O Estado inclúe a San Sadurniño na última batida do “catastrazo”

0

O Boletín Oficial do Estado deste venres do Nadal e penúltimo día do ano publica a relación de todos os municipios que se verán afectados pola regularización catastral que está levando a cabo o Ministerio de Hacienda y Función pública, máis coñecida como “catastrazo”. San Sadurniño aparece no listado xunto con outros 78 municipios galegos, algúns deles limítrofes como son Moeche e A Capela. En todos os casos o Estado dará de alta de oficio aquelas edificacións de máis de 15 m² que non consten nos rexistros das xerencias territoriais, incluídas palleiras, galpóns e cortes que noutro tempo formaron parte de explotacións agrarias pero que hoxe xa non están vencelladas a ningunha actividade económica. Ademais, malia actuar de oficio, o Catastro esixirá o pagamento dunha taxa de 60 euros por cada construción que dea de alta. O Concello ten previsto poñer en marcha nas próximas semanas unha oficina de asesoramento gratuíto para a veciñanza na que, ademais de facilitar información, tamén se lle axudará na preparación de alegacións e recursos. 

O anuncio do BOE causou certo malestar no Concello tanto pola data elixida para publicar a medida como polo feito de que o pleno municipal acordou por unanimidade no mes de maio solicitarlle ao ministerio que San Sadurniño quedase fóra da regularización.

As razóns expostas no pleno -e tamén nun escrito remitido á Xerencia Rexional do Catastro no mes de abril-  argumentaban a petición en que no municipio xa se fixera unha regularización catastral entre os anos 2011 e 2015 e, ademais, que San Sadurniño se encontraba inmerso na tramitación do seu PXOM, circunstancia esta última que aconsellaría agardar a que o planeamento estivese aprobado -coa conseguinte variación nas cualificacións urbanísticas- para facer calquera revisión.

O anuncio do BOE vén ratificar, polo tanto, que o Estado non atendeu ningunha das dúas demandas acordadas en pleno por unanimidade dos tres grupos municipais, de xeito que San Sadurniño tamén formará parte da regularización programada polo Estado para o período 2013-2016.

Habida conta de que as vivendas están practicamente todas ao día en canto a IBI trala regularización pechada en 2015, onde máis se vai notar é nas depencias agropecuarias, que estiveron exentas da “contribución” ata 2013. Botando man principalmente de cartografía aérea e imaxes de alta resolución o Ministerio de Hacienda incorporará ás súas bases de datos todas as construcións que pasen de 15 m², formen parte ou non dunha explotación en activo.

Secundino García cualificaba esta mañá a medida como “inxusta” engandindo ademais que lle afectará “principalmente a cuadras, palleiras, galpóns que non estaban pagando e que a partir de agora van ter que pagar”. O alcalde sinalou tamén que o catastrazo “prexudicará a persoas que en moitos casos son pensionistas ou xubiladas que tiveron no seu día unha explotación pero que nestes momentos xa non a teñen”.

O alcalde fala dun “ánimo recadatorio” do goberno estatal a través da contribución que se vén sumar “á suba do 10% decretada en 2011” e á que haberá que engadirlle “unha taxa de 60 euros por cada alta nova que dea o Catastro”. Taxa esta última que tamén cobrará o Ministerio de Hacienda no caso dos bens que aínda non estean regularizados.

A resolución da Dirección General del Catastro publicada esta mañá no Boletín Oficial do Estado estará en vigor desde mañá mesmo ata o 30 de novembro de 2017. O Concello habilitará un servizo de asesoramento gratuíto ao respecto das repercusións do catastrazo, dirixido especialmente ás persoas que reciban notificacións de regularización. A misión desta oficina -que se porá en marcha nas próximas semanas- será a de achegar información, revisar as notificacións, resolver dúbidas e mesmo axudar na preparación de alegacións e recursos.

Share.