O Intasa mídese este sábado con equipos de Superliga no XX Trofeo Concello de San Sadurniño

0

O Aldebarán-Intasa de voleibol será anfitrión este sábado da vixésima edición do trofeo Concello de San Sadurniño. Un cadrangular ao que están convidados tres dos equipos que xogarán este ano na Superliga masculina: o Arenal Emevé de Lugo, o Boiro Voleibol e a Textil Santanderina. O equipo local, que militará na división de prata, tentará reeditar a boa actuación da fin de semana pasada, cando se proclamou campión da Copa Galicia cunha formación que volve combinar veteranía e mocidade e que aínda está en fase de rodaxe de cara ao inicio da competición ligueira o próximo 8 de outubro en Tenerife.

O equipo xa deu mostras da súa calidade ganando o amigable de adestramento que xogou hai seis días no pavillón municipal contra o Arenal Emevé. E o sábado pasado confirmou o seu bo estado de forma na Copa Galicia disputada en Pontevedra, tumbando primeiro ao Dumbría e, xa na final, ao Rotogal Boiro, que será o segundo equipo galego, canda os lugueses, que estará en Superliga.

Ambos equipos -Emevé e Boiro- están convidados a participar no XX Trofeo Concello de San Sadurniño de volei que se xoga no pavillón municipal este sábado. Completan o cadrangular a Textil Santanderina, tamén de Superliga, e unha escuadra anfitrioa que volve apostar polos nomes veteráns -Boris, Pakito, Marcos Blanco…- aos que se lles unen as novas caras de Guille Avendaño, Luis Meza, Jeyson Morelos “Bambi”, Hugo Bravo, Teo, Manu Aba ademais das renovacións de Manuel Gomes, Roi Losada, Álex Vizoso e a posible entrada progresiva doutras pezas da base.

Completa a composición 2022/2023 o adestrador Diego Taboada, que estará asistido por Luis Cuadrado e polo preparador físico David Guiñazú.

O trofeo arrancará ás 10:30h co enfrontamento entre o Arenal Emevé e o Rotogal Boiro, seguido ás 12:00h -se a cousa vai sobre o horario previsto- do encontro entre o Aldebarán-Intasa e o Textil Santanderina.

A loita polo terceiro e cuarto posto -entre os perdedores da mañá- comezará ás 17:30h e a final entre os vencedores dos dous primeiros partidos da xornada xogarase a partir das 19:00h.

Tralo trofeo municipal, o Aldebarán-Intasa seguirá axustando a plantilla ante o inminente comezo ligueiro. A primeira xornada está posta para o sábado 8 de outubro, día no que a escuadra azul visitará a cancha do Tenerife Sur. Unha semana despois -o sábado 15-, primeiro partido na casa recibindo ao Grupo Egido Pinto. O Aldebarán comparte Grupo A da SM2 co Vigo Voleibol e co Volei Dumbría, aínda que non poderemos gozar dos derbis autonómicos ata finais da primeira volta, aló polo mes de decembro.

Salvo os canarios do Tenerife e do Cisneros Alter, o resto de equipos de grupo quedan todos relativamente preto, o que facilitará non só os desprazamentos do equipo local, senón tamén o da súa afección nos partidos a domicilio. Ademais de medirse cos outros dous galegos, o Aldebarán enfrontarase aos madrileños do Grupo Egido Pinto, o VP Madrid, o CV Leganés, o CUV Alcorcón e o CV Collado Villalba e, aínda máis, preto, ao Gijón Voley e o CyL Palencia 2024.

 

Share.