O Diario Oficial de Galicia publica un paso máis na desescalada mentres se definen as medidas que rexerán no verán

0
O Diario Oficial de Galicia sacou onte a nova orde da Consellaría de Sanidade que vén aliviar un chisco máis as restricións preventivas mentres se prepara unha revisión integral de todas elas co obxectivo de que se manteñan activas ao longo do verán ou, polo menos, ata que a maioría da poboación estea totalmente vacinada. Trala refrega competencial da semana pasada, o Estado deulles agora vía libre ás Comunidades Autónomas para que sexan elas quen xestionen por si todas as medidas, algo que a Xunta pretende ordenar desde o punto de vista normativo en cuestión de días. Na súa intervención perante os medios do pasado mércores, Alberto Núñez Feijoo, avanzou que a intención do executivo é ter listos os cambios para aprobalos no comité clínico do martes que vén -ou o seguinte- co obxectivo de que entren en vigor o sábado 26. Ata daquela rexerá o publicado onte no DOG, de aplicación xa desde esta fin de semana. O máis destacado é o seguinte:
Levántase a prohibición de xuntanzas de persoas non conviventes entre a 01.00 e as 06.00h. dentro e fóra da casa, aínda que se mantén a recomendación de evitar estes encontros. Ademais, desde esta medianoite do venres ao sábado xa non haberá límite nin en espazos públicos nin en espazos privados para os grupos de persoas que non vivan xuntas. Con todo, a Xunta segue recomendando prudencia nas interaccións sociais propoñendo que non se sobrepasen as 6 persoas en lugares pechados e as 15 no exterior.
A pesar desta maior permisividade, no caso da hostalaría a anterior recomendación si será unha obriga: nas terrazas non poderán sentar máis de 15 por mesa ou agrupación de mesas e no interior o tope fíxase en 6 persoas non conviventes, que deberán permanecer sentadas para consumir (segue prohibido atender na barra). Nos concellos con mellores indicadores sanitarios o aforo dos locais seguirá igual que ata agora, é dicir, o interior a un 50% da súa capacidade e as terrazas ao 75%.
Por outra banda, o DOG tamén trae a posibilidade dun horario uniforme para toda a hostalaría. Os bares e cafetarías terían que pechar ás 23.00h., pero poderán ampliar o servizo até a 01.00h. se contan cun dispositivo de medición de CO2 homologado e aseguran a ventilación, o mesmo que ocorría desde hai unhas semanas cos restaurantes e locais onde se servisen ceas. Non poderán admitir máis clientela despois da  medianoite.
As decisións sobre a posible apertura do ocio nocturno -que se recollerán no próximo paquete normativo que está preparando a Xunta- quedan a expensas do resultado das probas piloto que se van desenvolver esta fin de semana en seis locais galegos baixo supervisión autonómica. A intención é que, se a cousa vai indo a mellor, poidan retomar a actividade a partir do 1 de xullo.
Nos restantes apartados -uso da máscara, separación interpersoal, aforos en comercios, mortorios e enterros, prohibición de festas e verbenas, etc.- todo segue como estaba e o DOG só introduce algúns cambios moi concretos.
Así,  actividade deportiva non federada deberá facerse sen contacto físico e con máscara. Recoméndase non formar grupos de non conviventes que superen as 15 persoas en exterior e as 6 en interior. Non se poderá ocupar máis do 50% da capacidade da instalación.
As piscinas, polo momento, seguirán ao 50% da súa capacidade e con obriga de usar a máscara salvo no momento do baño ou de tomar o sol, sempre que non se estea na compaña de persoas non conviventes. A máscara tamén se deberá levar ao entrar ou saír dunha praia e nos paseos que se dean por ela. Poderase quitar para bañarse ou para tomar o sol. A Xunta deixa nas mans dos concellos controlar a capacidade máxima dos areais, condicionada a  que haxa polo menos 4 m² por persoa. Recoméndase que non se formen grupos de máis de 15 persoas non conviventes.
Os centros de lecer infantil poderán traballar nos municipios con menor incidencia -308 en toda Galicia neste momento- sen superar a metade do seu aforo. Se as actividades son no exterior poderán formarse grupos de ata 15 nenas e nenos e se son en interior, máximo 6. Os grupos non poderán interactuar entre eles.
Por último, cabe destacar que as feiras e mercados con menos de 250 postos autorizados xa poderán operar ao 100%, aínda que adoptando fórmulas para asegurar a separación interpersoal e o cumprimento doutras medidas preventivas.
Todos os cambios que entran en vigor esta medianoite están xa publicados de maneira resumida na web coronavirus.sergas.gal. Se se ten calquera dúbida ao respecto, o mellor é consultar directamente o DOG.
Lembramos, por último, que a pandemia continúa activa e que se deben seguir extremando as precaucións en canto a distancia interpersoal, interacción social e uso da máscara -obrigatoria a partir dos 6 anos-, ademais de alertar ás autoridades sanitarias -900 400 116 ou chamando ao Centro de Saúde- se se nota calquera síntoma coincidente co da COVID-19: febre, calafríos, tose, sensación de falta de aire, diminución do olfacto e do gusto, dor de gorxa, dores musculares, dor de cabeza, debilidade xeral, diarrea ou vómitos. Nesa situación é necesario, ademais, permanecer na casa en illamento.
Share.