“O Pan” fai 20 anos

0

En 1995 varios veciños e veciñas de Igrexafeita e da Toca reuníronse para levar adiante a recuperación das mallas que aínda tiñan na memoria, é dicir, con trigo do país, móllos, medotes, meda, malladora con motor á parte, limpadora…E non só iso, senón que tamén pensaron que igual era boa idea facer un vídeo que testemuñase todo ese proceso. Así naceu o que finalmente sería “O Pan”, unha peza audiovisual dunha hora de duración estreada a finais de setembro de 1997 e que, ademais, foi un dos primeiros exemplos de crowdfunding audiovisual nos tempos en que nin se coñecía o termo. Agora a veciñanza de Igrexafeita recuperou a montaxe orixinal analóxica e pasouna a un formato dixital en HD co que se garante a súa preservación para o futuro, ademais de facilitar a súa distribución. 

A xénese do documental foi unha malla tradicional recreada ao pé do bar Casa Casal no ano 1995 que reuniu a ducias de persoas tanto no proceso en si como no lado do público. Nela implicáronse xente de distintas idades da Toca, de Recemel e de Igrexafeita que tiveron a ocorrencia de gravar en vídeo aquela primeira malla e continuar despois co resto das partes do proceso de elaboración do pan.

Con esta idea en mente, ao ano seguinte prepararon unha leira para sementala toda a trigo. Unha parcela que se laboreou e se mimou ata a colleita, feita fouciña en man e manexando a més como se facía antano, abrazando móllos que despois se xuntaban en medotes e, uns días antes da malla, nunha grande meda.  O proceso da malla fíxose con máquina traccionada por un motor diésel. Certamente non era o xeito de mallar máis antigo, pero si o que a meirande parte da xente -nova e vella- tiña no seu recordo dos tempos en que as “maquinas de mallar” e os malladores andaban as parroquias todas.

OPAN5

Na malla de Igrexafeita empregouse un motor diésel

O trigo gardouse a secar e logo moeuse en Porlá nun muíño de auga que aínda hoxe se mantén activo, aínda que non coa muiñeira protagonista do vídeo, a señora Jesusa, que xa daquela era unha muller de idade avanzada. O documental mostra as partes e o funcionamento do muíño, pero tamén un estilo de vida secular que xa está practicamente extinguido.

A última parte do documental explica paso a paso o proceso dunha fornada realizada no lugar da Toca, no concello das Somozas, incluíndo a forma de quentar o forno, como facer un varredoiro, o amasado de pan e empanadas e a maneira de saber cando as pedras alcanzaron a súa temperatura ideal.

O vídeo, gravado en distintos soportes -SVHS, e HI-8, principalmente- editouse en setembro de 1997 e a finais de mes estreouse cun grande éxito. Para sufragar a produción os promotores fixeron unha tirada inicial de 100 copias que se esgotou en escasos días e que obrigou a facer varias edicións máis en vhs que trascenderon as fronteiras de Igrexafeita e da Toca para chegar a centros de ensino, bibliotecas e entidades de toda Galicia. Mesmo algunha televisión, como a local de Ferrol, emitiu -e aínda emite algunha vez- este documental.

OPAN3

Fotograma do vídeo no que se ve o traballo de varios homes na mesa da malladora

Agora, ben entrada xa a época dixital, o audiovisual sae do formato analóxico no que se editou para saltar directamente á alta definición. De feito, nos últimos vinte anos nin sequera se fixeran copias en dvd-vídeo e “O Pan” só estaba dispoñible en cintas que en moitos casos sucumbiron á humidade ou a unha enguedelladura dentro de calquera vídeo. Para evitar ese problema de conservación e posibilitar unha mellor distribución no futuro, o documental dixitalizouse aproveitando ademais a ocasión para pasalo a alta definición 1080p.

O paso a HD mellora sustancialmente a calidade de visualización con respecto ao vhs pero tamén acentúa  nos novos televisores a deficiente calidade de imaxe. Con todo, “O Pan” é unha obra audiovisual de grande valor social e etnográfico que, ademais, nos permite ver usos e lugares -e tamén persoas- xa desaparecidos.

Share.