O Fondo Galego de Cooperación celebra este sábado 25 anos colaborando cos países do Sur

0

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade celebrará este sábado os seus 25 anos de andaina cun gran acto no que se recoñecerá o labor dos concellos fundadores e das entidades que impulsaron esta rede integrada por un cento de municipios e tres deputacións comprometidas cos Dereitos Humanos e coa loita contra a pobreza e as desigualdades a nivel global. Responsables das administracións locais -entre elas o Concello de San Sadurniño-, da Xunta de Galicia e da Delegación do Goberno participan no evento que se desenvolve desde as 11:00h deste venres na Residencia de Tempo Libre de Panxón (Nigrán). Os países do Sur tamén participan no aniversario representados polo presidente da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos.

O alcalde de Nigrán e presidente do Fondo Galego, Juan González, foi o encargado de abrir o acto no lugar onde se celebraron as primeiras xuntanzas da entidade, impulsada tamén polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), en nome do cal falará o seu director, Daniel G. Palau. A seguir, intervirá o presidente da ANMCV, Herménio Fernandes, cando se conmemoran dúas décadas de colaboración con Cabo Verde. Tomarán a palabra, a continuación, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e a subdelegada do Goberno de España en Pontevedra, Maica Larriba.

No evento de aniversario tamén se lle renderá tributo aos concellos promotores do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade: Allariz, Arteixo, O Carballiño, Corcubión, Culleredo, Fene, O Irixo, Moaña, Nigrán, Oleiros e Porto do Son. Un recoñecemento que se estende a outras entidades que apoiaron a súa creación, como a Federación Galega de Municipios e Provincias ou a Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad, que agrupa 1.000 municipios e na que o Fondo Galego ocupa a Vicepresidencia.

A actriz Diana Sieira é a encargada de conducir o acto, que conta coa música galega de Leni Pérez e Roberto Comesaña e mais cos ritmos angolanos de Alberto Mvundi. Como agasallos simbólico está previsto entregar cara ao final do acto unha boneca elaborada por mulleres mozambicanas e unha árbore autóctona cedida pola Escola de Capataces Forestais de Lourizán (Pontevedra). Ademais, o programa da celebración tamén inclúe a proxección de varios vídeos, un deles en homenaxe a Alfredo Novoa, presidente do Fondo Galego durante catorce anos.

Por parte de San Sadurniño acudiron  ao aniversario o alcalde, Secundino García, e a concelleira de Igualdade, Araceli Bellas.

Proxectos, sensibilización e Axenda 2030
Desde a súa constitución en 1997, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ten apoiado preto de 200 proxectos en máis de 30 países, entre os que destacan Cabo Verde, Nicaragua, Cuba, Perú e, nos últimos tempos, Mozambique e Guinea-Bissau, amais dos campamentos saharauís. Auga e saneamento, vivenda, xénero, educación, saúde, infraestruturas comunitarias ou xestión de residuos son algúns dos sectores de actuación. Ademais, cómpre destacar os programas de cooperación técnica, que envían a persoal dos concellos galegos a traballar sobre o terreo cos parceiros no Sur Global.

Ao longo deste cuarto de século, o Fondo Galego promoveu tamén numerosas actividades para sensibilizar á cidadanía galega fronte as desigualdades, en forma de exposicións, concertos, contos, obradoiros, teatro, audiovisuais, charlas, certames, etc. Nestes intres, desenvólvense asemade diversas accións para implicar á xente nova na loita contra o cambio climático a través do proxecto europeo People & Planet.

Por outra banda, o Fondo Galego impulsa desde 2015 múltiples iniciativas para dar a coñecer os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e promover a implementación da Axenda 2030 no eido local, incluída a formación nesta materia de cadros políticos e técnicos locais e asistencias técnicas para elaborar plans municipais de localización dos ODS.

O labor do Fondo Galego de cooperación e solidariedade, que se desenvolve baixo o lema #oglobalélocal, foi recoñecido en 2020 co Premio Consello Social UVigo-Humana.

Algunhas cifras globais
Pese aos avances que se teñen acadado, aínda son moitos os retos que quedan por diante:

  • 703 millóns de persoas viven na extrema pobreza, das que o 70% son mulleres.
  • 1 de cada 10 persoas non sabe se poderá comer algún alimento no día de hoxe.
  • 1/3 da poboación mundial non ten acceso á auga potable.
  • O número de persoas que se vén obrigadas a fuxir dos seus fogares supera os 100 millóns nun ano, un lamentable máximo histórico.

Unhas cifras que confirman que a cooperación internacional segue a ser necesaria, tamén a impulsada polas nosas deputacións e concellos a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

Share.