O Entroido chega á súa fin, pero non a festa

0

O Entroido acaba oficialmente hoxe. Mellor dito, acabar acabou onte e hoxe xa estamos no tempo da Coresma que, segundo o calendario cristián, marca un período de 40 días de xexún e recollemento previo á Semana Santa. A diferenza doutras épocas non demasiado lonxanas, cando os ritmos civís e eclesiásticos avanzaban ao mesmo compás, hoxe cadaquén vive a Coresma como lle parece e incluso hai certa permeabilidade entre ela e o Entroido, xa que ata dentro duns días continuará habendo troula en toda a volta. En San Sadurniño a rapazada gozou o hai uns días dunha festa de disfraces no ximnasio do CPI, nesta xornada de Mércores de Cinza houbo un obradoiro de deseño de máscaras e o sábado teremos en Naraío un carnaval familiar coas “Entroidanzas” de Pesdelán, no marco dun evento organizado neste caso pola Asociación Veciñal O Castelo que comezará ás 20.00h.

Pesdelán é un grupo musical formado en 2008 por artistas de longa traxectoria noutros grupos galegos. A través da música en vivo e o ensino de bailes e xogos sinxelos, Pesdelán pretende recuperar o espírito participativo das festas. Unha proposta “novidosa e atrevida” que, segundo comentan desde o grupo, “ten a finalidade de substituír o concepto de público espectador polo de público participante, e como non, pasalo ben”.

Na súa páxina en Facebook animan a probar este sábado en Naraío. “Aínda que non movérades nunca un pé, iso non é un problema: o que facemos é ir aprendendo dunha forma divertida os pasos de baile de cada un dos temas, para despois bailalos todos xuntos.”

“Entroidanzas” combina na mesma palabra “Entroido” e “Danza” e é precisamente iso, un espectáculo aberto a todas as idades no que Pesdelán nos ensinará os ritmos dos carnavales de moitas culturas, incluída a nosa. Para este Entroido musical de Naraío, que é gratuíto, non é necesaria inscrición previa, aínda que si é recomendable a puntualidade –comeza ás 20.00h. no local social da Veiga– xa que a entidade veciñal agarda que o local complete rapidamente o seu aforo. Desde O Castelo informan, ademais, que tan pronto como acabe Pesdelán, a asociación prolongará o baile até a medianoite con música discotequeira.

Obradoiro de máscaras
Á espera da cita do sábado, a rapazada organizou para este Mércores de Cinza non lectivo un obradoiro de fabricación de máscaras. Nel participaron ao longo da mañá e en distintos momentos unha decena de nenas e nenos.

O taller serviulle á cativería para deseñar antifaces, carautas tradicionais, máscaras venecianas e outros complementos para disfraces, adornados con cores vivas, plumas e purpurina que, de seguro, poderán lucir nos días que aínda restan de festa.

Share.