como liquidador da Cooperativa de Explotación en Común de San Sadurniño. Nese expediente tamén se incorporou unha posible falta administrativa motivada polo acceso do funcionario a información catastral protexida dun particular sen que houbese ningún procedemento municipal que xustificase ese acceso que, posteriormente, lle suporía unha sanción  ao Concello por parte da Axencia Española de Protección de Datos.

Secundino García explicou que ante este caso, o Concello iniciou un expediente disciplinario instruído por unha funcionaria da Deputación Provincial que, ao cabo, ditaminou que o funcionario cometera unha falta moi grave no relativo á incompatibilidade. A instrutora  tamén propuxo como sanción que o traballador fose suspendido de emprego e soldo durante 3 anos e 1 día. Unha medida que o Concello adoptou a finais de 2016 seguindo “escrupulosamente” o seu ditame. Durante a tramitación, a instrutora recomendou sacar a parte referida á vulneración da Lei de Protección de Datos e que se puxese en coñecemento da Fiscalía, que a uniu á denuncia que paralelamente presentara a persoa titular dos datos protexidos supostamente vulnerados.

O funcionario -que continúa suspendido a día de hoxe- recorreu a sanción pola incompatibilidade presentando un recurso perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo quen, segundo García, “confirmou que cometera unha falta moi grave”, ademais de avalar o xeito en que se levara a cabo todo o procedemento de instrución. Porén, o Contencioso estimou que a sanción imposta debería ser “o demérito” e non a suspensión de emprego e soldo. O Concello recorreu o pronunciamento do xulgado e nestes momentos estase á espera do que ditamine o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, sen que isto supoña cuestionar a comisión da citada falta. En calquera caso, Secundino García defendeu que “o Concello ten a obriga legal de actuar contra calquera funcionario que cometa unha falta moi grave”.

A portavoz do PSOE tamén preguntou se se lle podía impoñer un expediente disciplinario “a unha persoa que está de baixa laboral”. O alcalde puntualizou que no momento en que se lle comunicou a sanción “o funcionario estaba en activo” e que a baixa laboral “a colleu ao día seguinte”.

O debate sobre a sanción ao traballador municipal continuaríao o PP despois do PSOE. A concelleira popular María Belén Trigo tomou o relevo de Vázquez inquirindo ao alcalde sobre se presentara ou non algunha denuncia penal contra o funcionario. Secundino García respondeu puntualizando que nin el nin o Concello fixeran tal denuncia, aínda que si se puxo en coñecemento da fiscalía a existencia de indicios “de mala praxe do funcionario municipal pola utilización de datos catastrais” por se o ministerio público entendía que se producira algún ilícito penal.

García aclarou que desta cuestión se informou no seu día aos portavoces de PP e PSOE, poñéndoos ao tanto de que o Concello “non podía permitir” que persoal municipal fixese un uso particular de información á que ten acceso polo seu posto de traballo.  O asunto encóntrase “sub iudice”, xa que tamén se atopa á espera do veredicto do TSXG tralo recurso presentado pola persoa que, presuntamente, viu vulnerada a información persoal referida aos seus datos catastrais.  O alcalde puntualizou que “no momento en que acabe o percorrido xudicial” iniciado pola denuncia particular,  o Concello retomará a vía administrativa para impoñerlle ao funcionario “a correspondente sanción”.

O pleno ordinario de maio rematou cerca das 12 do mediodía. Desta vez non houbo peticións de palabra por parte do público.

Audio do pleno

Share.