O Concello traballa a igualdade coa rapazada do cole

0

“As heroínas da igualdade” é o título xeral dunha serie de obradoiros que desde hoxe e até a semana que vén se están desenvolvendo no CPI de San Sadurniño de cara a traballar, precisamente, a erradicación dos estereotipos de xénero entre a rapazada. Para iso propónselles aprender por medio de contos, xogos e debuxos animados que non existen diferenzas entre nenas e nenos. Trátase dun proxecto subvencionado pola Secretaría Xeral de Igualdade no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Porén, esta non será a única acción que teremos esta semana relacionada coa educación en igualdade. E é que o xoves, a partir das 19.00h., a Casa da Xuventude acollerá unha charla dirixida a familias na que se fará balance do proxecto provincial “Suprime o Control”, que aborda as denominadas “relacións tóxicas” entre a mocidade. 

A coordinadora da iniciativa “As heroínas da igualdade”, Verónica Castrillón, explica que nos obradoiros participan nenas e nenos desde 1º até 6º de Educación Primaria que se están poñendo en práctica con materiais diversos e adaptados a cada idade: “a cada idade aplicamos unha metodoloxía distinta. Aos máis pequenos e pequenas, un contacontos. Cos maiores xa nos metemos a describir as vidas futuras, de como sería un adulto ou unha adulta. Xogamos un pouco con iso, e tamén adaptamos debuxos animados, desde princesas Disney até os Simpson”.

Outra das monitoras dos obradoiros, María Zuriñe Vicente, comenta como a cultura audiovisual e a publicidade nos bombardean todos os días con conceptos estereotipados que a rapazada interioriza sen decatarse, contribuíndo desta maneira a perpetualos. “Para as nenas, a cor rosa e a sensibilidade. Para os nenos, o azul e a valentía. As princesas Disney aparecen como mozas que precisan que alguén as salve e que aspiran a casar cun príncipe, ter fillos e vivir nun castelo. Pola contra, o príncipe desas historias é sempre quen as salva”.

O obxectivo último de todas as actividades é, máis que nada, promover unha reflexión, que a rapazada se dea conta por si mesma de que existen estereotipos aplicados a nenas e nenos, a homes e mulleres, que non teñen ningún tipo de xustificación. “Son uns talleres de coeducación cos que pretendemos que os nenos e nenas traballen o tema dos roles e os estereotipos de xénero a través dos debuxos animados, que aprendan a identificalos neses debuxos, para que eles desenvolvan conciencia crítica sobre o que ven”, comenta Castrillón.

A educadora da asociación Meigallo -creada recentemente arredor do xénero, a diversidade e o desenvolvemento rural-  incide, ademais, en que as sesións funcionan como un descubrimento guiado, non como leccións maxistrais sobre igualdade. “Trátase de que vexan esas historias para que delas saquen o que é negativo, o que elas e eles non queren reproducir”.

Ademais, na segunda parte da acción formativa tamén se verá ata que punto calaron nos pequenos e pequenas os conceptos traballados, propoñéndolles para iso que creen as súas propias historias de debuxos animados. Deberán concibir personaxes, tramas e mesmo gravar e animar por medio dun sinxelo programa stop-motion. En calquera caso, tal e como sinala Verónica Castrillón,”han de ser personaxes que rompan con todos eses moldes e estereotipos establecidos”.

O ciclo de obradoiros “As heroínas da igualdade” desenvolverase os martes e xoves até o 23 de maio, reservando dúas sesións para cada aula. Esta iniciativa inscríbese dentro das liñas marcadas no III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello de San Sadurniño e sae adiante con finanzamento da Secretaría Xeral de Igualdade, encargada de desenvolver o Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

O xoves, “Suprime o Control” na Casa da Xuventude
A área municipal de Igualdade mantén unha estreita colaboración co CPI de San Sadurniño de cara a achegar ás aulas contidos relacionados con este ámbito, pero tamén coa prevención da violencia de xénero entre a rapazada adolescente. As redes sociais e os novos xeitos de comunicación a través da internet e dos aplicativos móbiles son potentes ferramentas de construción dunha identidade igualitaria, pero tamén escenario virtual onde poden agromar novos xeitos de violencia e de dominio no seo das relacións entre a rapazada.

Neste sentido, a Deputación da Coruña puxo en marcha o programa “Suprime o Control” con tres obxectivos específicos: apoiar a construción da igualdade na mocidade axudándolle a identificar as violencias machistas, desmitificar o amor romántico marcando os límites entre o aceptable e non aceptable e, en terceiro lugar, fomentar un pensamento crítico que cambie comportamentos e actitudes, no camiño de asentar valores libres de estereotipos de xénero.

“Suprime o Control” diríxese a alumnado de 3º e 4º da ESO, pero tamén a profesorado e familias. A edición deste curso está a piques de finalizar e agora toca facer balance sobre os resultados obtidos co traballo dos últimos meses e volver falar cos pais e nais sobre as relacións tóxicas nas parellas adolescentes. O tema abordarase nunha charla que terá lugar este xoves a partir das 20.00h. na Casa da Xuventude con entrada libre.

A finalidade da sesión é sensibilizar ás familias sobre a dimensión que ten o fenómeno da violencia de xénero entre a mocidade, así como facilitar coñecementos e pautas que contribúan a prestar unha maior atención a esta problemática.

 

O programa “As heroínas da igualdade” é unha actividade subvencionada pola Secretaría Xeral da Igualdade, en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero

logotipo_ministerio2018    logotipo_sxi_3

 

Share.