O Playas de Benidorm e o Mediterráneo Castellón, baixas na Copa Príncipe por positivos de coronavirus

0

A XIV Copa Príncipe que se xogará en San Sadurniño desde este venres será cousa de catro equipos e non de seis como estaba previsto inicialmente, debido aos dous positivos por coronavirus detectados esta mesma semana nas filas do CV Mediterráneo Castellón e do Club Voleibol Playas de Benidorm (Servigroup Benidorm). Así se confirmou esta mañá na rolda de prensa de presentación da competición celebrada a través de Skype, na que tamén se informou de que ata a última hora de onte se tentara por todos os medios cubrir os ocos na táboa de enfrontamentos cos seguintes equipos da SM2. Unha solución que non puido materializarse ante a imposibilidade de realizar test serolóxicos dentro dos prazos mínimos de 24-72 horas esixidos pola normativa de prevención deportiva galega. Así, finalmente, a XIV Copa Príncipe desputarana os canarios do Arona Intersport, o Extremadura Grupo Laura Otero, o CV Leganés e mailos anfitrións, o Aldebarán Intasa San Sadurniño, cun programa que reconfigura os enfrontamentos e os horarios.

O cambio máis importante é que se suspenden os partidos previstos para a mañá do venres e do sábado mantendo os da tarde. Así, este venres ás 18.00h. abrirán a competición o Extremadura Grupo Laura Otero e o Arona Intersport e a partir das 20.00h. xogarán o Intasa San Sadurniño e o CV Leganés.

As semifinais quedan para a tarde do sábado cos cruzamentos entre vencedores e perdedores dos encontros do venres. O primeiro partido está posto para as 17.30h. e o segundo para empezar sobre as 19.30h. Gañe ou perda o venres, o encontro que lle toque xogar ao Intasa será, si ou si, ás 19.30h. “xa que como anfitrións puidemos elixir a hora do noso partido”, tal e como explicou no transcurso da rolda de prensa desta mañá o presidente do club local, Uxío García.

A loita polo terceiro e cuarto posto comezará o domingo ás 10.30h. e prevese que a final da XIV Copa Príncipe poida empezar a iso das 12.30h., dependendo do que se prolongue a contenda previa.

Esta será a terceira vez que San Sadurniño acolla o máximo trofeo da división de prata do volei estatal. O alcalde, Secundino García, expresou a súa satisfacción polo regreso da copa ao municipio como “un escaparate para dar a coñecer San Sadurniño” a pesar de que, comentou o rexedor, “gustaríanos que fose nunha situación normal”. García apuntou, ademais, que a pandemia supón “un reto organizativo” para evitar “calquera posibilidade de contaxio”.

A este respecto, o presidente do club, Uxío García, explicou que a organización “fará especial fincapé en ofrecer a maior seguridade posible” e enumerou as medidas que se adoptarán no interior do pavillón. As instalacións terán reducida á metade a súa capacidade -só 236 localidades- e á entrada faranse controis de temperatura, obrigarase a botar xel hidroalcólico, haberá que pasar por unha alfombra desinfectante e controlarase tanto o uso da máscara respiratoria como o distanciamento persoal. Tamén se habilitou unha zona exclusiva para xogadores corpo técnico “para que estean divididos (con respecto ao público) e evitar no posible os contactos”.

Sobre o desenvolvemento da competición, García referiuse tamén aos cambios de programa que cumpriu facer a última hora debido ás baixas dos equipos valencianos. Con catro escuadras en competición “todos somos semifinalistas”, de xeito que os partidos se estirarán durante os tres días previstos inicialmente decidindo o venres pola tarde os cruzamentos do sábado e xogando o terceiro e cuarto posto “unha novidade na Copa Príncipe” na mañá do domingo, xusto antes da final do mediodía entre os gañadores dos partidos do sábado.

O presidente do club declarouse “orgulloso” de asumir a organización dun trofeo ao que o Aldebarán tentou chegar por méritos propios. “Intentamos clasificarnos deportivamente”, dixo Uxío García, tras un arranque frouxo da liga, que se reconduciu cos dous reforzos do equipo chegados trala terceira xornada. Razóns que converten ao Aldebarán -que vai cuarto de grupo e moi preto do líder- nun dos firmes candidatos a alzar a copa por segunda vez na súa historia: “Demostramos que somos das mellores plantillas do noso grupo un equipo moi competitivo”, asegurou García.

O presidente da Federación Galega de Volei, Ángel Luna, agradeceulle tanto ao club como ao Concello que se ofrecesen a acoller “a grande festa da SM2”, ao tempo que lamentou a ausencia dos dous equipos valencianos. Luna sinalou que a detección de positivos en ambas escuadras “demostra que os protocolos son eficaces para tentar seguir coas competicións” e explicou que a elección de San Sadurniño para a desputa da XIV Copa Príncipe se debeu, entre outros factores, “á busca dunha zona de baixo risco”, así como á “capacidade organizativa” demostrada polo club local e o consistorio en dúas ocasións anteriores.

Luna anunciou que a competición contará coa presenza do presidente da RFEV, Agustín Martín Santos, no que será o primeiro acto deportivo ao que asiste tras renovar por outros catro anos o seu cargo. Ángel Luna tamén manifestou o desexo da federación galega de que “a xente disfrute e que todo transcorra con normalidade”.

O máximo responsable da federación autonómica explicou, en resposta ás preguntas dos medios, que ata onte mesmo se estivera tentando cubrir as baixas dos dous equipos levantinos coas seguintes escuadras clasificadas na Superliga Masculina 2. “Tratamos de abrir un prazo de inscrición extraordinario que non contempla o regulamento da Copa Príncipe, pero a pesar de encontrar equipos dispostos a plantarse aquí a golpe de xoves atopamos a limitación da normativa anti covid que hai en Galicia, xa que terían que traer unhas probas serolóxicas realizadas entre 72 e 24 horas. Tentamos abrir esa vía pero era moi complicado e ao final desistimos”.

Luna engadiu que a RFEV non barallou “en ningún momento” a suspensión ou o adiamento do trofeo, posto que un posible cambio de datas coincidiría en plena liga: “a partir da semana que vén retómase a competición e non hai oco no calendario onde metelo. Sería moi complicado e ademais nada nos garantiría que retrasar esta competición supoña que máis adiante non vaiamos ter algún caso (de covid) nos outros equipos”.

50% dos abonos vendidos
Malia os cambios de última hora e o protocolo preventivo que haberá que asumir, San Sadurniño volverá acoller tres días de volei do máximo nivel. Desde o club informan que a día de hoxe vai vendida ou reservada a metade dos abonos para presenciar ao vivo a competición -que tamén se emitirá por streaming–  e vólvese insistir en que, para axilizar a entrada e ter garantido o acceso, o mellor é facer a reserva anticipada de localidades. Abonda con chamar ao 629 384 952 ou mandarlle un whatsapp indicando o nome e o número de entradas, que teñen os seguintes prezos:

Abono completo persoas adultas

20€

Abono completo menores de idade

10€

Entrada diaria adultas

10€

Entrada diaria menores

5€

Share.