O pleno aproba por unanimidade a modificación do regulamento e da ordenanza da EIM A Rolada

0

O pleno extraordinario convocado para onte á tardiña levaba como asuntos centrais -e únicos- a proposta de modificación do regulamento de funcionamento interno e da ordenanza reguladora dos prezos da escola infantil municipal A Rolada, co obxectivo de adaptar ambos documentos á Orde publicada pola Xunta a primeiros de mes sobre a gratuidade dos servizos de conciliación. Ambas cuestións debatéronse en pouco máis de 17 minutos e saldáronse co acordo unánime dos sete concelleiros e concelleiras presentes na sesión.

O primeiro que se tratou foi a urxencia da propia convocatoria do pleno, xustificada pola necesidade de dárlle cumprimento aos prazos estipulados na Orde da Xunta e ante o inminente inicio dun curso que xa será gratuíto para as familias matriculadas.

A sesión tratou, deseguido, a aprobación  dun novo regulamento para a escola que, segundo asegurou a portavoz do Goberno local, Mari Carme Muíño, “chega despois dun longo proceso de consultas e traballo técnico para axustalo á Orde da gratuidade para que o Concello poida beneficiarse das axudas”.

Muíño detallou os cambios, entre os que destaca a inclusió da quenda de vacacións por mes completo ou quincenas, a diferencia do que viña sendo habitual na Rolada, que ata agora funcionaba “moi á medida das necesidades das familias” dándolles máis liberdade para elixir os períodos vacacionais das crianzas.

A portavoz tamén explicou que só haberá posibilidade de xornada completa ou media xornada, seguindo o esquema pautado para as escolas de titularidade autonómica. Neste mesmo sentido tamén apuntou que o criterio de asignación de prazas terá en conta os ingresos familiares “outorgando máis puntos de solicitude ás rendas máis baixas”.

Mari Carme Muíño puntualizou, antes de que o alcalde lle cedese a palabra á oposición, que “non foi posible” traer antes o asunto ao pleno posto que a Orde da gratuidade saiu publicada a primeiros deste mes e ata daquela “non se puido ter certeza” de ata que punto a normativa autonómica lle afectaba tanto ao Concello como ás familias.  A concelleira tamén precisou que esa gratuidade será financiada parcialmente pola Xunta pola vía dunha subvención ao Concello, quen terá que asumir a diferenza entre a achega autonómica e o custe real do servizo.

Na súa intervención, a portavoz do PP, María Belén Trigo, pronunciouse a favor da proposta presentada polo Grupo de goberno.

A modificación da Ordenanza Fiscal reguladora da escola -o terceiro punto da orde do día da sesión- tivo por finalidade adaptar a normativa municipal á da Xunta en canto aos prezos e tramos de renda reflectidos no Decreto 49/2012, distinto do que veu aplicando o Concello até o momento. Nel establecíase un custe por praza -definido no estudo de viabilidade que a Xunta esixiu facer para delegar a competencia no consistorio- que neste curso está cuantificado en 217 euros. Unha contía fixa para xornada completa que se lles compensaba ás familias con rendas máis baixas a través de bolsas municipais.

Agora quen marcará os prezos é a Xunta con tarifas en 8 tramos segundo o IPREM, desde os 0  até os 169 euros. A diferenza entre eses 169 euros como máximo e as cantidades menores que as familias xa non terán que pagar -ademais doutras bonificacións establecidas pola Xunta- “terá que asumilas o Concello”.

 A este respecto, Mari Carme Muíño insistiu en que o Goberno local “está a favor das medidas de conciliación gratuítas”, pero criticando que a Xunta “invite” a unha gratuidade que despois “paguen” os Concellos. Suxeriu neste sentido que unha posible solución para non cargar o financiamento nas arcas municipais sería que as escolas infantís municipais se integrasen na rede autonómica, ben sexa xestionadas directamente pola Xunta ou a través do Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar.
Trala intervención da portavoz municipal, o PP pronunciouse brevemente tamén a favor da modificación da ordenanza municipal, entendendo que se trata dun cambio “para beneficiar a calquera veciña e veciño, para o ben común”.
Con todo, antes de votar o asunto -que se aprobou por unanimidade- Muíño volveu criticar a demora da Xunta á hora de aclarar como ía aplicarse a gratuidade nas escolas municipais -a orde publicouse o pasado 5 de agosto-.
Pola súa banda, Secundino García lamentou a “improvisación” coa que a Xunta anunciou que as escolas serían de balde, ao tempo que engadiu que, na súa opinión, no novo escenario “pode darse o paradoxo de que todas as familias estean por debaixo do IPREM, podería ser que a Xunta non nos dese nin un céntimo, pero iso non quere dicir que a escola non custe nada.  A Xunta ten que facer un esforzo para compensar os concellos”.
A sesión rematou sobre as 19:25 horas, 18 minutos xustos despois de comezar. O audio íntegro está dispoñible desde onte en iVoox e tamén se pode ver a totalidade do pleno no vídeo do streaming en Facebook.

 

Share.