O perfil do Concello en Google Maps consolídase como principal referente para descubrir o territorio

0

Gozar do aire libre e descubrir sitios novos e pouco masificados converteuse nos últimos anos, sobre todo a raíz da pandemia, nunha alternativa de lecer elixida por cada vez máis persoas. Á hora de decantarse por un destino concreto, os dispositivos móbiles son unha ferramenta de busca imprescindible e, sen dúbida, Google Maps é o sitio predilecto das usuarias e usuarios para atopar recunchos aos que facer escapadas. O Concello de San Sadurniño leva varios anos presente nesta plataforma facendo un labor constante de xeolocalización de lugares de interese do municipio, ilustrándoos con galerías de imaxes e incluso publicando reseñas actualizadas sobre a paisaxe, o patrimonio e outros recursos atraentes. Tal é así que o perfil do consistorio en Maps conta con distintivo Nivel 6 como Local Guide de Google con preto de 3.500 puntos, despois de ter engadido 69 lugares, unha vintena de reseñas e 324 imaxes que están a punto de chegar a 1.180.000 visualizacións.

Ademais de contribuír á xeolocalización, o perfil Concello de San Sadurniño en Google Maps tamén leva suxeridos 59 cambios en fichas publicadas, co obxectivo de actualizar información ou corrixir datos incorrectos. Os últimos, os relativos ao peche  temporal dos accesos ao castelo de Naraío, á fervenza e ao paseo do Castro mentres non finalicen as obras de consolidación da presa situada ao pé da fotaleza.

A contorna do castelo é, de feito, un dos lugares máis visitados do municipio tralas melloras da accesibilidade e a instalación da estrutura que permite subir á torre da homenaxe. O espazo, que dispón de reseña en Maps e múltiples fotografías tomadas nos últimos anos, actualizouse en 2022 incorporando paneis informativos de realidade aumentada que axudan a coñecer e interpretar a súa historia con narracións en varios idiomas e unha espectacular reconstrución en 3D visible ao vivo a través da cámara do móbil.

Ademais, o Concello tamén engadiu en outubro pasado imaxes en 360º das distintas partes da fortaleza, facilitando un percorrido completo por todas as ruínas que pode facerse sen sequera ter que moverse da casa. O catálogo de fotografías inmersivas inclúe tamén a fervenza do Castro -situada uns metros máis abaixo do castelo-, os Xardíns Municipais e a Fonte de San Roque, aínda que o Concello ten previsto ir ampliándoo nos próximos meses para recoller con esta tecnoloxía os principais elementos paisaxísticos e patrimoniais do territorio.

Segundo as estatísticas do programa Google Local Guides, o ano 2022 foi un dos de maior influencia da conta do Concello por causa do número de contribucións de todo tipo -reseñas, modificacións, publicación de fotos, etc.-, que neste momento o sitúa no Nivel 6 -3.460 puntos-, co obxectivo de acadar ao longo deste 2023 o seguinte chanzo, o Nivel 7, para o que é necesario chegar aos 5.000 puntos. Unha tarefa que requirirá constancia, posto que engadir un novo lugar só conta 15 puntos, unha foto vale 5 puntos e preparar unha reseña de polo menos 200 caracteres ten un valor de 20 puntos. “Ter máis puntos en Google como Local Guide é un aval de fiabilidade perante as persoas usuarias de Maps e tamén axuda a que a conta do Concello nesta plataforma sexa un dos principais referentes para as buscas nas que se basean moitas das visitas que recibimos”, explica o responsable de Desenvolvemento local, Manolo Varela.

O  concelleiro engade que mellorar o posicionamento en Maps gracias á publicación de imaxes, reseñas actualizadas e outras contribucións “é fundamental para calquera estratexia de posicionamento turístico. Por iso levamos traballando tanto nese aspecto nos últimos anos, aínda que o importante labor que hai detrás non se perciba da mesma maneira que unha publicación en Facebook ou en Instagram, onde a repercusión das publicacións é inmediata”.

Da importancia de estar en Maps “xunto con outras persoas usuarias que tamén publican contido” dán conta as estatísticas. O perfil do Concello de San Sadurniño leva publicadas até o momento 20 reseñas sobre lugares de interese, engadiu 69 puntos que non figuraban nos mapas de Google -polo menos con nome concreto- e solicitou 59 cambios para corrixir erros ou actualizar información. Ademais contribuiu con 324 imaxes que, a día de hoxe, suman 1.179.245 visualizacións. Desde o Goberno local destácase este último dato, apuntando que as fotografías “son unha moi boa carta de presentación do que se pode ver en San Sadurniño e, por iso mesmo, unha das mellores maneiras de atraer visitantes”. 

 

 

Share.