O mercado local volve o domingo 25 de febreiro

0

O Concello ten aberto o prazo de inscrición para os postos que desexen participar no mercado local do último domingo deste mes de febreiro. A convocatoria supón o reinicio dos mercados nos xardíns municipais tras unha pausa de case catro meses debida á supresión da edición de Nadal. No evento poderán participar vendedoras e vendedores de produto alimentario, de artesanía e de artigos de segunda man. As solicitudes poden presentarse ata o 21 de febreiro na Casa da Cultura, no rexistro municipal ou enviarse cubertas ao correo agustin.perez@sansadurnino.gal. Aproveitando esta nova cita, a área de Desenvolvemento local comezará a elaborar un estudo entre comerciantes e persoas usuarias de cara a mellorar o seu funcionamento.

O estudo ten como finalidade dar coas claves para axeitar a oferta á demanda real, facendo para iso unha prospección sobre aspectos tan distintos como a periodicidade das citas, as datas máis acaídas, os tipos de produto que se agradecería atopar, as posibilidades de redistribuír o espazo ou os servizos e actividades complementarias que poderían contribuír a dinamizar aínda máis o mercado.

“Tal e como estivo funcionando nos últimos anos apreciamos que, aínda estando consolidado, o mercado mostra resultados moi distintos en público e vendas dependendo do mes. A experiencia acumulada polas persoas que acoden cos seus postos e o que poida dicirnos a xente que vén comprar son dúas fontes de información moi valiosas que debemos aproveitar para reformular o evento e facelo máis atraente para comerciantes e visitantes”, explica o titular da área, Manolo Varela.

O estudo ten unha parte de investigación sociolóxica e outra de propostas de actuación baseadas tanto no traballo de campo como nunha auditoría técnica daqueles aspectos que cumpra corrixir. O traballo empezará a facerse xa na edición do domingo 25 de febreiro, a primeira que se celebra desde o pasado mes de outubro.

O mercado funcionará coma sempre, achegando unha oferta variada de produto alimentario fresco e elaborado procedente na súa maior parte de pequenas explotacións da comarca, así como artesanía e artigos de segunda man que, neste último apartado, conforman un dos grandes atractivos do evento.

A distribución dos postos tamén seguirá sendo a habitual: nos sendeiros máis próximos á Casa do Concello atoparemos os postos de alimentación e produtos frescos, na metade inferior dos xardíns e na banda oeste situaranse os viveiros e artesanía, mentres que no lado paralelo á estrada de Ferreira compartirán espazo este último gremio e o das persoas que venden artigos de segunda man. Todos eles deberán permanecer instalados, como mínimo, ata as 14.30h -o mercado arranca a iso das 9.30h.- e ponse como requisito que non excedan os 6 metros liñais.

As inscricións poden facerse cubrindo o formulario dispoñible algo máis abaixo. Esa folla hai que presentala despois no rexistro municipal, levala en persoa á Casa da Cultura en horario de mañá ou ben mandala cuberta ao enderezo agustin.perez@sansadurnino.gal. O prazo de presentación de solicitudes remata o martes 21 de febreiro e a listaxe das admitidas publicarase ao día seguinte.

Documentación descargable:
Solicitude e normativa en .odt
Solicitude e normativa en .pdf

 

Share.