“O familiar envolve”, mirada retranqueira ao noso xeito de ser

0

Continúan as estreas virtuais das curtas filmadas o pasado mes de setembro no encontro audiovisual Chanfaina Lab. O venres publicouse na canle de Fálame de San Sadurniño a curta “O familiar envolve”, da realizadora muradana Carmen Rey, quen fai unha descrición acertada e chea de retranca da paisaxe natural, patrimonial e humana do municipio. As circunstancias márcanas o lugar e o momento (San Sadurniño, setembro de 2017), pero a curta é en si mesma un retrato preciso do rural galego e, máis que nada, da idiosincrasia galega e do apego innato que todas e todos sentimos a esa “Galicia infinita por descubrir”. Acudimos de novo á ficha da peza en Fálame para resumila:

Carmen Rey (Muros,1985). Estudou produción de audiovisuais na Escola de Imaxe e Son de Coruña (2009) e comunicación audiovisual en Pontevedra (2013). Comezou facendo prácticas de produción, mais deseguida pasou a traballar como operadora de cámara ENG en prensa. Como realizadora dirixiu as curtas, “Dobre ou nada” (2009) e “Todos para unha” (2010); mais tamén ten dirixido varios videoclips para artistas como Terbutalina, Medomedá, Xoán Curiel ou Ses. Na súa “canle de Youtube” pódense ver moitos dos seus traballos. En 2014 realizou un vídeo no que pedía ser presentadora do “Luar”, que se viralizou nas redes, presentando o programa nun par de ocasións. No eido da comunicación cabe destacar a súa coñecida serie de 11 vídeos da “Esencia de Mazaricos” así como a imaxe corporativa da Asociación “Eu Son Mazaricos” (MZ).

Carmen achegouse a San Sadurniño despois de realizar unha intelixente e recoñecida campaña de posta en valor do seu territorio, Mazaricos. Non traía ningunha idea preconcibida, mais ben viña disposta a deixarse levar pola viaxe, explorando coa cámara as diferentes parroquias na compaña do novo poeta de Rianxo, Fran Gómez Regenjo. Axiña atopouse coma na casa, pois a súa mirada experimentada sobre o rural galego recoñecía temas, referencias visuais e historias que tamén se producían na súa terra: “Chegar a San Sadurniño coa intención de coñecer o entorno e explorar os seus encantos pode tomar máis de dous días. A idea era mostrar e achegar este concello viaxando por un entorno marcadamente familiar para quen vive en Galiza”.

“O familiar envolve” é o resultado dese itinerario por Sansa; un fermoso paseo produto da contemplación, unha descrición acertada e chea de retranca da paisaxe natural, patrimonial e humana do municipio. Mais a mirada de Carmen fáísenos familiar, porque non se produce o estranamento do “outro”, da mirada externa, – presente noutras pezas da Chanfainalab- xa que, neste caso, aínda que as circunstancias márcanas o lugar e o momento (San Sadurniño, setembro de 2017), a curta é en si mesma un retrato preciso do rural galego e, máis que nada, da idiosincrasia galega. “Unha pasarela de imaxes de paisaxes naturais e sociais, estruturadas como una aproximación á road movie tan sinxela como un paseo por San Sadurniño. O público pode sentir como este concello mantén a esencia do rural cohabitando cos avances do día a día. É unha exploración dun entorno co que estamos familiarizados aínda que nunca viñeramos antes ata San Sadurniño “. Así pois, dispoñámonos a viaxar cos ollos de Carmen polos grandes e pequenos recunchos do concello, de quen nos mira como se fose “da casa”, porque ben puidera ser que Carmen Rey non sexa só natural de Mazaricos, senón de calquera das parroquias de Sansa.

Share.