O Estado publica unha guía con todas as medidas sociais e laborais adoptadas para amortecer o impacto do coronavirus

0

Desde o pasado 15 de marzo o BOE “ferve” literalmente publicando diariamente todo tipo de medidas que nun primeiro momento estiveron enfocadas a definir o alcance do Estado de Alarma e as directrices sanitarias pero que, despois, foron cedéndolle cada vez máis espazo ás relacionadas coa redución do impacto socioeconómico da crise sanitaria. Porén, entender o Boletín Oficial do Estado non é tarefa apta para calquera, e menos aínda nun contexto de sobreinformación, bulos e anuncios que saen antes en roldas de prensa e nos medios -ás veces con algunhas contradicións- que neste soporte oficial, o único con validez legal. Para poñer orde informativa, o Goberno acaba de publicar a través do Ministerio de Dereitos Sociais unha pequena web que, polo seu contido e estruturación, é -xunto coa do Ministerio de Sanidade- a máis útil que podemos atopar neste momento en Internet. Nela están reflectidos practicamente todos os casos en que podemos atoparnos en relación coa nosa situación económica e, o máis importante, a explicación detallada e nunha linguaxe sinxela de como podemos acollernos ás medidas socioeconómicas e laborais postas en marcha nas últimas semanas. Mirádea con detemento porque vale moitísimo a pena.

A web é un vademécum en toda regra no que temos acceso a información práctica sobre as accións gubernamentais que perseguen amortecer os efectos sociais e económicos da pandemia sobre familias, persoas autónomas e empresas. Sería máis útil hai unhas semanas, pero tal e como recoñece a propia Vicepresidencia na introdución do site “os acontecementos evolucionan rápido” e non debeu ser tarefa doada condensar toda esa información de maneira estruturada e nunha linguaxe que manteña o mesmo rigor que o BOE pero de forma comprensible para a cidadanía.

A páxina ten a información organizada en nove apartados que abranguen a información actualizada sobre cada un dos aspectos que se tratan, como son as medidas relativas a desafiuzamentos, alugueiros e vivenda, hipotecas, dereitos e medidas laborais, protección de colectivos vulnerables, consumo, pequenas e medianas empresas e mulleres vítimas de violencia de xénero.

Todos os apartados teñen unha aparencia similar: unha pequena descrición da medida, cal é a súa utilidade práctica, os requisitos para acollerse a ela e cal é o procedemento para facelo. Insistimos, todo moi clariño e sintético, de maneira que lle sirva a calquera para poder aproveitar ao máximo as distintas liñas dispoñibles e tamén para que o persoal de orientación dos concellos e outras entidades teñan á man unha guía de referencia que lles evite ter que andar buceando no BOE, tal e como fixo Ignacio Fernández hai unhas semanas para podermos publicar na web municipal a nosa pequena guía sobre as axudas que había en marcha naquel momento.

Se queredes acceder desde aquí a cada apartado, aí vos van as ligazóns:

GUÍA DE FACILITACIÓN DE ACCESO ÁS MEDIDAS URXENTES NO ÁMBITO SOCIAL E ECONÓMICO PARA FACER FRONTE Á COVID-19

Desafiuzamentos, alugueiros e vivenda: inquilinos e caseiros

Vivendas: hipotecas

Dereitos e medidas laborais para traballadoras e traballadores

Protección a traballadoras e traballadores en situación de vulnerabilidade: empregadas do fogar e traballadores/as temporais

Traballadores e traballadoras do sector agrario

Autónomos e autónomas

Consumidores e familias en situación de vulnerabilidade

Pequenas e medianas empresas

Mulleres vítimas de violencia de xénero, fillos e fillas

 

Share.