O Concello transformará o contorno da piscina e da área recreativa dos Currás

0

A empresa Construcións Guerreiro Somozas S.L. iniciará nestes días as obras de acondicionamento da área recreativa dos Currás coas que se prevé ampliar o seu equipamento e facer unha redistribución dos espazos que permita utilizar a zona durante todo o ano. O proxecto, cifrado nun prezo de contratación de 135.614€, financiarase con cargo ao Plan de Acción Social da Deputación da Coruña. As actuacións consistirán, a grandes trazos, na eliminación de peches perimetrais, na ampliación das áreas destinadas ao lecer e na instalación de novo mobiliario, tanto deportivo como para xogos infantís. O proxecto tamén contempla rehabilitar a edificación dos vestiarios e reordenar as áreas arboradas.

Tal e como indica o documento redactado pola arquitecta municipal, Montserrat Ruíz,  o que se busca é “ordenar os accesos e ampliar os lugares de lecer, incorporando novo mobiliario exterior e mellorando as edificacións existentes dos vestiarios e das gradas para dotar ao conxunto do espazo dunha imaxe atraente e renovada”.

Para iso está previsto acometer un total de 25 actuacións na zona que non lle afectarán ao vaso da piscina. Entre elas destaca a eliminación dunha parte dos valos metálicos que ata agora só permitían o acceso ao recinto no verán e nos momentos de partido ou adestramentos no campo de fútbol. Outro labor incluído no proxecto é a restauración dos vestiarios e da cantina, incluído o pavimento do seu arredor.

No contorno aproveitarase para darlle unha volta a como se reparten os espazos. Plantaranse máis árbores, o lugar contará con novo mobiliario e elementos decorativos e, sobre todo, ampliarase a área de lecer a unha leira anexa á piscina que agora se emprega como aparcadoiro. Outra novidade é o aproveitamento de parte de acceso principal ao recinto como pista deportiva multixogos -baloncesto e xogos populares-, mentres que o lateral exterior das bancadas do campo de fútbol, que irá decorado cun grande mural, contará con céspede e material para poder botar “pachangas” de volei ou xogar rebumbios ao fútbol.

O plan de mellora da área de Currás tamén ten prevista a incorporación de máis equipamentos infantís e a preparación da banda leste do campo de fútbol como lugar de estacionamento. Porén, o alcance das obras non só será estético senón tamén funcional e ambiental. O proxecta cita que se respectarán os elementos existentes que sexan aproveitables, que se eliminarán “os descontextualizados” e que se introducirán  “construccións e mobiliario sostibles e respectuosos co medio ambiente”.

En canto á mobilidade o estudo tamén determina a eliminación de barreiras e a variación dos sendeiros para failitar o acceso aos distintos lugares en que se dividirá agora a área arredor da piscina, que continuará contando cun peche perimetral de seguridade. De feito, todo o plan busca reordenar os usos das instalacións ofrecendo múltiples opcións de lecer: dúas zonas para deporte, espazo para que brinque a cativería, a propia piscina durante o verán e mesmo lugares á sombra onde pasar o día en familia ou entre amizades mantendo unha certa intimidade.

Segundo o alcalde, Secundino García, as obras que comezarán nos próximos días teñen como obxectivo primordial converter a zona de Currás “nunha área recreativa que poida usarse durante todo o ano e que sexa un referente na primavera e no verán”. O rexedor indicou, ademais, que a remodelación do contorno da piscina servirá para darlle “un cambio radical” a un espazo no que ata o momento só se fixeran traballos de mantemento, ao tempo que se completará “o proceso de mellora” iniciado co cambio a herba artificial do campo de fútbol.

Plano de distribución dos espazos recollido no proxecto

proxecto_piscina

Share.