O mercado local do domingo contará con 54 postos

0

Este mércores pechou oficialmente o prazo de solicitude de participación no mercado local de San Sadurniño, que terá lugar nos xardíns municipais o vindeiro domingo, 25 de febreiro. Na cita inscribíronse un total de 54 postos de produto fresco e elaborado, de venda de artesanía e de artigos de segunda man. O mercado desenvolverase entre as 9.30 e as 14.30h. e o Concello aproveitará a ocasión para iniciar un estudo co que se agarda mellorar o seu funcionamento de cara ao futuro.

A área de Desenvolvemento local quere saber de primeira man cales son os puntos fortes e as debilidades do mercado. Para iso levará a cabo unha enquisa onde se recabará a opinión de comerciantes e público asistente na liña de coñecer datos fundamentais para a marcha do evento, como por exemplo se a súa distribución e emprazamento se adaptan ás necesidades de quen compra e quen vende, se existe suficiente oferta  oferta e variedade de artigos ou se, pola contra, se bota en falta algún tipo de mercadoría, se as datas e periodicidade son as axeitadas, etc.

A información de campo será de grande utilidade para redefinir o mercado que, en principio, “está aberto a todas as posibilidades, aínda que mantendo a súa esencia de mercado de proximidade dirixido á pequena produción da zona”, sinala o responsable da área, Manolo Varela. “O mercado púxose en marcha pensando na horta e na venda de alimentos frescos e transformados, co obxectivo de establecer unha relación directa entre produción e consumo. Buscamos crear as condicións para que se acurte o circuíto da comercialización e que se cree unha relación de confianza a longo prazo entre quen vende e quen compra, igual que ocorre nas feiras e mercados de toda a vida. Agora queremos ir un paso máis aló e ver en que podemos mellorar, que cousas deben quedar como están e que cambios hai que facer para que o noso mercado se sosteña por si mesmo garantindo en todas as edicións oferta, variedade e público tamén sostidos”.

O mercado do próximo domingo, día 25 de febreiro, suporá o punto de arranque dun estudo que combinará os datos de campo co deseño de estratexias específicas “que se porán en práctica de cara a seguintes edicións”. A cita é a primeira desde o pasado mes de outubro e nela inscribíronse un total de 54 postos de distinto tipo: 14 dedícanse á venda de produto alimentario, de horta e de planta; outros 14 están centrados na artesanía; 5 xuntan artigos manufacturados con pezas de segunda man e, por último, haberá 21 expositores que acheguen curiosidades vintage como discos, libros, complementos do fogar e xoguetes.

A configuración do espazo mantense como en anteriores edicións: nos sendeiros máis próximos á Casa do Concello atoparemos os postos de alimentación e produtos frescos, na metade inferior dos xardíns e na banda oeste situaranse os viveiros e artesanía, mentres que no lado paralelo á estrada de Ferreira compartirán espazo este último gremio e o das persoas que venden artigos de segunda man. Todos eles deberán permanecer instalados, como mínimo, ata as 14.30h.

Listado de postos inscritos no mercado local

Share.