O documento inicial do PXOM recibe 415 alegacións

0

Tralo peche este luns do periodo de exposición pública do documento inicial do planeamento, o Concello de San Sadurniño rexistrou nas oficinas municipais un total de 415 escritos de alegación, á espera das que poidan entrar en prazo remitidas a través de Correos ou doutros cauces admitidos pola lei. A maior parte delas céntranse na solicitude de ampliación dos núcleos rurais, aínda que tamén hai unha boa cantidade de instancias referidas a cambios no tipo de solo. Os tres grupos con representación municipal reuniranse este xoves co persoal técnico implicado no proceso de cara a facer unha primeira avaliación das alegacións, que lle serán remitidas de inmediato á empresa redactora do planeamento para que emita os correspondentes informes.

O primeiro balance sobre os motivos das alegacións extráese dun repaso rápido dos expedientes, xa que para coñecer datos máis concretos haberá que agardar a que se revise cada petición unha por unha. Daquela tamén se saberá o número exacto de veciños e veciñas de San Sadurniño -ou persoas con terras no municipio- que rexistraron solicitudes. Unha cifra que con toda seguridade será inferior ao total de alegacións debido a que moitas persoas interesadas ou representantes achegaron dunha tacada varias instancias.

Tal e como explicou esta mañá o alcalde, “a inmensa maioría” de alegacións busca ampliar os límites dos núcleos rurais definidos no documento inicial co obxectivo de que se poida facer obra nova “tamén nas parcelas limítrofes”. Secundino García tamén indicou que “hai un número considerable delas sobre os usos da terra, reclamando que o PXOM reflicta os usos que ten actualmente. É dicir, onde hoxe é monte que se faga constar que é monte e onde son terras de labor que sigan sendo terras de protección agropecuaria”.

Os tres grupos municipais reuniranse o xoves co equipo redactor e coa arquitecta municipal para obter unha visión máis precisa sobre as peticións presentadas. A partir de aí a consultora Eptisa -redactora do documento- deberá estudos todas as alegacións “nun prazo de dous ou tres meses” e emitir o correspondente informe. A este respecto o alcalde asegura que se incorporarán ao PXOM “todas aquelas que cumpran -ou non incumpran- a lei do solo ou as leis sectoriais”. O obxectivo é, segundo dixo, que o planeamento “sexa un reflexo do sentir maioritario da xente de San Sadurniño”.

Cómpre ter en conta, por último, que a aceptación ou rexeitamento de alegacións non é o último paso antes de aprobar o PXOM. De feito, será necesario enviarlle á Xunta un informe ambiental do que volverá no prazo de dous meses unha memoria coas determinacións finais que se deberán incorporar ao documento antes de aprobalo provisionalmente no pleno. Logo da tramitación plenaria, o documento -xunto coas determinacións ambientais- trasladaráselle á consellería con competencias en materia de ordenación do territorio para que resolva a aprobación definitiva, atendendo -entre outras cuestións- a que toda a documentación achegada sexa suficiente para tomar a decisión, que o plan se axuste á lexislación vixente e que sexa coherente coas directrices autonómicas de ordenación territorial.

Share.