O Grupo de goberno apoia en solitario a creación de chan para vivenda na zona da Cortiña

0

Unha hora xusta tardaron este xoves as concelleiras e concelleiros da corporación en tratar os asuntos que compuñan a orde do día do pleno ordinario de setembro, capitalizado polo paquete de obras que se financiarán co POS+ adicional, a aprobación da ordenanza xeral de subvencións e, os puntos máis debatidos, a modificación puntual das normas subsidiarias para converter en solo urbano non consolidado parte dos terreos que rodean o Centro de Día e a moción en apoio da iniciativa lexislativa popular que está promovendo o colectivo SOS Sanidade Pública de Galicia para que a Xunta destine financiamento e recursos á atención primaria.

As tres primeiras cuestións saíron adiante por unanimidade do BNG e do PP nunha sesión que se celebrou con dous escanos baleiros pola ausencia de Manolo Varela -convalecente dunha operación de escasa entidade- e do único representante do PSdeG-PSOE, Lois Anxo Rodríguez, quen se excusou por non poder asistir.

Deste modo, e en cousa de dez minutos aprobouse a acta da sesión anterior e ratificouse a distribución do POS+ Adicional 02/2022, despois de que a Deputación da Coruña habilitase unha nova partida próxima a 354.000 euros para financiar gasto corrente e infraestruturas. En canto a obras, o Concello incluiu os dous proxectos xa previstos a principios de ano no Plan Complementario, que son o aglomerado desde a Camba -en Ferreira- até o límite con Moeche, orzamentado en 169.281 euros, e o aglomerado e creación dunha senda peonil desde o Chao de San Cristovo até a Chabola, tamén en Ferreira, cuxo proxecto está cifrado en 86.300 euros. Ademais tamén se aprobou dedicar 98.200 euros a gasto corrente, completando desta maneira a nova achega provincial.

As concelleiras e concelleiros tamén lle deron o visto e prace á ordenanza xeral de subvencións que, tal e como se explicou na sesión, é un documento obrigatorio por lei no que se recollen os criterios procedimentais en canto á tramitación de subvencións e convenios nominativos por parte do Concello. A ordenanza deberá pasar pola exposición pública e, unha vez entre en vigor, será o marco normativo que se tome como referencia para a elaboración de bases e convocatorias. O Goberno local comprometeuse a enviarlle o texto ao tecido asociativo, como principal perceptor das axudas municipais, para que poida analizalo e, de ser o caso, presentar as alegacións que se estimen oportunas.

Modificación das normas subsidiarias e mocións
Xa antes do comezo do pleno cabía supoñer que os puntos que xerarían máis debate ían ser o da modificación puntual das normas susbsidiarias e o relativo á iniciativa lexislativa popular de SOS Sanidade Pública de Galicia. E así foi.

A modificación puntual das normas subsidiarias atinxe unicamente a 4.378 m² do terreo que rodea o Centro de Día de San Sadurniño, co obxectivo de convertelo en solo urbano non consolidado. Nun futuro desenvolvemento alí iría unha rúa con 12 prazas de aparcamento, espazo dotacional e verde e cinco parcelas de 300 m² para outras tantas vivendas unifamiliares independentes de baixo máis un andar -sen superar os 7 metros de altura- cuxa construción deberá estar vinculada a algunha modalidade de protección pública.

O PP opúxose á modificación entendendo que “en San Sadurniño hai terreo suficiente para construír casas” e baixo o argumento principal de que o proxecto podería comprometer unha futura ampliación do Centro de Día. Unha postura contraargumentada á súa vez polo Grupo de goberno, desde onde se sinalou que a variación da consideración do chan “non é excluínte” de que o solo poida dedicarse a equipamento social. “Estaría encantada de que a Xunta nos construíse aquí unha residencia, pero confío pouco nesa posibilidade”, dixo a portavoz nacionalista, Mari Carme Muíño, puntualizando que o Centro de Día non está ao completo e que, ademais, a veciñanza de San Sadurniño ten prioridade no acceso sobre a proveniente doutros concellos.

O Partido Popular tamén votou en contra da moción en apoio da plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia para levar adiante unha iniciativa lexislativa popular que blinde a atención primaria. A ILP pide, entre outras cousas, que a “regra xeral” nas consultas médicas sexa a atención presencial, que se remate coa precariedade e inestabilidade do persoal e que se reforce a dotación dos centros de saúde. Tamén se esixe que a Atención Primaria, “en risco real de desmantelamento e privatización”, teña asegurado polo menos o 25% do gasto sanitario en Galicia.

Os “populares” xustificaron o seu voto contrario en que SOS Sanidade pública é “unha plataforma partidista”, malia recoñecer que “a sanidade está mal en Galicia, si, igual que no resto de España”. O BNG insistiu que a actual situación é resultado “de decisións políticas” e recordou que as competencias na materia lle corresponden á Xunta “que non pode mirar para outro lado nin botar balóns fóra. A sanidade que hai hoxe é peor que en 2009”.

Rogos e preguntas
No apartado de rogos, o PP solicitou que se repuxesen as tapas dos postes da iluminación pública en Cornide para evitar accidentes eléctricos. Tamén preguntou se había previsión de reparar a pista de Racamonde, en Naraío. A este respecto, o alcalde respostou que nestes días se recibirá un proxecto de reparacións viarias que inclúe tamén o arranxo desa zona. Sen saír das cuestións relacionadas coas estradas, o PP volveu solicitar que o Concello mediase coa AXI para rebaixar de 70 a 50 quilómetros por hora o límite de velocidade na estrada AC-862 en Cornide, no punto que leva ao lavadoiro público.

Unha vez tratada esta última cuestión, o alcalde levantou a sesión e leu unha serie de rogos e preguntas presentadas por un veciño. O escrito, “con propostas moi interesantes”, instaba ao Concello desenvolvemento dunha campaña de concienciación sobre a recollida do lixo, ademais de reforzar a compostaxe doméstica. En canto ás preguntas, a solicitude inquiriu sobre os custes dos procedementos xudiciais e indemnizacións satisfeitos até o momento polo Concello en relación coa anulación do convenio urbanístico coa Cooperativa de Explotación en Común de San Sadurniño. O alcalde detallou que o custe da procuradora foi de 900 euros e que os honorarios de defensa xurídica ascenderon a 14.000. A indemnización satisfeita até o momento polos terreos foi de 181.473,44 euros máis os xuros correspondentes. Quedaría pendente a compensación pola parte urbana, aínda que a cantidade final está aínda por definir despois de que o xulgado rexeitase a valoración feita pola parte demandante.

 

Share.