O Estado aproba unha moratoria nas cotizacións sociais dunha ducia de sectores

0

Autónomos e empresas dun total de 12 sectores económicos poderán suspender durante seis meses e sen ningún tipo de xuro as cotizacións á Seguridade Social correspondentes aos meses de maio, xuño e xullo. No primeiro caso significa que os e as profesionais por conta propia dadas de alta nalgunha desas 12 clasificacións de actividade sinaladas no BOE poderán solicitar a moratoria, de maneira que os “autónomos” deses tres meses empezarían a facerse efectivos sucesivamente a partir de novembro. No caso das empresas a moratoria refírese ás cargas sociais que deban satisfacer -achegas empresariais e por conceptos de recadación conxunta- no mes inmediatamente anterior. Entre as beneficiarias encóntranse carpintarías, imprentas e deseñadoras gráficas, dentistas, algúns tipos de comercio polo miúdo ou empresas e profesionais da fontanaría. 

As actividades que poderán acollerse voluntariamente a esta medida son aquelas que non están suspendidas por mor do Estado de Alarma -para as que xa hai compensacións estatais específicas– e que se encontren nas seguintes epígrafes do código da Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE):

CÓDIGO CNAE 2009

DESCRICIÓN DA ACTIVIDADE

119

Outros cultivos non perennes

129

Outros cultivos perennes

1812

Outras actividades de impresión e artes gráficas

2512

Fabricación de carpintaría metálica

4322

Fontanaría, instalacións de sistemas de calefacción e aire acondicionado

4332

Instalación de carpintaría

4711

Comercio polo miúdo en establecementos non especializados, con predominio en produtos alimenticios, bebidas e tabaco

4719

Outro comercio polo miúdo en establecementos non especializados

7311

Axencias de publicidade

8623

Actividades odontolóxicas

9602

Perruquería e outros tratamentos de beleza

 

É importante sinalar que esta moratoria non é automática, senón que hai que solicitala. As empresas deben facelo entre o 1 e o 10 do mes en que terían que afrontar o pagamento á Tesouraría Xeral da Seguridade Social a través do sistema RED, é dicir, para elas sería de aplicación nos meses de abril, maio e xuño.

As persoas traballadoras autónomas que non teñan autorizado este sistema poderán utilizar o servizo da sede electrónica da Seguridade Social. Se se lles concede a solicitude -insistimos, non é automático-, os pagamentos que deberían efectuar en maio -abril non entra- ingresaranse en novembro e así sucesivamente co resto de mensualidades (ademais das que toque facer daquela).

Todas as autónomas e autónomos e empresas que non se encontren nalgunha das anteriores epígrafes tamén teñen a posibilidade de solicitaren un aprazamento das cotizacións sociais de abril, maio e xuño, aínda que cun xuro do 0,5%.

Máis información:
Orde ISM/371/2020, de 24 de abril, que desenvolve o artigo 34 do Real Decreto-lei 11/2020, de 31 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte á COVID-19
Web con medidas sociais para pemes e persoas autónomas

 

Share.