Recomendacións e propostas para outras dúas semanas de confinamento

0

Era algo que xa se adiantara hai uns días e agora xa é oficial. As medidas extraordinarias do Estado de Alarma vanse manter durante alomenos dúas semanas máis, tal e como autorizou o Congreso dos Deputados a pasada noite. A prórroga, que alcanzará inicialmente até o 11 de abril, non contempla novas restricións -alomenos por agora- e significa que continúan as obrigas en canto á limitación de desprazamentos só aos casos imprescindibles, é dicir, ir e volver de traballar, acudir á compra, ir ao médico, ir á farmacia e todas as demais excepcións previstas no RD 463/2020. Hai que seguir quedando na casa para previr contaxios. Algo que é doado de dicir pero algo máis complicado de levar, sobre todo en bloques de edificios onde non hai posibilidade de dar unha volta pola leira nin de desconectar enredando arredor da casa. As autoridades sanitarias indican que estamos na que pode ser a semana máis dura da crise e que aínda non se alcanzou o pico de contaxios. Agora máis que nunca debemos concienciarnos co confinamento e poñermos en práctica algúns consellos que nos axuden a sobrelevalo.

O primeiro e máis importante é que as cabezas da familia asuman a situación e que saiban como manexala no fogar. Iso comporta unha xestión axeitada das emocións para non xerar tensións, pero tamén ter ben claro que hai normas e rutinas que todas e todos os que viven baixo un mesmo teito deben cumprir en canto á convivencia, as horas das comidas, a hixiene ou a colaboración no desenvolvemento das tarefas domésticas.

Isto é fundamental se hai cativería. As nenas e nenos están na casa e para eles recoméndase marcar rutinas que combinen o estudo -hai deberes por vía telemática ou compartidos a través dos grupos de whatsapp-, pero tamén o xogo e o desenvolvemento de pequenos traballos que poidan facer: poñer a mesa, recoller a habitación, facer a cama, axudar a preparar o xantar ou a sobremesa, etc. Marcar rutinas significa iso, establecer tempos para cada actividade con certa flexibilidade dadas as circunstancias e procurar que a rapazada entenda a situación facilitándolle información adaptada á súa idade.

Un recurso doado -e totalmente desaconsellable- é darlles o móbil ou permitir que boten horas e horas no ordenador ou diante da tele. Deben ser as persoas adultas quen racionen e vixíen o uso que fan os e as menores deses dispositivos, pero tamén deben ser as nais e pais quen dean exemplo usándoos só cando sexa necesario e non estar a todas horas colgadas de Netflix, Facebook ou Whatsapp co pretexto de se entreter ou “estar ao tanto do que pasa”. O que pasa xa se sabe polos medios de comunicación e vías oficiais. Ademais, o que nos chega polas redes moitas veces son bulos, informacións falsas e tendenciosas que nos confunden aínda máis e que alimentan un nerviosismo que despois acaba contaxiándoselle ao resto da familia.

Iso si, os dispositivos móbiles son unha potente ferramenta para manter o contacto social con vídeochamadas ou conferencias en grupo con familiares e amizades -tamén coas da cativería-, polo que as autoridades sanitarias indican que o seu uso neste suposto está máis que aconsellado.

Polo tanto, coas nenas e nenos: tranquilidade, que entendan o que ocorre e de que maneira poden contribuír na casa a facer máis levadeira a situación, que se decaten de que  estas semanas non son unhas vacacións e, sobre todo, debemos prestarlles moita atención se mostran problemas para durmir ou na alimentación, ou se hai cadros de enfados, tristura, cansancio ou medos que non teñen habitualmente. Recordade que os pequenos non son alleos ás actuais circunstancias e a nosa responsabilidade é facer que se sintan seguros.

Salvando as diferenzas, este xeito de actuar tamén ten puntos coincidentes co coidado das persoas maiores e, principalmente, de aquelas que teñen agún grao de deterioramento cognitivo. Deben coidar a súa alimentación, facer exercicios regulares adaptados á súa mobilidade e tamén deben ser conscientes da gravedade da situación e de como deben actuar ante ela, máis que nada porque son o grupo de maior risco ante un eventual contaxio do coronavirus. A eles e elas tamén se lles debe trasladar información e unha mensaxe de tranquilidade poñéndonos no seu lugar, xa que non debe ser doado procesar o bombardeo constante de información que lles preocupa e que incluso pode provocarlles cadros de ansiedade. Iso non é contradictorio con pedirlles que actúen con responsabilidade extremando as precaucións marcadas para todo o mundo: non saír da casa salvo unha necesidade xustificada, lavar as mans con frecuencia, tusir nun pano ou no interior do cóbado, non refregar os ollos, etc.

A idade é un grao, si, e incluso pode dar unha falsa sensación de inmunidade. Seguro que nestes días oístes máis dunha vez -e cada vez menos, por sorte- o típico “eu xa pasei por moitas, a min isto non me fai mal” ou “bueno, car***o, bueno, tampouco será para tanto”. Contra diso só vale a insistencia e un labor pedagóxico que conciencie aos nosos maiores (a maior parte deles xa de sobras concienciados) dunha verdade única e contundente: o coronavirus é extremadamente perigoso, por causa do coronavirus está morrendo xente e só a prevención pode protexernos dos contaxios.

Encher o tempo
Dentro das súas posibilidades, o Concello tamén está contribuíndo a que o tempo de confinamento sexa máis levadeiro. Durante o peche, desde a Biblioteca municipal lanzouse un novo reto lector a distancia, co obxectivo de que se compartan polo Facebook as lecturas en marcha e tamén fotos sobre como os libros nos axudan a acelerar o paso das horas. Ademais, a través da plataforma Galicia Le tamén se pode acceder de balde a unha ampla colección de títulos en galego e obras audiovisuais.

En relación  coas letras, o Concello tamén porá en marcha hoxe á noitiña o proxecto “Contos enredados”, no que se utilizará o Facebook municipal para crear unha historia colectiva coas achegas da veciñanza. A idea é sinxela: ás 21.00h. publicarase un post na páxina institucional cunhas simples liñas de arranque do relato. A partir de aí a xente poderá continuar a narración como queira, facendo correr a trama por novos camiños e con novos personaxes e mesmo incorporando debuxos que a ilustren.

Para que a cousa teña algo de xeito só se pide que antes de escribir se lean os post anteriores e que, a partir de aí, se prosiga co argumento aínda que con liberdade total para levalo por onde se queira. As posibilidades son infinitas e totalmente abertas. Nesta iniciativa pode participar toda a familia, ben de maneira individual ou escribindo en conxunto a súa contribución. En principio será unha historia de proba para ver como funciona. En calquera momento desde a administración da páxina poderá darse por concluído o relato…e, se a cousa ten éxito, igual se inicia outro cun arranque totalmente distinto para seguir escribindo. Cando remate o Estado de Alarma daráselle forma á historia ou historias e publicarase dun tirón en PDF.

Por outra banda, a Aula CeMIT retomou as sesións formativas por medio de videoconferencias dirixidas aos grupos que participaban nas clases de manexo do móbil. Cómpre recordar, ademais, que o proxecto Fálame de San Sadurniño está estreando todos os días unha nova peza da última edición do Chanfaina Lab. Hoxe tócalle á curta experimental de Aldara Pagán “Alí sentíame eterna”. Na web de Fálame hai outras moitas pezas audiovisuais e artigos sobre a nosa historia que sempre son unha boa recomendación. Ademais, en San Sadurniño tamén hai xente que nos está animando coas súas propias creacións, como por exemplo Fran Bermúdez a través da súa canle A Lobeira Today, na que leva varios días subindo as minipezas “Sabes ou non?”, que son xogos audiovisuais cos que aprender cultura xeral e un uso normativo do galego.

Especialmente exitosas están sendo as clases a distancia de David Guiñazú, encargado do ximnasio municipal e das sesións de ximnasia de mantemento. Todos os días envíalles aos seus grupos pequenos vídeos con rutinas moi sinxelas que despois cadaquén practica na casa. Agora eses exercicios van poder seguirse a través do Facebook do Concello en forma de cápsulas audiovisuais pensadas principalmente para manter o tono muscular, máis que para unha práctica intensiva.

Share.