O martes 1 de xuño abrirá o prazo de solicitude da Aldea de Verán

0

O programa de conciliación Aldea de Verán recupera este ano o seu calendario habitual, despois de que en 2020 a situación sanitaria obrigase a demorar o seu inicio e tamén a súa duración e organización. Así, as actividades, dirixidas a nenas e nenos de ata 12 anos xa escolarizados no curso 2020-2021, volverán desenvolverse nas quendas de xullo e agosto con posibilidade  de elixir entre dous horarios de entrada, un a partir das 8.30h. e outro desde as 10.00h., rematando en ambos casos ás 14.30h. O prazo de solicitude para a primeira quenda, a de xullo, está aberto entre o 1 e o 15 de xuño. As familias empadroadas en San Sadurniño -que terán prioridade na asignación do servizo- tamén poderán solicitar praza para o mes de agosto nese mesmo período. Este ano só se ofertan 30 prazas como máximo e ademais seguirase mantendo o protocolo anti-COVID que xa se aplicou na anterior edición. Porén, hai máis cousas sobre os prazos e as maneiras de presentar a solicitude que se deben ter moi presentes. Son as seguintes:

O primeiro ao que cómpre atender é á prioridade das admisións. A regra xeral é ir adxudicando as prazas segundo a orde de entrada no rexistro municipal -sexa presencial ou telemática- e dándolle preferencia a quen solicite para un mes completo e para o horario de 8.30 a 14.30h. sobre quen solicite o servizo por quincenas ou para o horario de 9.30 a 14.30h.

Con todo, o principal criterio de acceso será que as familias solicitantes estean empadroadas en San Sadurniño -ou con vinculación laboral no municipio- e que cumpran a condición de ser monoparentais ou a de que os dous proxenitores estean traballando ou realizando formación regrada para o emprego.

O seguinte criteiro na orde de prioridade é que as familias estean empadroadas en San Sadurniño e que non se encontren en ningún dos casos anteriores, como pode ser, por exemplo, que só traballe a nai ou o pai.

En terceira orde de preferencia accederían ao servizo familias monoparentais ou nas que os dous proxenitores traballen -ou estean formándose para o emprego- que non sexan de San Sadurniño pero que teñan os fillos ou fillas matriculadas no CPI.

En cuarto lugar nesta orde de asignación de prazas estarían as familias doutros municipios e que teñan a rapazada estudando no CPI.

Por último, de quedar prazas vacantes, asignaríanselles ás demais familias solicitantes tomando como referencia unicamente a data de inscrición.

Quendas e horarios
A Aldea de Verán desenvolverase durante os meses de xullo e agosto cun horario global de 8.30 a 14.30 horas de luns a venres dividido en dúas quendas: unha de 8.30 a 14.30h. -para este horario ampliado só se ofertan 10 prazas- e outra con entrada entre as 9.30 e as 10.00h. e remate ás 14.30 horas.

As matrículas poderán formalizarse en dous períodos: do 1 ao 15 de xuño para o servizo durante o mes de xullo, e do 1 ao 15 de xullo para a Aldea de Verán durante o mes de agosto. As familias de San Sadurniño poderán reservar praza durante o primeiro período pagando os dous meses. Só poderán pagar as familias que figuren empadroadas no concello, mentres que as de fóra deberá, agardar a que lles confirmen antes a praza.

Outras cuestións para ter en conta
Este ano ao programa poderán asistir os nenos e nenas desde os 3 ata 12 anos, pero non se admitirán solicitudes de menores que non estivesen xa escolarizados no curso 2020-2021. É dicir, poderán asistir pequenos de 3 anos que cursasen este ano o primeiro curso do 2º Ciclo de Educación Infantil, pero non os que aínda vaian empezalo en setembro. É importante ter isto en conta, posto que no último boletín Novas indicábase erroneamente que a rapazada da EIM A Rolada tamén podería inscribirse no programa.

Outra cuestión que se debe ter moi presente é que, preferentemente, as solicitudes e o resto de documentación ha de presentarse a través da Sede Electrónica.  Para rexistrar as solicitudes presencialmente no Concello será obrigatorio solicitar cita previa chamando ao 981 490 027.

Nesa chamada tamén se deberá indicar se unha mesma persoa vai presentar as solicitudes de unha ou máis familias e, nese caso, deberá achegar obrigatoriamente as follas de representación asinadas polas persoas interesadas xunto coa copia dos seus DNIs.

Prezos
Os prezos públicos da Aldea de Verán 2021 publicáronse no BOP do pasado mércores, 26 de maio, e son os seguintes dependendo do número de membros da unidade familiar e dos horarios elixidos:

Horario de
8.30 a 14.30h
Horario de
9.30 a 14.30h
1º Membro da unidade familiar 110€ 80€
2º Membro da unidade familiar 75€ 50€
3º Membro da unidade familiar 45€ 30€

 

Documentación que se debe achegar (en verde a descargable en pdf que deberá achegarse coa solicitude):

O anuncio dos prezos públicos pode consultarse nesta ligazón e o plan de prevención COVID pode descargarse desde estoutra.

Share.