O día primeiro abre o período de reserva de praza para a Escola Infantil Municipal

0

A EIM A Rolada ofrecerá de cara ao curso 2016-2017 un total de 38 prazas distribuídas en tres unidades: 8 na de nenos e nenas de tres meses a un ano, 13 na de criaturas de un a dous anos e 17 na ocupada por cativería de entre dous e tres anos. O período de reserva de praza para rapazada xa matriculada neste curso estará aberto entre o 1 e o 15 de marzo, mentres que as solicitudes de novo ingreso deberán presentarse entre o 16 e o 31 de marzo. Estes trámites deben facerse na oficina de Igualdade, aínda que a documentación e outra información tamén se pode obter na propia escola.

Os servizos da EIM A Rolada diríxense preferentemente a familias empadroadas do municipio con nenos e nenas de entre tres meses e tres anos de idade e só no caso en que haxa vacantes poderá admitir alumnado doutros concellos priorizando aquelas familias que teñan o seu posto de traballo nunha empresa de San Sadurniño. O centro ofertará para o curso 2016-2017 un total de 38 prazas que se adxudicarán segundo a seguinte orde de admisión:

1. Reserva de praza ordinaria, na que gozarán de preferencia para a adxudicación as nenas e nenos con matrícula no curso anterior. Terán preferencia na elección de xornada as familias empadroadas no concello.

2. Reserva de praza para fillas e fillos do persoal municipal e da EIM, que terá preferencia na adxudicación de vacantes existentes nas mesmas condicións que as persoas empadroadas.

3. Novos ingresos, que se cubrirán unha vez adxudicadas as prazas reservadas e seguindo os criterios de baremación recollidos no regulamento de funcionamento da EIM.

O periodo de reserva estará aberto entre o 1 e o 15 de marzo e o de solicitude de novo ingreso desde o 16 ao 31.

A Escola Infantil Municipal A Rolada presta varios servizos adaptados ás necesidades de cada familia. O horario de apertura máximo é de 8 da mañá a 8 do serán de luns a venres e, dentro del, pódense elixir de catro a oito horas de atención educativa. Esta posibilidade ten, á súa vez, varias opcións: xornada completa continuada ou partida, media xornada de mañá, media xornada de tarde ou xornada de dúas horas só pola tarde. A parte educativa complétase con servizo de comedor, actividades paralelas e extraescolares e mesmo con saídas e excursións dentro do horario de atención como parte fundamental do currículo do centro.

As tarifas vixentes para estes servizos son as seguintes:

Concepto Cota vixente
Matrícula (anual) 20 eur.
Mensualidade a xornada completa (8h.) 195 eur.
Mensualidade a media xornada (4h.) 117 eur.
Xornada de 2 horas 70 eur.
Hora extraordinaria (prezo diario) 3,5 eur.
Comedor mensual para almorzo 25 eur.
Comedor mensual para xantar 78 eur.
Comedor mensual para merenda 25 eur.
Comedor en día solto 4 eur.

Cómpre ter en conta que as familias empadroadas no municipio poden beneficiarse das axudas que convoca anualmente o Concello e que, dependendo do seu nivel de renda, poden chegar a cubrir ata un 50% dos custes de escolarización. O periodo correspondente ao curso 2015/2016 -os nenos e nenas que están agora na escola- pechouse hai tan só uns días e as familias que obteñan praza no curso que arranca en setembro deberán agardar á convocatoria que lles toca, é dicir, a que se publicará probablemente a primeiros de 2017.

Para obter máis información sobre os servizos da escola ou sobre os procedementos de reserva de praza/nova incorporación pódese acudir ao propio centro -981 490 369- ou pasar pola oficina de Igualdade, coa que tamén se pode contactar a través do 981 490 027 ext.1. Iso si, a presentación de solicitudes só se poderá facer no departamento de Igualdade.

Documentación descargable
Folla de solicitude (do 1 ao 15 de marzo para reserva e do 16 ao 31 para novos ingresos)

– See more at: http://workplace.afaisca.com/gl/novas/contenido/0359_gl.html#/-1/

Share.