O Fondo Galego de Cooperación leva a Mozambique as experiencias municipais sobre igualdade

0

Edís de Lugo, Moaña, San Sadurniño e Verín atópanse en Mozambique para intercambiar experiencias coas súas homólogas africanas. Ana G. Abelleira, María Ortega, Ana B. Gundín e Emilia Somoza, respectivamente, visitaron o municipio de Mandlakazi e o proxecto financiado á Fundação Encontro. Rematarán a semana participando na xuntanza da Rede Mozambicana de Mulleres Autarcas. A viaxe, organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, ten como obxectivo intercambiar experiencias  para impulsar no país africano a participación das mulleres na política local e as accións municipais a prol da igualdade.

As representantes galegas saíron o domingo e estarán de volta o sábado. Durante estes días coñeceron os proxectos que desenvolve alí o Fondo, aínda que a principal misión é contribuír coa experiencia galega a asentar o modelo no que traballa a Rede Mozambicana de Mulleres Autarcas. Esta rede fórmana alcaldesas e concelleiras que, na práctica, funciona como unha comisión nacional de xénero que traballa “na inserción da muller na sociedade, tanto desde o punto de vista da igualdade de xénero como nos seus dereitos”, tal e como declarou a presidenta desta entidade, María Helena Correia, nunha estadía recente en Galicia.

Correia é unha das políticas máis destacadas de Mozambique. Tralo remate da guerra civil en 1997 fundou a asociación de familias encabezadas por mulleres. Un proxecto solidario e de empoderamento feminino que fixo medrar a súa populariedade no país e que sería a súa plataforma de lanzamento á alcaldía da vila de Mandlakazi, desde onde impulsaría tamén a Rede Mozambicana de Mulleres Autarcas e accedería á vicepresidencia da Asociación Nacional de Municipios de Mozambique (entidade semellante á FEMP española).

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade mantén no país varios proxectos de colaboración. Un deles foi o desenvolvido coa Fundaçao Encontro a prol da saúde infantil e materna antes, durante e despois do parto. Outro -tamén en colaboración con esta fundación- é o programa Vacacións con traballo para persoal de concellos e deputacións que no caso de Mozambique se centra na educación de nenos e nenas e no apoio a persoas adultas con doenzas crónicas, principalmente a SIDA. A terceira acción do Fondo no país é o seminario ao que asisten estes días as concelleiras galegas, entre elas a titular da área de Igualdade en San Sadurniño, Ana Belén Bereijo.

As concelleiras  explicarán cal é a súa experiencia na implantación de políticas conducentes á igualdade entre mulleres e homes e coñecerán iniciativas que se levan adiante en Mozambique arredor do empoderamento feminino en distintos ámbitos, como a política ou a posta en marcha de infraestruturas e servizos á comunidade. Trátase dun intercambio de experiencias que se completará máis adiante coa visita a Galicia dunha delegación mozambicana.

 

 

Share.