O municipio caboverdiano de Santa Cruz achégase a San Sadurniño para coñecer a súa experiencia en programas ambientais

0

O goberno local de San Sadurniño recibiu esta mañá na Casa do Concello a Paula Pina, directora do gabinete de Saneamento, Medio ambiente e Seguridade urbana do municipio caboverdiano de Santa Cruz. Pina estará en San Sadurniño ata o martes e durante este tempo centrará a súa visita en coñecer as experiencias de carácter ambiental que se están desenvolvendo aquí, como é o caso da recollida do lixo porta por porta ou os métodos empregados para a depuración de augas residuais. A viaxe de Paula Pina encádrase no programa “Vacacións con traballo” do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e, canda ela, tamén está  visitando outros municipios galegos a técnica mozambicana Ailina Manuel.

Paula Pina foi recibida a primeira hora da mañá por Secundino García, Ana Belén Breijo, Manolo Varela e Suso Soto. O rexedor local deulle a benvida e púxose á súa disposición para explicarlle “todo o que queira saber sobre o funcionamento do noso Concello e, especialmente, sobre aqueles programas nos que levamos tempo traballando con bos resultados”.

Un ofrecemento que cadra cos obxectivos de Pina, quen acaba de pasar por A Guarda e Pontevedra e, despois da súa estadía en San Sadurniño, tamén botará uns días en Burela: “quero coñecer as experiencias que se están desenvolvendo en cada Concello para ver cales son as máis útiles, cales serían aplicables no meu municipio”, asegurou a representante caboverdiana, quen engadiu que as súas preferencias se centran en materia ambiental. “En San Sadurniño vou ver como funciona a recollida do lixo, a depuradora, o abastecemento de auga e todo o que ten que ver co ambiente e o saneamento”.

Na primeira xuntanza, Pina fixo unha pequena introdución á realidade territorial do municipio de Santa Cruz. Trátase dunha área duns 109 km² situada ao leste da illa de Santiago na que viven arredor de 26.000 habitantes -o 60% menores de 20 anos-, a metade deles na capital, Pedra Badejo. A dispersión da outra metade da poboación por un territorio montañoso dificulta a chegada de servizos  como o saneamento, o tratamento do lixo ou o abastecemento de auga, e máis aínda tralas secas que padeceu e aínda padece o país. De aí que a responsable técnica de Medio ambiente busque en Galicia fórmulas relativamente asequibles que permitan ampliar o radio de alcance desas prestacións básicas que si existen na capital municipal.

Porén, ter un territorio de montaña tamén se ve como unha oportunidade para desenvolver un turismo distinto ao de praia que xa se explota na illa de Sal, situada máis ao norte. “Moita xente agora non quere praia, por iso estamos tentando introducir o turismo rural aproveitando a nosa beleza. Temos moito que ofrecer: a xente, a cultura…”.

A economía do municipio “o máis empobrecido de Cabo Verde” está capitalizada pola agricultura, a gandeiría e, máis que nada, pola pesca e a emigración masculina a outros puntos do arquipélago. Algo que  tamén provoca un importante desequilibrio social onde son as mulleres quen deben asumir a levanza diaria de familias que, na maior parte dos casos, teñen entre 6 e 10 membros. Esa e outras  razóns levan á Cámara municipal de Santa Cruz a  buscar novas oportunidades e nichos laborais que permitan “atraer emprego para os máis xoves”.

Vacacións con traballo
A visita de Paula Pina a San Sadurniño e outros municipios enmárcase dentro do programa de cooperación técnica “Vacacións con traballo” do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, a través do que tamén visita Galicia a topógrafa mozambiqueña Ailina de Marta. As dúas percorrerán durante este mes de outubro distintas localidades  nas que intercambiarán experiencias co persoal técnico local.

A través deste programa de cooperación técnica búscase contribuír a reforzar as capacidades dos municipios de países empobrecidos, ao tempo que se pon en valor a multiculturalidade e se sensibiliza fronte as desigualdades Norte-Sur.

A estadía de Pina prolongarase até o martes, cando se completará unha intensa axenda que comezou esta mesma mañá coa visita á casa consistorial, o Centro Municipal de Empresas, a Casa da Xuventude e a Casa da Cultura. Ademais destes lugares, a técnica caboverdiana tamén coñecerá de preto actuacións de posta en valor do territorio como a horta de froiteiras ou a sinalización de recursos turísticos, ademais de ver o funcionamento da EDAR e da potabilizadora municipal, das depuradoras biolóxicas do Chao e a Vila e do sistema de recollida do lixo porta por porta, entre outros. A programación da súa visita inclúe tamén un encontro coa rapazada do CPI de San Sadurniño.

 

Share.