O Concello suspende tamén a xornada “Apostando polo sector primario” e o Chanfaina Lab

0

Se hai tan só uns días informabamos da suspensión do programa cultural itinerante “Á xunta da noite”, hoxe temos que falar da cancelación doutros dous eventos municipais, a xornada de formación “Apostando polo sector primario” que ía ter lugar na Cortiña o sábado 29 de agosto e tamén o encontro audiovisual Chanfaina Lab, previsto para a primeira fin de semana de setembro. O alcalde, Secundino García, comunicou esta mañá a decisión do executivo municipal, fundamentada na necesidade de ofrecer as máximas garantías preventivas nun contexto en que os positivos por coronavirus están medrando en Galicia a un ritmo de 100 casos diarios. Parte do programa do Chanfaina tentarase acomodar na edición do ano que vén, mentres que para “Apostando polo sector primario” estase traballando xa na posibilidade de ofrecer as charlas máis adiante a través de internet.  

O titular de  Desenvolvemento local, Manolo Varela, comunicoulle hoxe mesmo aos poñentes e ás persoas inscritas a cancelación da xornada técnica ao redor do sector primario programada para dentro dunha semana. “Fixemos unha avaliación técnica de seguridade específica para a COVID-19 e tras cotexar distintos aspectos, entre eles a procedencia de poñentes e participantes doutras áreas sanitarias, chegouse á conclusión de que o risco ante unha eventual exposición ao virus é demasiado alto nestes momentos, tendo en conta ademais que o perfil da maioría de asistentes, con idades que superan os 55 anos, entraría dentro dos considerados grupos de risco.”

Varela engade que a intención do seu departamento é manter o programa para máis adiante readaptándoo a un formato virtual. “Hai ferramentas que nos permiten organizar as charlas a través da rede, co que incluso poderiamos chegar a un público máis amplo. É algo no que estamos traballando e do que informaremos proximamente. Ben é certo que non será o mesmo, xa que a xornada tamén incluía visitas guiadas polo arboreto, a horta de froiteiras e o paseo fluvial, pero a día de hoxe é a mellor opción para non ter que sacrificar todo o programa”.

Pola súa banda, Secundino García referiuse á suspensión do Chanfaina Lab, que mantería tamén o programa de actividades e o convite aos cineastas pasándoo para 2021. O evento baséase na convivencia estreita durante unha fin de semana de setembro entre creadores e creadoras chegadas desde distintos puntos e persoas de San Sadurniño que colaboran na elaboración das pezas ou que mesmo producen as súas propias curtas. O alcalde alude a que o actual contexto sanitario “racha con esa filosofía de proximidade e case de contacto físico entre participantes, parte deles de idade avanzada”.  García insiste en que “hai que gardar as distancias, evitar aglomeracións… por iso consideramos que é mellor deixar o Chanfaina Lab para o ano que vén e facelo se cabe con máis forza”.

O evento ía comezar o xoves 3 de setembro cun obradoiro de montaxe impartido polo realizador Fran X. Rodríguez. O venres 4 desenvolveríase a “Eira de cineastas” na que as persoas participantes -máis dunha trintena este ano- proxectarían unha pequena mostra representativa de cadansúa traxectoria audiovisual. O sábado e mailo domingo tocaría percorrer o territorio á procura de historias para filmar e, ademais, había organizada unha proxección ao aire libre do filme de Óliver Laxe “O que arde”. A suspensión ten como consecuencia directa que tampouco se celebrarán as estreas das curtas a principios do mes de febreiro.

Tanto o Chanfaina Lab como a xornada “Apostando polo sector primario” -e tamén o programa “Á xunta da noite”- figuraban como eventos principais do boletín informativo Novas, a publicación impresa que o Concello de San Sadurniño remite aos domicilios todos os meses. O folleto entregouse para o seu reparto a principios desta semana, sen marxe de manobra para incorporar estas novidades. Porén, na propia publicación xa se indicaba que toda a axenda municipal podería verse afectada polas circunstancias sanitarias e, neste sentido, recoméndaselle á veciñanza estar ao tanto das redes sociais e da web sansadurnino.gal para saber dos posibles cambios que se vaian producindo. Polo momento mantéñense o resto de citas previstas.

 

Share.