O domingo imos votar… pero como?

0

Este domingo estamos chamadas e chamados ás urnas para elixir a nova composición do Parlamento Galego. Chegamos a unha cita inédita por varias razóns: a campaña limitouse a actos reducidos, os partidos reforzaron a súa interacción co electorado a través das redes e, a máis importante, estamos nunha situación sanitaria na que debe asegurarse o exercicio do dereito ao voto coa prevención de posibles contaxios. A pandemia -mellor dito, a súa xestión- marcou boa parte das mensaxes electorais e diatribas e, ademais, é un factor que ninguén pode saber a día de hoxe ata que punto pode influír na abstención. O que si se sabe xa é que en Galicia votaron por correo 72.000 persoas, case un 80% máis que en 2016. Desde a Xunta lánzase a mensaxe de que se pode ir votar con total seguridade, ao tempo que se recomenda levar o voto preparado da casa, algo que non é obrigatorio -pódese coller alí e as cabinas garantirán a privacidade- e que, por outra banda, motivou as protestas dos partidos que optaron por non enviar as papeletas ás casas ou por mandar unha soa. Sexa como sexa, o domingo iremos votar nunhas condicións, cando menos, pouco habituais.

As sete mesas que hai repartidas polo territorio de San Sadurniño levan varios días preparadas e agardando ao domingo. De feito recomendóuselles ás entidades que non usasen os locais, que xa no momento de montar o equipamento limpáronse e desinfectáronse. Tamén se sinalizaron recordando a obriga de manter a distancia de seguridade e  tamén as outras relativas á prevención de contaxios.

O primeiro que notaremos cando vaiamos votar é que o chan estará marcado cun sendeiro polo que deberemos facer o camiño habitual de elixir papeleta, metela no sobre e logo introducila na urna, previa identificación. Iso si, para entrar no local deberemos levar mascarilla hixiénica ou cirúrxica -daránnola alí se non a temos- e tamén desinfectar as mans con xel hidroalcólico, repetindo a operación de novo antes de saír. O itinerario estará marcado para procurar que saiamos por outra porta distinta á que entramos e, se non é posible, para evitar que nos crucemos con outras persoas na porta de entrada/saída.

Tal e como informa a Xunta, alí haberá “representantes da Administración con funcións de vixilancia e supervisión” que velarán polo cumprimento das medidas recollidas no protocolo na xornada electoral. Ademais de vixiar que se manteña a distancia de seguridade entre as persoas votantes, tamén terán que evitar aglomeracións mediante o control do acceso e do aforo dando prioridade ás persoas maiores de 65 anos ou con algún tipo de discapacidade.

Tamén está previsto facer un mínimo de tres limpezas durante a xornada -hai persoal contratado para iso- e haberá que ventilar con frecuencia os locais electorais.

Será o elector ou electora quen deba introducir o voto na urna. Para identificarse  deberá deixar o carné nunha bandexa e retirar por un intre a máscara para que os membros da mesa fagan a comprobación pertinente.

As mensaxes da Xunta dos últimos días insisten en que votar é algo que se poderá facer con total seguridade sanitaria e garantindo a privacidade. Nas cabinas non haberá que manipular cortinas e estarán colocadas de tal maneira que se asegure a privacidade no momento de elixir a papeleta e introducila no sobre. Porén, ao mesmo tempo, a Xunta tamén recomenda que o voto se leve preparado da casa. Unha recomendación repetida constantemente na publicidade institucional sobre as eleccións que, porén, non é unha obrigación: nos colexios electorais vai haber papeletas abondas de todos os partidos e como votantes temos dereito a collelas alí, sen necesidade de levalas da casa. 

A recomendación de traer posto o sobre provocou que varios partidos protestasen publicamente -algún mesmo acudiu á Xunta Electoral Central- ao consideraren que se estaba atentando contra a pluralidade democrática e o principio de igualdade entre os distintos partidos, posto que non todos fixeron o esforzo económico de mandar papeletas aos domicilios ou en cantidade suficiente para que todo o electorado dispoña delas.

Alén de todas estas cuestións, as votacións seguirán o seu curso habitual. As mesas constituiranse despois das oito da mañá, os colexios abrirán ás nove e poderemos exercer o noso dereito até as 20.00h., momento no que comezará un dos recontos máis emocionantes que se lembran nunhas autonómicas.

 

 

Share.