O DOG publica as axudas a persoas vulnerables para o pagamento da factura da luz

0

O Diario Oficial de Galicia publica na edición desta mañá a convocatoria das axudas urxentes  para o pagamento da factura eléctrica no caso de persoas consideradas consumidoras vulnerables severas en risco de exclusión social. Unhas axudas que cubrirán o 50% das facturas pendentes ata un máximo de 300 euros anuais -450€ no caso de familias numerosas-, sempre e cando as persoas beneficiarias se encontren acollidas á tarifa de último recurso (TUR) e se lles aplique o bono social, que supón de por si un desconto do 40%. As solicitudes poden presentarse desde este xoves até o 31 de outubro, ben directamente por parte das persoas interesadas ou a través dos Servizos sociais municipais. Neste último caso lembramos a necesidade de concertar cita previa a través do 981 490 027.

A Consellaría de Economía, Empresa e Innovación recomenda, como todos os procedementos da Xunta, que as axudas se tramiten a través da Sede Electrónica ou do aplicativo https://axudascortes-subministracion.xunta.gal. En ambos casos fai falla clave ou certificado electrónico, algo que posiblemente a maioría das persoas beneficiarias non teñan. Por este motivo tamén é posible presentar a solicitude e a documentación de maneira presencial entregando os papeis en calquera dos rexistros da Xunta ou nos rexistros municipais.

A cuarta vía -e quizais a máis aconsellable- é acudir aos Servizos sociais municipais para que nos fagan o papeleo e o presenten por nós, xa que esa é unha opción prevista na convocatoria e, ademais, fai falla incorporar á solicitude un informe ou un certificado de estar en risco de exclusión social -se se percibe RISGA non fará falla- que deberá emitir o Traballador Social (de feito, estar baixo a atención dos servizos sociocomunitarios é imprescindible para acreditar esa situación).

Ás axudas poderán acollerse as persoas residentes en Galicia que teñan, polo tanto, a consideración de “consumidor vulnerable severo en risco de exclusión social“, segundo os requisitos que aparecen recollidos no artigo 3 do Real Decreto 897/2017, do 6 de outubro, que é a normativa estatal que regula esta figura.  Ademais de cumprir cos aspectos de renda e outros, as persoas solicitantes deberán ser as titulares do contrato de subministración e ter contratada unha Tarifa de Último Recurso -coñecida como TUR- na que se estea aplicando xa o bono social de consumidor vulnerable severo, que supón o 40% de desconto na fatura.

Os gastos subvencionables serán do 50% das facturas de electricidade que estean pendentes de pagamento e, en calquera caso, que fosen emitidas polas comercializadoras entre os dous meses anteriores á data de solicitude e o 30 de novembro de 2021.

A contía da subvención será unha cantidade fixa máxima por solicitante de 300 €/ano, ou de 450 €/ano no caso de familias numerosas, que se irá pagando segundo a comercializadora remita as correspondentes facturas á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais.

Hai que recordar, por último, que os contratos de subministración das persoas co recoñecemento de consumidoras vulnerables severas en risco de exclusión social se consideran “subministración de electricidade esencial”, o que implica que non se lles pode cortar a luz. Porén, ter esa protección non libra de que a comercializadora siga facturando os consumos e de que a débeda acumulada vaia medrando pouco a pouco. Por esta razón, se se cumpren os requisitos e se ve que non se pode asumir o gasto eléctrico, é moi recomendable acollerse a este tipo de convocatorias públicas.

Para obter máis información pódese entrar na web da consellaría http://ceei.xunta.gal ou chamar aos teléfonos 981 184 995, 981 184 948 e 981 184 934. Tamén hai o correo ceei.dxem.axudasenerxia@xunta.gal e, se se quere unha atención máis próxima e tramitar a axuda, tamén se pode contactar co Traballador social municipal pedindo cita no 981 490 027.

Por último, e á marxe do anterior, desde o Concello tamén se recorda que tamén poderán solicitar bono social eléctrico como consumidoras vulnerables (25% de desconto na factura) aquelas persoas traballadoras autónomas que cesasen a súa actividade por causa da pandemia ou as que visen reducida a súa facturación nun 75% con respecto ao promedio do semestre anterior, sempre e cando se cumpran os requisitos de renda establecidos na normativa.

Ligazóns de interese:
ORDE do 29 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas urxentes de tipo social (AUXS) para evitar os cortes de subministración eléctrica aos consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social, en réxime de concorrencia non competitiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código do procedemento IN414D).

Información sobre o bono social eléctrico para persoas autónomas

Share.