O Goberno local informa á oposición sobre as primeiras medidas para minimizar o impacto socioeconómico da crise

0

O alcalde a maila representación do BNG, o PP e o PSOE no pleno municipal mantiveron este domingo pola mañá unha mesa de portavoces co obxectivo de avaliar a situación motivada polo Estado de Alarma no Concello e tamén poñer en común tanto as accións que vai poñer en marcha o Goberno local para minimizar os seus efectos socioeconómicos como as achegas dos grupos da oposición. Entre as medidas que se porán en marcha está a de non pasarlles aos negocios os recibos da auga correspondentes ao Estado de Alarma, ademais de facilitarlles o pagamento dos que toque facer efectivos proximamente e que son anteriores á crise. Tamén se compensarán os recibos do lixo, que son de pagamento anual e que están delegados xunto con outros tributos na Deputación da Coruña. 

Con respecto ao pagamento dos recibos da auga previos ao Estado de Alarma, o executivo local indicou na xuntanza que nestes días se enviará unha carta indicando que se algunha empresa ou negocio se atopa nunha situación económica complexa debido ao peche ou á redución drástica dos seus ingresos e ten dificultades para asumir ese gasto no momento actual, poderá poñerse en contacto co Concello para analizar a situación e procurar unha solución. Esta medida será de aplicación tamén para os fogares que dispoñen de abastecemento municipal naqueles casos en que as familias visen mermados os seus ingresos debido á situación actual: ERTEs, desemprego, etc.

No caso dos recibos do lixo -delegados na Deputación- a intención do Goberno local é actuar da mesma maneira: compensarlles o importe a aqueles negocios que tiveron a obriga de pechar e analizar en detalle aqueloutros casos que o soliciten -incluídas familias- por teren dificultades  para asumir o recibo. Cómpre lembrar, ademais, que o ente provincial anunciou a demora “ata novo aviso” do IVTM e outras taxas. Dentro das competencias municipais, as firmas do Centro de Empresas beneficiaranse dunha bonificación do 100% no alugueiro dos espazos durante o tempo que se manteña o Estado de Alarma.

Para paliar os efectos da crise, desde o Goberno local apóstase pola “prudencia” non adiantando actuacións que non estean meditadas e que, en calquera caso, han de encaixar coas que adopten outras Administracións e estar baseadas na cuantificación obxectiva e pormenorizada das necesidades tanto das empresas como da veciñanza. A área de Desenvolvemento local está trazando xa as liñas mestras dun plan de recuperación cuxas medidas concretas quedarán definidas tan pronto como se dispoña dun diagnóstico preciso das repercusións socioeconómicas do Estado de Alarma, aínda que a liña que pretende seguir o Concello é máis a da reactivación -dinamización, contratación directa de servizos e subministros, etc.- que a dun subsidio directo, aínda que sen pechar en casos puntuais esta posibilidade.

En relación co emprego, o Concello quere axilizar no posible a contratación das obras do POS+  e retomar tamén de inmediato as licitacións correspondentes ao Plan adicional de 2019, cuxo prazo quedou interrompido pola declaración do Estado de Alarma. Tamén se quere programar o proceso selectivo do PEL provincial -a través do que serán contratadas 3 persoas con carácter temporal- para que o inicio dos contratos coincida ou se aproxime o máis posible ao remate do período de restricións sanitarias.

Por outro lado, a área de Desenvolvemento local tamén enviou estes días unha carta ás empresas do municipio para que informen do seu nivel de actividade nestes momentos, de cara a informar a través das redes sociais municipais de cales seguen ofertando servizos, como por exemplo aqueles que teñen entrega de produtos a domicilio ou os que atenden outras necesidades baixo demanda de maneira telemática ou telefónica.

Entre as inquedanzas expresadas polos grupos da oposición, PSOE e PP coincidiron na necesidade de contar cun mapa de acceso á banda larga no Concello e de mellorar a cobertura en todo o territorio. Unha cuestión que depende das operadoras pero que, tal e como quedou patente na xuntanza virtual, debería contar cun apoio decidido por parte de organismos como a Xunta ou o Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía. O Concello enviaralles cadanseu escrito lembrándolles a importancia de dispor de boas infraestruturas de conexión para facilitar a conectividade educativa, o teletraballo e as oportunidades de negocio no rural. A actual situación de confinamento tamén acentuou a fenda existente en canto a competencias dixitais que, segundo se apuntou na reunión, debería minimizarse por medio da Aula CeMIT.

Houbo tamén referencias ao necesario reforzo da información a través da web municipal sobre as medidas hixiénicas e preventivas dos contaxios do coronavirus e sobre as liñas de apoio dirixidas a negocios e familias. O PP propuxo facer un boletín Novas específico con este tipo de información, pensando principalmente na veciñanza que non ten acceso ou que non usa internet. Este aspecto xa foi valorado ao comezo da crise polo Goberno local, aínda que finalmente non puido levarse á práctica debido a que Correos non está prestando o servizo de envío de impresos.

Na xuntanza virtual abordáronse, ademais,  os motivos que levaron ao Concello a non facer un reparto masivo de mascarillas. Un posicionamento que, segundo explicou o alcalde, é coincidente coas recomendacións sanitarias en vigor, que seguen dándolle máis prioridade ao confinamento e á hixiene que ao uso xeralizado deste equipamento entre a poboación, agás naqueles casos en que non se poida manter o distanciamento social.

No encontro -efectuado a través de Skype-  tamén se falou do restablecemento paulatino da normalidade na Administración local que, segundo Secundino García, nalgúns casos, levará a “reinventar” servizos para adaptar o seu funcionamento á “nova situación”. Neste sentido, o edil responsable de Persoal, Manolo Varela, reunirase o martes cos traballadores e traballadoras para coordinar a progresiva reactivación de todos os servizos.

Share.