O mellor agasallo de Reis: tempo coa rapazada e xogos para ser persoa

0

Preparando a información do día sobre a próxima visita dos Reis Magos de Oriente a San Sadurniño -algo que farán na tardiña do domingo- demos unha volta pola rede para ver cal sería o mellor agasallo que poden traer ou, mellor dito, que a cativería podería pedir. Si, o obvio son os xoguetes de moda cos que brincan un minuto e despois deixan tirados en calquera esquina…, ou as táblets e móbiles que lles chuchan horas e horas e que son imprescindibles para xantar-merendar-cear baixo pena dun follón maiúsculo que nais e pais evitan entregándolles o aparello. Criar unha nena ou un neno non é cousa doada, e moito menos o é educar. E cos regalos tamén se educa posto que, lembremos, os Reis só son cumpridores de peticións que a rapazada formula con axuda de papás e mamás no momento de escribir a carta. Para reflexionar sobre isto atopamos un interesantísimo comunicado do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia do que extraemos algúns consellos ben útiles. Recomendamos a súa lectura antes da chegada das SS.MM.

Achéganse os Reis Magos… Habitualmente, coméntase que nestas datas se incrementa o consumismo; pero poderíamos dicir que se incrementa a inconsciencia e que as cidadás e cidadáns se comportan, máis que nunca, como autómatas. Os fillos e fillas son “máquinas” de pedir e os pais e as nais “máquinas” de dar (con axuda dos Reis); nin tan sequera de conceder desexos.

Os desexos vanse fraguando a partires da apetencia por algo, mantida no tempo; están conectados cos mundos sensorial e emocional. Pola contra, os psicólogos e psicólogas educativas comprobamos o común que é a sobreestimulación e o fastío nas rapazas e rapaces. Teñen a meirande parte das cousas e incluso os acontecementos tan ao alcance das mans e dun xeito tan rápido que non hai lugar para a loita e o sacrificio que se levan a cabo cando hai apetencia por algo.

Na práctica profesional da psicoloxía educativa vemos, acotío, como cada vez é máis difícil sorprender, ilusionar e emocionar os nenos e nenas. Nestas datas, máis que nunca, os fillos e fillas están ansiosos porque queren pedir demasiadas cousas e os pais e as nais frustradas porque xa non saben como han de facer para satisfacelos. Así, en lugar de facer agasallos conscientes e con isto referímonos a agasallos que eduquen, que potencien a psicomotricidade, que axuden a desenvolver valores como a empatía, a convivencia en igualdade, que conviden á reflexión, que estimulen a creatividade e ao pensamento crítico, que rexeiten os estereotipos etc.; en moitas ocasións remátanse facendo agasallos desde a compulsión e baixo o xugo das modas.

As psicólogas e psicólogos educativos facemos un chamamento para que se lles fagan aos Reis peticións responsables e conscientes; porque o noso deber como persoas adultas é procurar o benestar e o bo desenvolvemento físico, psíquico e social dos e das menores. Pidámoslles que traian agasallos que contribúan a isto, a formar futuras persoas adultas máis sensibles, libres, solidarias e con máis capacidade de desfrute; do contrario, serán escravas dos seus instintos e polo tanto, infelices.

¿Por que non agasallar tempo?: tempo en familia, tempo para conversar, para escoitar, tempo para pasear, para rir, para ESTAR… Vivimos nunha sociedade que dificulta enormemente a conciliación familiar e laboral; una sociedade na que os pais e as nais se ven na obriga de levar un ritmo de vida trepidante e chegan aos seus fogares, en moitos casos, esgotados e a horas intempestivas nas que os seus fillos e fillas xa están durmindo.

Aproveitemos estes días festivos, nos que non teñen que ir ao colexio, para investilos en lecer xunto a eles e elas: ver unha película xuntos, que se impliquen nos menús de Nadal, motivemos a súa participación en actividades solidarias (para que adquiran conciencia de que hai moitas persoas que pasan estas festas en soidade e en circunstancias moi complicadas)… En definitiva, compartamos tempo, afecto e emocións con eles e elas. Ese é o mellor agasallo de Reis para os fillos e fillas; porque iso é EDUCAR.

Os Reis Magos paran en San Sadurniño o domingo pola tarde
Está previsto que os Reis Magos de Oriente pasen por San Sadurniño o domingo á tarde, no marco dunha festa infantil que se desenvolverá no ximnasio do CPI a partir das 17.30h. O evento estará animado por La GuaGua cun castelo inchable, camas elásticas, obradoiros de manualidades e, por suposto, as súas exitosas coreografías pensadas para que canten e baile a rapazada e mesmo as mamás e papás.

Este ano tamén se servirá de balde un rico roscón de reis acompañado de chocolate ben quentiño. Desde Cultura lanzan un aviso importante: aquelas familias que teñan algún membro con alerxias ou intolerancias a calquera ingrediente -fariña, ovos, leite, froitos secos…- deben contactar co técnico de Cultura para poñelo ao tanto, co obxectivo de ter preparada unha merenda alternativa. Para iso pódese chamar ao 616 332 919 ou mandar un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.

Share.