O martes 20 abre o prazo de preinscrición nas escolas culturais municipais

0

A piques de rematar o verán, é tempo de volver ás rutinas diarias, incluídas as que nos propoñen as distintas escolas municipais de Cultura e Deportes, que tamén retoman a actividade cadrando co comezo do outono. O Concello volve ofertar ximnasia para persoas maiores (ademais de Memoria Activa), fútbol, voleibol, gaita, pandeireta e baile tradicional. O prazo de preinscrición estará aberto desde o 20 de setembro e no caso das culturais e na ximnasia será necesario xuntar grupos de 8 persoas como mínimo para que vaian adiante. As matrículas poderán formalizarse a partir do 3 de outubro.

Tal e como vén sendo habitual nos últimos anos, o Concello abre primeiro un período de preinscrición para saber de antemán se efectivamente hai persoas suficientes para iniciar cada actividade cultural. Por iso, para anotarse en gaita, pandeireta, baile tradicional ou ximnasia de mantemento para persoas maiores, hai que chamar  a partir do 20 de setembro ao 981 490 027 ou pasar polas oficinas municipais.

Unha vez que se confirme o grupo de cada escola, non antes, poderemos formalizar a matrícula, cuxo prazo abrirá o 3 de outubro.

O trámite de matriculación hai que facelo presencialmente no Concello ou a través da Sede Electrónica. O pagamento da taxa pode efectuarse ingresando/transferindo o seu importe na conta do Concello ES74/2080/0208/0131/1000/0059, indicando no concepto “matrícula da (escola de que se trate) curso 2022/23” e o nome da persoa que asistirá se é distinto de quen fai o ingreso.

O xustificante haberá que presentalo no momento de entregar a solicitude no rexistro municipal ou cando a acheguemos pola Sede Electrónica. Tamén se pode pagar a matrícula con tarxeta no rexistro municipal e mesmo é posible domiciliar os recibos. Os prezos en vigor son:

  • 17,04 € de matrícula e 33,90 € de cota trimestral para maiores de 18 anos e menores de 65.
  • 16,32 € de matrícula e 22,61 € de cota trimestral para menores de 18 anos, maiores de 65, pensionistas, estudantes, familias numerosas e titulares do Carné Xove.

No caso das escolas deportivas de fútbol e voleibol, as familias interesadas en iniciar as súas nenas e nenos nestas disciplinas deben contactar coas entidades que xestionan as escolas: a Escola de Fútbol Irmandiños (667 553 229) e o Club Voleibol Aldebarán (636 728 186 – 696 085 847).

Pilates en colaboración co ximnasio Beni-Gym
O ximnasio Beni-Gym, en colaboración co Concello, tamén oferta clases de pilates para a veciñanza, como parte da programación deportiva do curso 2022/2023. A actividade desenvólvese os luns e mércores na Casa da Cultura cos horarios doutros anos: de 20 a 21:00h o primeiro grupo e de 21:00 a 22:00h o segundo, cun máximo de 15 persoas en cada un deles.

As sesións están completas en ambos horarios, pero hai a posibilidade de anotarse nunha lista de agarda por se se producisen baixas nas próximas semanas. Para iso hai que chamar ao 665 957 056.

O prezo son 28 euros ao mes para persoas empadroadas en San Sadurniño e 33 para as provenientes doutros concellos. As clases prolongaranse até o 30 de xuño do ano que vén.

Share.