Leandro Lamas pintará un dos seus cadros no mercado local do domingo 29

0

O Concello quere darlle un novo pulo aos mercados locais rodeándoos de pequenas propostas culturais e de animación que contribúan a dinamizar o evento, onde pode atoparse practicamente de todo e a bo prezo. Para a edición do domingo 29 de xullo a área de Desenvolvemento Local convidou ao pintor e artista multimedia Leandro Lamas, quen fará un dos seus deseños ao vivo a partir das 12.00h. Tan pronto como remate, a obra sortearase entre o público que fixese algunha compra no mercado. Os postos que queiran participar na cita teñen xa aberto o prazo de inscrición que, como é habitual, deberá formalizarse presentando no Concello ou na Casa da Cultura a ficha correspondente, aínda que tamén se pode enviar ao correo agustin.perez@sansadurnino.gal. O prazo remata o 26 de xullo ás 14.00h.

O mercado naceu como punto de encontro para a produción local de todo tipo: froitos, planta, alimentos frescos e transformados, etc., aos que se lles arrimou a oferta de artesanía e segunda man como un aliciente máis para vir pasar a mañá polos xardíns municipais.

Porén, andando o tempo, a artesanía e mailas oportunidades foron ganando presenza, de xeito que hoxe son un dos grandes atractivos dun evento que, ademais, conta xa cun calendario fixo ao longo do ano. Os mercados celébranse os últimos domingos dos meses de maio, xuño, xullo, setembro e outubro, alternando coas dúas grandes convocatorias municipais: a Feira da Plantación do derradeiro domingo de abril e a Feira Rural do último sábado de agosto.

Outra das novidades introducidas este ano polo Concello é o reforzo do mercado con eventos culturais paralelos de todo tipo, como poden ser a música, o teatro de rúa ou, coma neste caso, a pintura en vivo e en directo do artista Leandro Lamas. Cantante, letrista, actor, escenógrafo e dinamizador cultural que se apunta a calquera iniciativa creativa -en boa parte a través da asociación cultural O Aturuxo de Melpómene- , Leandro reside en Neda aínda que ten as raíces maternas en Ferreira.

O renome vénlle da súa faceta como pintor, muralista e ilustrador. Entre as obras que nos caen máis próximas podemos citar a táboa que decora o salón de plenos do Concello, os debuxos do poemario de Antón Cortizas “Anatomía da lingua. (Lingua de amar, lingua de amor)”, presentado no Nadal en San Sadurniño, ou a imaxe máis icónica e representativa da figura do Apalpador.

Lamas asentará o cabalete no medio do mercado do domingo 29 de xullo e co seu ollar, ao que non lle escapa detalle, seguramente tire por algunha escena relacionada co evento, seguindo para iso o seu estilo particular onde priman as cores vivas, os difuminados, os trazos enleados  e unha perspectiva moi particular que desprende por todos os lados optimismo e un certo naturalismo naíf.

Quen veña polo mercado poderá asistir en directo ao proceso creativo de Leandro, que nestes casos en que ten pouco tempo para facer a súa obra -estará lista en arredor de hora e media- opta case sempre pola acuarela. Pero ademais de ver como traballa o artista, o público tamén poderá levar para a casa a súa obra. Os postos do mercado entregarán con cada compra un boleto para entrar no sorteo do cadro, que se fará entre as 13.30 e as 14.00h.

O mercado local do domingo 29 de xullo comezará sobre as 10.00h. e prolongarase ata pasadas as dúas da tarde. A normativa de participación no evento e outros datos importantes que deben ter en conta as persoas responsables dos postos poden consultarse nos anexos á ficha de inscrición. O prazo para presentar as solicitudes remata o 26 de xullo ás 14.00h. e a lista de admisións publicarase ao día seguinte.

Documentación descargable:
Ficha de inscrición de postos no mercado

 

Share.