O Consello de Participación dálle o visto bo ás modificacións nas bases de subvencións para entidades

0

As entidades veciñais e deportivas do municipio estaban convocadas para a tarde do venres a unha sesión do Consello de Participación que tiña como principal asunto da orde do día dárlle unha volta ás bases que rexerán a convocatoria de axudas para cultura e deporte neste 2019. O Concello levaba varias propostas que saíron adiante co voto favorable das asociacións e clubes presentes. As máis destacadas foron a de elevar a 5.000 euros o tope máximo que se poderá obter como subvención para actividade e tamén a introdución dunha porcentaxe mínima de gastos que será obrigatorio xustificar para poder percibir o importe correspondente. Porén, o encontro tamén serviu para analizar a realidade do tecido asociativo, onde se acusa a falla de relevo nas directivas e, no caso das asociacións veciñais, a necesidade de reorientar as programacións para atender as demandas dunha poboación cada vez máis avellentada. 

Á reunión do consello achegáronse as asociacións de Lamas, Igrexafeita, San Sadurniño e Bardaos, mentres que a de Naraío escusou a súa ausencia por ter á mesma hora a asemblea xeral ordinaria. Tamén acudiron a asociación Brío, a ACDR de Santa Mariña do Monte, a ANPA do CPI, ConcienciArte e a UDC Naraío, mentres que por parte dos grupos políticos municipais só houbo representación do BNG.

O responsable de Participación, Manolo Varela, explicou os pormenores das modificacións propostas polo executivo local, que lle afectan principalmente ás bases das subvencións para as actividades culturais que leven a cabo as asociacións do municipio. Así, saiu adiante elevar de 4.000 a 5.000 euros o tope máximo por entidade, coa finalidade de garantir maior financiamento para aquelas programacións que inclúan un maior número de iniciativas subvencionables e que, ademais, se axusten pola súa finalidade aos criterios establecidos nas bases.

Neste sentido quedou enriba da mesa a petición formulada por Brío de que se establecese unha fórmula unitaria tanto na convocatoria de cultura como na de deporte á hora de puntuar a promoción do galego nas comunicacións e no desenvolvemento das propias actividades.

Na sesión tamén se abordou a introdución de novidades para a fase de xustificación das axudas. As subvencións concédense en base a unha proposta de programación -no caso de cultura- e despois é necesario xustificar a contía concedida máis o 20% do orzamento admitido.

O modelo de bases actual, o de 2018,  estipula que se minorará proporcionalmente a cantidade concedida se por calquera motivo a entidade logo non é capaz de xustificar con facturas oficiais a cantidade correspondente.  As bases novas marcan que será necesario xustificar obrigatoriamente o 50% da subvención concedida para poder cobrar a axuda.  Con este cambio quérese conseguir que as asociacións fagan planificacións máis realistas en canto a custes e á súa capacidade organizativa. É dicir, que se prepare unha programación que despois se execute na súa maior parte e, en calquera caso, que a entidade sexa capaz de cubrir con facturas oficiais o importe que debe xustificar. Hai que ter en conta que os fondos que finalmente non se xustifican tampouco se redistribúen entre outros colectivos que, se cadra, si poderían asumir unha cantidade maior.

“Para a liña de concorrencia competitiva este ano hai dispoñibles 30.000 euros: 21.000 para as asociacións, 6.000 para clubes e 3.000 para comisións de festas.  Cando unha asociación fai a solicitude, está presentando unha programación que quere levar a cabo e para a que lle fan falta x cartos. Do que se trata é de que se programen as actividades tendo moi en conta iso, que despois a subvención hai que xustificala e que non poder facelo significa percibir unha cantidade menor e tamén que outras asociacións ao mellor non poidan levar un pouco máis. As directivas teñen que darse conta de que solicitar máis do que se vai poder xestionar ten implicacións para a propia asociación pero tamén para as demais”, explica Manolo Varela.

Porén, tal e como quedou patente na reunión do consello, as entidades veciñais non só deben atender á programación e ás solicitudes anuais de subvención, senón que tamén teñen que buscar maneiras para garantir o seu funcionamento. Así, algunhas asociacións puxeron de manifesto a dificultade para atopar xente disposta a entrar nas directivas malia contar todas elas cunha rede estable de persoas colaboradoras. Segundo Varela “obsérvase que nas parroquias hai moita xente traballando en calquera actividade que se organiza, sempre hai quen bote unha man para o que faga falta, pero aínda así as directivas teñen problemas para encontrar relevo nos cargos. Que haxa renovación é fundamental para que as asociacións funcionen”.

En relación coa renovación das directivas, no Consello de Participación lembrouse a conveniencia de comunicarlle ao técnico de Cultura  calquera modificación que se produza na representación veciñal, co obxectivo de ter sempre actualizados os datos das entidades e tamén os nomes das persoas de contacto. Tamén se informou de que o Concello informará proximamente das actuacións dispoñibles dentro do programa municipal de descentralización da Cultura. O executivo local pediu que as entidades marquen as datas tan pronto como se lles comunique o contido desta oferta itinerante e gratuíta, co obxectivo de coordinar e aproveitar ao máximo os espectáculos.

Share.