O Festival do Río Castro celebra este sábado 25 edicións ininterrompidas

0

A axenda de lecer da fin de semana ten nesta ocasión dúas referencias obrigadas relacionadas coa festa. Dunha banda temos o sábado e mailo domingo a celebración do San Cristovo en Ferreira de Arriba e, da outra, o XXV Festival do Río Castro que, como cada ano, ten lugar preto da ponte da Ferraría o primeiro sábado do mes de xullo. Para estas 25 edicións ininterrompidas do seu evento estrela, a Asociación Veciñal O Castelo de Narahío preparou unha programación especial que arrancará xa ao mediodía coa sesión vermú animada por Sérralhe-aí (Roberto Grandal e Manolo Maseda), acompañados para a ocasión por algúns dos nomes máis afamados da música galega. Quen son eses nomes é unha sorpresa -e non a única- que se desvelará a partir das 14.00h. do sábado. O resto da xornada segue o esquema habitual de xogos durante a tarde, unha actuación dirixida a público infantil e familiar cos Picompé, e os concertos da noite protagonizados polas escolas de música tradicional que se imparten na parroquia, polas regueifas de Luís “O Caruncho” e Lupe Blanco, así como as actuacións da asociación cultural Berce, do grupo pontevedrés Os Carunchos e d’Os Tres trebóns.

O Festival do Río Castro achégase este ano aos 16.000 euros de orzamento, cubertos coas achegas da entidade organizadora, cunha parte das subvencións da liña de Cultura do Concello, coa colaboración económica da Cooperativa de Meirás e, por último, coa participación económica da Deputación da Coruña.

Porén, ademais de carto, tamén fai falla outro tipo de axuda loxística. Diso encárganse a directiva da entidade e unha chea de socias e socios que sempre botan unha man traballando a reo ou cedendo espazos para a celebración do festival, para merendas ou como aparcadoiro. Para o dispositivo de seguridade a asociación conta coa axuda do S.P.E.I.S. e da agrupación de Protección Civil de Narón, ademais de obter apoio do posto da Garda Civil de San Sadurniño.

festival repetirá a grandes trazos o esquema de anteriores edicións. As merendas empezarán a encher o entorno do Castro cara ao mediodía e, a iso das 14.00h. -e aí vén a primeira novidade do ano-  o grupo Sérralhe-Aí, ofrecerá unha pequena sesión vermú que, ademais, garda “algunha que outra sorpresa polo medio”, tal e como asegura Almudena Vega, presidenta d’O Castelo.
A primeira hora  da tarde a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional encherá o campo da festa de enredos para a rapazada. O xogo da rá, tirafondas, o aro, zancos… e varios entretementos máis dos de toda a vida estarán dispoñibles para xente miúda e adulta coa finalidade “de crear un espazo para a transmisión de coñecementos e saberes entre maiores e cativería en algo tan básico coma o xogo. Do que se trata é de compartir a experiencia e descubrir divertimentos que van máis aló do simple entretemento, xa que tamén son cultura hoxe ameazada pola tecnoloxía”.
Tralos xogos, que estarán ciscados por todo o entorno, chegaralle a vez a Pepablo Patiño e a Xavi Picos, os Picompé, que seguen no allo do teatro de rúa e que repetirán aquela experiencia dos primeiros anos do festival “entretendo hoxe, se cadra, aos fillos e fillas dos que aínda eran nenos daquela”.
No serán desenvolverase un dos momentos máis intensos da xornada co campionato de deportes rurais. A chave, o serrado con tronzador e o tiro á corda contan co atractivo dunha rivalidade entre merendadas que, habitualmente, se estira ata practicamente o comezo dos concertos nocturnos, previstos para as 22.00h. Comezarán as nenas e nenos da Rapazada do Saíme, grupo formado por compoñentes da escola de música tradicional do Concello, acompañado para a ocasión polos acordeóns do alumnado de Roberto Grandal e as gaitas dirixidas polo intérprete e artesán Marcos García.
Antes de darlle paso á asociación folclórica Berce -que volve xuntarse co gallo do aniversario do Río Castro-, O Castelo convidou a Lupe Blanco e Luís o Caruncho, figuras da regueifa e do ensino desta tradicional arte da improvisación entre colectivo escolar galego.
Pecharán a noite dúas potencias da música galega. Primeiro soará a pureza festeira e tradicional renovada polos Carunchos e, como remate, o inconfundible selo bravú d’Os Tres trebóns capitaneados por Xurxo Souto.

San Cristovo en Ferreira
Os caprichos do calendario quixeron que este ano coincidisen na mesma fin de semana o Río Castro e maila festa do San Cristovo que se celebra en Ferreira de Arriba. Unha romaxe tradicional que tenta recuperar o costume das merendadas arredor da capela do mesmo nome. De feito xa confirmaron a súa asistencia máis de medio cento de veciñas e veciños de Igrexafeita, que pasarán o sábado ao seu carón nun encontro organizado pola AVV Adiante.

O sábado e mailo domingo haberá misa e procesión co acompañamento dun grupo de gaitas procedente de Ares. A orquestra  que animará a sesión vermú do 7 é a monfortina Pekados, quen volverá subir ao escenario pola noite xunto con Fania Blanco Show.

O domingo 8 de xullo a orquestra convidada para tocar ao mediodía e máis á noite é a luguesa Dilema.

Share.