O día 8 abrirá o prazo de solicitude das axudas do INEGA para electrodomésticos eficientes

0

O INEGA acaba de publicar no DOG a convocatoria de axudas para cambiar frigoríficos, conxeladores, lavadoras, lavalouzas e encimeiras de cociña por outras con maior eficiencia enerxética. As achegas, dependendo do electrodoméstico que merquemos e da nosa situación económica, andarán entre os 100 e os 450 euros. Esta liña non podemos solicitala nós directamente, senón que haberá que tramitala a través dos establecementos que se adhiran á campaña. É máis, non seremos nós, senón eles, quen as pidan no noso nome, para o que será necesario asinarlles un documento de representación. Nestes momentos está aberto o prazo para que as tendas de electrodomésticos se sumen á convocatoria -o listado publicarase na web no INEGA-, mentres que o período de solicitude propiamente dita abrirá o día 8 de febreiro.

O programa Galicia Renova Electrodomésticos diríxese a persoas que residan en vivendas localizadas en Galicia e queiran renovar os seus equipos por outros da mesma tipoloxía e coa seguinte cualificación enerxética: frigorífico ou frigorífico conxelador A, B, C ou D; conxelador A, B, C ou D; lavadora A, B ou C; lavalouza A, B ou C; ou encimera de indución total (ten que ser de indución toda ela, non vale mixta).

As axudas son de concorrencia non competitiva -por orde de solicitude- e tramitaranse a través das entidades colaboradoras que nestes momentos teñen aberto o prazo para sumarse ao programa. Os apoios poderán acadar o 25% do prezo do electrodoméstico para unha persoa consumidora xeral e do 50 ou 75% para as  consumidoras vulnerables e vulnerables severas, respectivamente, polo que, segundo a tipoloxía de electrodoméstico e a situación, as axudas se situarán entre os 100 euros de mínimo e os 450€ de máximo.

Cada persoa só poderá recibir unha axuda para cada unha das tipoloxías cun máximo de tres electrodomésticos por beneficiario/a. As axudas poderanse solicitar a partir do 8 de febreiro e ata que se esgote o crédito, sendo a data límite o 30 de setembro.

Electrodomésticos subvencionables Axuda máxima (€/electrodoméstico)
Consumidor Xeral Consumidor Vulnerable Consumidor Vulnerable Severo
Frigorífico e frigorífico – conxelador con clasificación enerxética A, B, C ou D 150 300 450
Conxelador con clasificación enerxética A, B, C ou D
Lavadora A, B ou C 100 200 300
Lavalouza A, B ou C
Encimera de indución total (soamente tecnoloxía de indución) 100 200 300

 

Máis información: Web do INEGA

Share.