O pleno aproba por unanimidade a Conta Xeral de 2021 e a ampliación do orzamento para novos investimentos

0

20 minutos abondaron para debater e votar os dous puntos que compoñían a orde do día do pleno extraordinario celebrado onte á tarde, centrado na validación da Conta Xeral do exercicio pasado e no reforzo ou habilitación de novas partidas económicas no orzamento municipal en vigor, por medio da incorporación dos remanentes de Tesouraría para novos investimentos reflectidos, precisamente, no balance final de 2021. E é que San Sadurniño pechou ano con máis de 1,2 millóns de euros en remanente dos cales o Goberno local propuxo incorporar 358.859,95 ás contas de 2022 de cara a acometer actuacións “urxentes” na rede viaria, en instalacións municipais, en infraestruturas básicas e no equipamento do SAF. Malia o debate xerado, os dous asuntos deliberados saíron adiante por unanimidade.

O pleno tratou como primeiro tema a Conta Xeral de 2021, onde se describe o estado da economía municipal ao peche do pasado exercicio. O documento apunta 1.197.262,63 euros de fondos líquidos e un resultado orzamentario axustado de 104.170,15. O apartado dos remanentes de tesouraría para gastos xerais ascendeu, segundo o informe da Secretaría-Intervención municipal, a 1.214.102,52€, dos cales se destinarán algo máis de 358.500 ao reforzo ou creación de novas partidas para sufragar investimentos de carácter prioritario que non poden agardar ao exercicio do ano que vén.

A descrición das actuacións que se queren levar a cabo ocupou a segunda parte da sesión, na que o executivo local describiu o destino e as contías que se habilitan no Orzamento 2022, en espera de contar con todos os proxectos para poder concretar os importes finais de cada actuación. Tanto PSOE como PP manifestáronse a favor da utilización dos remanentes, aínda que o PP criticou “non dispoñer de información” máis detallada sobre os custes e datos técnicos de cada proxecto.

Por parte do Grupo de goberno precisouse que o obxecto do pleno era unicamente dotar no orzamento as partidas necesarias por medio da incorporación dunha parte dos remanentes dispoñibles do ano pasado -os 358.859,95 euros do total de 1,2 millóns- e que, unha vez completado este trámite (a modificación debe permanecer en exposición pública 15 días), redactaranse os proxectos correspondentes. “Primeiro hai que ter a dotación presupostaria, os cartos, e despois encargar os proxectos”, comentou Secundino García pouco antes de votar o asunto, que saiu adiante, igual que o primeiro do serán, por unanimidade. O alcalde engadiu, ademais, que tan pronto como se fagan as propostas técnicas, tanto a oposición como a veciñanza “terán constancia” do seu contido.

A incorporación de remanentes ao Orzamento Municipal 2022 distribuirase en seis apartados relacionados con investimentos en infraestruturas e equipamentos. O de maior importe, de nova creación, estará dotado con 200.000 euros, que se destinarán á reparación integral da galería do Concello por motivos de seguridade e de conservación, pero tamén de eficiencia enerxética.

Por outra banda, tamén se reforza a partida dedicada ao arranxo de vías municipais con 87.183,46 euros que elevarán a contía dispoñible até máis de 107.000 euros, a maiores dos xa comprometidos con cargo ao POS+, ao Plan Adicional 02/2022 da Deputación da Coruña e ao Plan de Camiños da AGADER. Con ese importe repararase a pista entre Vilarvello e Tiraz, levarase a cabo un paquete conxunto de reparación camiños en Ferreira, Igrexafeita e Naraío e tamén se amañarán pistas en Cornide, Os Currás, A Rubiña e A Castiñeira. Outros 25.000 euros dedicaranse a servizos básicos de saneamento e abastecemento na zona da Portela e do Camiño Arriba.

No apartado de financiación de equipamentos, a modificación orzamentaria inclúe 11.400 euros para a sonorización do Pavillón Municipal e 5.000 para a instalación de asentos individuais nas bancadas do campo de fútbol da piscina. A maior contía -e quizais tamén a de maior importancia pola súa finalidade- ascende a 30.000 euros, cos que se mercarán guindastres e camas articuladas destinadas ao Servizo de Axuda no Fogar.

Share.