O grupo de goberno saca adiante en solitario a rebaixa do IAE

0

O pleno extraordinario convocado para a tarde deste martes abordou dous únicos puntos na súa orde do día. Dunha banda someteuse a votación unha modificación orzamentaria para acomodar nas contas municipais as liquidacións de 2018 presentadas polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para o cofinanzamento do Centro de Día. Nese acordo tamén se incluiu unha partida para renovar as bancadas do pavillón municipal, de maneira que o montante total da partida -asumida con remanentes propios- chegará aos 57.000 euros. Por outro lado, a corporación tamén debateu a actualización da ordenanza reguladora do Imposto de Actividades Económicas coa finalidade de adaptala á normativa actual e introducir rebaixas que beneficiarán, principalmente, ás empresas radicadas na zona industrial da Bidueda.  Os dous acordos saíron adiante cos únicos votos favorables do grupo de goberno, mentres que o PP se abstivo no primeiro e votou en contra do segundo. O PSOE abstívose nos dous.

Os motivos das abstencións en ambos puntos foron distintos entre as filas da oposición. Así, a concelleira Yolanda Vázquez sostivo a súa postura en que os acordos ían en contra do cumprimento da regra de gasto, algo advertido no informe da Secretaría-Intervención municipal que, con todo, se pronuncia favorablemente sobre as dúas cuestións tratadas.

O PP argumentou a súa abstención no primeiro punto, en que consideraba que se lles mentira nunha sesión anterior cando preguntaron se había algunha débeda co Consorcio Galego de Igualdade e o alcalde lles asegurou que non. Alén deste razoamento, e referíndose á outra parte da modificación de crédito, o grupo popular tamén cre que a mellora nas bancadas do pavillón “non é algo tan urxente que non poida esperar ao ano que vén”.

No asunto do IAE o PP votou en contra incidindo en que o imposto non debería modificarse, posto que “non está tan alto” e, ademais, “as empresas ben poden pagalo e son cartos que entran no Concello”, asegurou Belén Trigo.

As posturas de ambos grupos foron rebatidas por Suso Soto, que investiu a maior parte da súa intervención en expoñer os fundamentos dos puntos tratados e en respostar, canda a Secundino García, os postulados populares.

Sobre o pagamento ao Consorcio, García aclarou que no momento en que o PP preguntou en pleno non existían débedas con este organismo dependente da Xunta, mentres que Soto aclarou que as liquidacións que motivaban a modificación de crédito “son as de 2018” e criticou que o Consorcio presentase a do segundo semestre do ano “cando aínda non rematou”. O edil de Facenda explicou tamén que habería posibilidade de adiar o pagamento ata o ano que vén “como van facer moitos concellos”, pero que no caso de San Sadurniño se decidira satisfacer as liquidacións xa mesmo “para comezar 2019 sen cargas”, habida conta de que o Concello conta con recursos económicos para facelo.

En referencia ao investimento nas bancadas do pavillón, Suso Soto explicou que o proxecto busca facer a zona principal do público “máis cómoda e accesible” e xustificou a urxencia da intervención para aproveitar o parón do Nadal, cando se deteñen a actividade escolar e mailas competicións deportivas oficiais. Os traballos consistirán en darlle máis espazo ás filas da dereita do recinto e en dotalas de asentos, cun investimento que pasa pouco dos 14.000 euros.

Para defender a modificación da ordenanza do IAE e rebater os argumentos da oposición, Soto acusou aos representantes do PP de ser “incongruente” co que propugna a súa formación ao non querer apoiar unha rebaixa de impostos para as empresas. O responsable de Facenda explicou que o novo texto regulatorio do IAE “adáptase á nova normativa” e, ademais, vén facilitar que as empresas “poidan medrar” e que “sexan máis competitivas”, coa conseguinte repercusión directa no emprego local.

A ordenanza rebaixa do 1,4 ao 1,1 o coeficiente de situación -un dos parámetros polos que se calcula o imposto- para as empresas situadas en zona de categoría 1ª, nas que se encadra a zona industrial da Bidueda e o Forgoselo. Malia todo, a baixada “non vai conlevar uns ingresos menores para o Concello” e que de cara a 2019 “incluso vai haber máis ingresos por IAE” nas arcas municipais, asegurou Soto, precisando tamén que Iberdrola -quen xestiona o parque eólico- “vai seguir pagando igual” que ata agora.

Audio do pleno

Share.