O Novas deste mes xa nos adianta a programación da Feira Rural e do Sons na Cortiña

0

Desde hoxe mesmo está chegando ás casas un novo número do boletín informativo Novas, que vén cargado de información sobre prazos e tamén citas no territorio para os próximos días e semanas. Nas súas páxinas centrais inclúese un avance da programación da X Feira Rural e do IV Sons na Cortiña, os dous grandes eventos que se celebrarán a última fin de semana de agosto -sábado 25 e domingo 26 de agosto, concretamente- ao pé do paseo fluvial do Xubia. As áreas de Desenvolvemento local e de Cultura teñen practicamente pechado o cartel para ambas citas, dirixidas nun caso a poñer en valor o medio rural e a sustentabilidade e, no outro, á promoción da cultura no marco dunha xornada de lecer ao aire libre.

A décima edición da Feira Rural comezará pouco despois das 10 da mañá do sábado 25 de agosto no arboreto galego da Cortiña, e durante todo o día ofrecerá os produtos típicos dos mercados mensuais -alimentación, planta, artesanía e segunda man- aos que se lle unen obradoiros para a rapazada, visitas guiadas á horta de conservación Carlos Fornos e ao apiario didáctico, exhibicións, catas, paseos en kaiak, exposicións relacionadas co sector primario e, en especial, a mostra e concurso de froita autóctona organizada en colaboración coa AGFA do Eume. Este ano a variedade fructícola verase ampliada, ademais, con expositores chegados doutras zonas do Estado, como Euskadi, Valladolid ou Zaragoza.

Entre as actividades paralelas tamén cómpre reseñar unha xincana a cabalo e a actuación das pandereteiras Lina e Lola, ademais da celebración da 7ª Copa de agility canino Concello de San Sadurniño. A feira contará con amplas zonas de aparcamento e con lugar para xantar churrasco ou polbo a prezos populares.

IV Sons na Cortiña
A Feira Rural de San Sadurniño clausurarase sobre as 20.00h., pero a actividade no recinto continuará ao día seguinte, domingo 26, coa celebración do 4º Sons na Cortiña, un festival de música e lecer ao pé do Xubia dirixido a público familiar.

O Sons -que conta co patrocinio da Deputación da Coruña- ofertará desde o mediodía actividades para todas as idades -circo, malabares, un obradoiro de percusión, zona de xogos de equilibrio, etc.-, ademais de incorporar no cartel as actuacións de De Ninghures, Peter Punk, A Gramola Gominola e Pablo Balseiro e Os Cascarillas, quen pecharán a xornada pasadas as 23.00h.

O Sons na Cortiña aproveita a infraestrutura loxística da feira do día anterior, polo que tamén disporá dunha grande área de aparcamento nas proximidades e unha carpa habilitada por se chovese para quen decida ir de merendada ao festival. Proximamente informaremos con máis detalle de toda a programación da Feira Rural e do Sons a través das redes sociais.

Máis cousas no Novas
O boletín de información municipal que se distribúe polas casas non só nos adianta a Feira Rural e mailo Sons, senón que tamén trae outros contidos -sobre todo citas de axenda- aos que atenderlle. é o caso por exemplo dun pequeno resume da exposición pictórica de Catalina Martín que permanecerá na galería municipal durante todo o mes de agosto, a celebración do XXVI Trofeo de Fútbol Concello de San Sadurniño o próximo 12 de agosto entre a UDC Narahío e o CF San Sadurniño, as festas patronais do San Roque e da Esperanza e, máis preto no tempo, a cea organizada para sábado pola AVV Xuntanza de Lamas e o mercado local do domingo, que contará co artista Leandro Lamas pintando un cadro ao vivo.

A revista municipal pode lerse en papel e tamén na súa versión dixital dentro da plataforma issuu.com.

Share.