O Goberno local de San Sadurniño, satisfeito “a medias” co proxecto de obra da estrada de Ortigueira

0

O plan da Xunta para aumentar a seguridade e a capacidade da AC-862 iniciou hoxe xoves o prazo de 30 días hábiles de exposición pública. Ata o 28 de novembro poderanse presentar alegacións ao programa de expropiacións de leiras -28 afectadas en todo o territorio de San Sadurniño-, pero tamén observacións a un deseño que, xa de cabeza, non satisfai plenamente as expectativas do executivo local de San Sadurniño. As chatas que se lle poñen ao proxecto malia significar “unha mellora importante” son a de non actuar na estrada ao seu paso polo núcleo urbano nin tampouco a de acometer a reordenación do tráfico en Riboira, incluída a eliminación do embude causado pola ponte do tren. Secundino García insistiu tamén en que esta mellora “a medias” da mobilidade na nosa zona debe ir acompañada dun impulso “decidido e con garantía de execución a medio prazo” para o proxecto da VAP, cualificada por García como “o auténtico eixo de vertebración que precisa o norte de Galicia”.

O proxecto que neste momento está en exposición pública é a primeira fase das actuacións anunciadas pola Xunta o ano pasado para corrixir o trazado comprendido entre a AG-64 e o núcleo de Ponte Mera. 27 quilómetros de percorrido nos que se contempla a mellora e redeseño de interseccións, o encaixe e dimensionamento de carrís para vehículos lentos, a corrección de trazados en treitos curvos, a análise e ordenación de xiros á esquerda e a revisión da sinalización horizontal e vertical.

No caso de San Sadurniño só se actuará a este respecto desde a saída do núcleo urbano, á altura do Outeiro, e a entrada no lugar de Riboira. Nese espazo concreto veranse afectadas polas obras un total de 26 parcelas, ás que cómpre sumarlles outras dúas pertencentes a Bardaos limítrofes co centro urbano de Moeche. Son aproximadamente 2,2 quilómetros de estrada á que se lle dará máis ancho en varios tramos co obxectivo de crear dous novos carrís para vehículos lentos, concretamente entre o actual acceso ao campo de Corrás e Prospes, e desde a saída de Prospes até case chegar a Riboira.

Ademais, o plano do proxecto elimina, precisamente, o cruzamento de acceso á piscina e o campo de fútbol. Para iso deseñouse unha vía de servizo paralela de case 300 metros que obrigará a entrar e saír por ela máis abaixo, nun punto cerca xa do Outeiro con maior visibilidade e cos correspondentes carrís de espera para xirar á esquerda.

Eses son os dous grandes cambios que se van producir na estrada, que conlevarán mover terras e expropiar principalmente nas leiras do lado esquerdo en sentido subida. De feito, tal e como reflicte o Diario Oficial de Galicia, a nova vía de incorporación a Corrás collerá algo máis de 5.300 metros cadrados dunha peza rústica xusto á saída do Outeiro e en Prospes tamén se verán afectados uns 4.000 m² doutra igualmente rústica de protección que se encontra plantada de eucalipto. No resto de predios, os anacos expropiados -“o que collerá a carretera”, como adoita dicirse- andan entre os 4 e os 2.046 m².

Desde o Concello laméntase que o proxecto da Xunta non se ocupase doutros aspectos considerados fundamentais polo Executivo local e que xa lle foran expostos á AXI nas xuntanzas e comunicacións mantidas desde o ano pasado. Para Secundino García o actual proxecto “é unha mellora importante, si, pero deixa a medias as expectativas de San Sadurniño sobre o que se debería facer”.  O alcalde referiuse neste sentido ao feito de que “non se toca para nada a zona do Casal, xusto por diante do Concello, onde existe unha rotonda conflitiva e onde se producen velocidades elevadas que deberían atallarse dalgunha maneira. Ademais, as obras poderían aproveitarse para acondicionar as beirarrúas e renovar conducións soterradas”.

Porén, a principal crítica do Goberno local ao proxecto apunta á “falla de solucións” para o núcleo de Riboira, en Lamas.  “O proxecto salta Riboira coma se non existise. Chega á entrada deste núcleo e despois dá un salto de catro quilómetros ata o centro de Moeche sen tocarlle a máis nada. Riboira é un punto que tamén precisaría actuacións, sobre todo no enlace da pista provincial que baixa a San Sadurniño e a que vai desde este lugar ao Chao de Lamas que ten unha saída con moi pouca visibilidade polas diferenzas de nivel. Ademais tampouco se lle dá solución ao paso por debaixo da vía do tren, onde a estrada de Ortigueira se estreita facendo un S moi perigoso”.

Todas estas cuestións plantexáronselle á Axencia Galega de Infraestruturas cando o proxecto aínda era un borrador. O alcalde de San Sadurniño lamenta que non se recollesen no documento presentado onte e, neste sentido, avanza que o Concello “volverá remitir as demandas que cremos que se deben incorporar” aproveitando o prazo de alegacións e de achegas aberto pola Xunta ata o 28 de novembro.

Secundino García reitera declaracións que xa fixera en 2018 cualificando o actual proxecto como “algo necesario” que, porén, “parece un parche ou un bálsamo ante os retrasos que acumula a Vía de Altas Prestacións”. O rexedor engade que o plan de mellora da capacidade e da seguridade da AC-862 “non é a solución aos problemas de mobilidade da zona. Para iso fai falla unha aposta decidida pola VAP Ferrol-Ribadeo, o auténtico eixo vertebrador que precisa o norte de Galicia. É unha infraestrutura fundamental, e agora máis aínda, nun contexto de incerteza sobre o noso futuro industrial para o que todo o territorio debería contar con comunicacións axeitadas. Fai falla un impulso decidido e con garantías de execución a medio prazo”.

O proxecto da AC-862, en exposición pública
O plan de melloras na estrada de Ortigueira está publicado desde onte mesmo coa finalidade de que as persoas que o consideren oportuno poidan formular observacións sobre o proxecto ou achegar alegacións ou rectificacións sobre o proceso expropiatorio. O prazo remata o próximo 28 de novembro.

A información pode consultarse nos concellos de San Sadurniño, Moeche e Cerdido, na Axencia Galega de Infraestruturas -Edificio administrativo de San Caetano, Santiago- ou no Servizo de Infraestruturas da Coruña, na rúa Vicente Ferrer nº 2. Á información básica tamén se pode acceder desde as seguintes ligazóns.
Anuncio do DOG do 16/10/2019 co inicio da información pública e a relación de bens afectados
Plano xeral do trazado e leiras afectadas (.PDF en tamaño A3, 700 Kb) Fonte: Proxecto AXI
Follas individuais das parcelas afectadas pola expropiación O Outeiro-Riboira e límite con Moeche (.PDF EN TAMAÑO A4, 33 MB) Fonte: Proxecto AXI
Cartografía da expropiación no termo municipal de San Sadurniño O Outeiro-Riboira e límite con Moeche, incluídas as fichas individuais das leiras (.PDF EN TAMAÑO A3, 50 MB) Fonte: Proxecto AXI

Proxecto publicado na web pola Axencia Galega de Infraestruturas  Advertencia icono gratis ¡¡¡¡INFORMACIÓN IMPORTANTE!!!!: Trátase dun documento en PDF cun peso superior a 2GB, polo que non se recomenda picar na ligazón desde dispositivos móbiles ou desde conexións a internet con límite de datos ou velocidades lentas. 

 

Share.