O mercado local do outono celebrarase o domingo 30 de outubro

0

O último domingo deste mes, día 30, os xardíns municipais volverán acoller unha nova edición do mercado local. Unha cita na que poderemos atopar artesanía, artigos de segunda man e froitos da terra entre os que destacarán, seguramente, as castañas e os cogomelos. Porén, debido á proximidade do día de Defuntos, tamén teremos moita flor onde escoller. O prazo para solicitar espazo no mercado xa está aberto. As solicitudes deben presentarse antes das 14.00h. do día 26 de outubro.

Para reservar sitio haberá que cubrir o formulario que hai ao pé desta noticia e despois entregalo no rexistro municipal, levalo á Casa da Cultura en horario de mañá, mandalo por correo ao Concello -Lugar do Casal 16, 15560 San Sadurniño-  ou ben envialo cuberto á conta de correo agustin.perez@sansadurnino.gal. No formulario establécese que a data límite de solicitude é o 26 de outubro ás 14.00h. e que a listaxe de postos admitidos se publicará o xoves 27.

As normas de participación indican que os postos non deben exceder os 6 metros liñais e a entrada no recinto fíxaa o Concello asignando un número de parcela e unha hora de entrada para garantir que a distribución dos postos sexa homoxénea e agrupada por sectores. Na parte alta dos xardíns sitúanse habitualmente os postos de alimentación e de produto fresco, no centro e na banda oeste a alimentación xúntase con viveiros e a artesanía, que continúa ocupando o espazo ata a parte baixa. No leste, no sendeiro paralelo ao muro que linda coa estrada de Ferreira, é onde habitualmente se colocan os postos de segunda man mesturados con aqueles que tamén ofertan artesanía.

O mercado comezará pouco despois das 9.30h. e finalizará sobre as 15.00h. De feito, os postos inscritos non poderán levantar ata pasadas as 14.30h.

O do outono é un dos mercados máis concorridos do ano debido a que o tempo adoita respectalo e a que nel se poden atopar produtos de temporada a bos prezos, sobre todo castañas e cogomelos que, de habelos, están no seu mellor momento. Por outra banda, a proximidade das datas de Tódolos Santos e de Defuntos -nas que a tradición manda adornar os cemiterios- seguramente incremente a oferta de flor e verde dos viveiros que acoden habitualmente.

Solicitude inscrición mercado Local

Share.